O bipartito: un oasis na historia política galega

Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño tras a elección deste como presidente © Parlamento de Galicia

Estanse a cumprir 20 anos dun suceso moi relevante na vida política galega: a perda da maioría absoluta do PP de Manuel Fraga e a posterior formación dun goberno de coalición entre o PSdG e o BNG. Era a primeira vez, dende 1981, que a dereita galega perdía a posibilidade de conformar unha maioría parlamentar despois da celebración duns comicios

Estanse a cumprir 20 anos dun suceso moi relevante na vida política galega: a perda da maioría absoluta do PP de Manuel Fraga e a posterior formación dun goberno de coalición entre o PSdG e o BNG.

Visto dende hoxe, o que sucedeu naquel mes de Xuño de 2005 foi algo mais que a materialización dunha alternancia no goberno da Xunta. Era a primeira vez, dende 1981, que a dereita galega (representada polas siglas AP/PP e UCD) perdía a posibilidade de conformar unha maioría parlamentar despois da celebración duns comicios. É verdade que no ano 1987 tivo lugar unha moción de censura contra o goberno de Fernández Albor que deu paso a un "tripartito" (PSdG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego) encabezado por Fernando González Laxe e que rematou no ano 1989 coa obtención dunha axustada maioría absoluta por parte de Fraga. En todo caso, aquel Executivo foi posíbel pola grave crise interna padecida por AP/PP e protagonizada, de xeito singular, por Xosé Luis Barreiro, posteriormente retirado da vida política institucional.

Se a esa hexemonía conservadora rexistrada durante case todo o período 1981-2005, lle engadimos o dominio acadado polo PP a partir do 2009, chegamos á conclusión de que o goberno bipartito encabezado por Touriño e Quintana representou un cativo oasis no deserto político no que aínda fica instalada a realidade das institucións do autogoberno galego.

O paso do tempo ten revalorizado, sen dúbida, a importancia do goberno bipartito na historia do sistema democrático galego. Acometeu un ambicioso programa de reformas a partir dunha aposta decidida pola ampliación do autogoberno e pola dotación dun maior benestar social

Se repasamos os feitos mais importantes acontecidos durante estes últimos 20 anos no escenario estatal e tamén no internacional, atopamos un catálogo moi amplo e intenso: grave crise nas finanzas occidentais acompañada de políticas económicas moi lesivas para as maiorías sociais; significativo debilitamento electoral do bipartidismo no ámbito estatal español a partir de 2015; ruptura dos consensos constitucionais existentes a respecto de Cataluña e máxima crise na vida política institucional desa nación; impacto da pandemia da COVID; cambios nas dinámicas da UE provocados pola intervención de Rusia en Ucraína; ruptura na orde mundial por mor do retorno de D. Trump á presidencia dos USA...

Poren, todas estas novidades significativas que caracterizaron a evolución do contexto exterior non alteraron a continuidade hexemónica do partido de Núñez Feijoo na Xunta. Xa se ten falado moito e, de seguro, haberá mais análises futuras para tratar de entender esta inédita fortaleza electoral: poderosas inercias consolidadas no comportamento dunha parte do corpo social galego nas urnas; máxima afinidade da elite política coa maioría dos grupos empresariais e mediáticos; graves erros cometidos polas forzas políticas da oposición...

A pesar dun indiscutíbel balance positivo (no que cabe anotar, tamén, a inexistencia de episodios de corrupción) resulta sorprendente e paradoxal que tanto o PSdG como o BNG teñan dedicado unha menor atención ao labor daquel Executivo que o esforzo practicado polo PP para desprestixialo cunha frecuencia digna de mellor causa

O paso do tempo ten revalorizado, sen dúbida, a importancia do goberno bipartito na historia do sistema democrático galego. Acometeu un ambicioso programa de reformas a partir dunha aposta decidida pola ampliación do autogoberno e pola dotación dun maior benestar social. A reforma do Estatuto de Autonomía non foi posíbel pola negativa radical de Feijoo e Rajoy. A pesar dun indiscutíbel balance positivo (no que cabe anotar, tamén, a inexistencia de episodios de corrupción) resulta sorprendente e paradoxal que tanto o PSdG como o BNG teñan dedicado unha menor atención ao labor daquel Executivo que o esforzo practicado polo PP para desprestixialo cunha frecuencia digna de mellor causa. 

Por que se deu este distanciamento nunhas organizacións que, nos vindeiros anos, están condenadas a compartir unha nova experiencia gobernamental na Xunta? Non é doado atopar unha resposta explicativa mais alá de constatar o lóxico relevo xeracional realizado nos cadros dirixentes de ambas formacións. Seguramente existiron puntos de vista diferentes -poucas veces enunciados explicitamente- a respecto das luces e das sombras rexistradas naquela experiencia gobernamental. Este déficit de reflexión colectiva no interior de ambas organizacións non propiciou unha confrontación adecuada co relato promovido polo universo do PP.

Diversos momentos da campaña de 2005 e do inicio do Goberno de coalición de PSdeG e BNG CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxes: Emisións da época de RTVE e CRTVG e arquivo Parlamento

Unha análise demorada do sucedido entre 2005 e 2009 permitiría obter algunhas ensinanzas aproveitábeis de cara ao futuro

Unha análise demorada do sucedido entre 2005 e 2009 permitiría obter algunhas ensinanzas aproveitábeis de cara ao futuro:

1) A necesidade de ter establecidas con anterioridade as prioridades programáticas da acción gobernamental e as previsións da súa execución no horizonte temporal da lexislatura. Tratándose dunha coalición, resulta esixíbel, obviamente, establecer con precisión os acordos e delimitar a xestión das diverxencias.

2) Posuír un organigrama previo da ordenación das distintas áreas competenciais e os criterios para pactar o reparto entre os socios do goberno.

3) Ter preparadas, con suficiente antelación, as equipas humanas capaces de acometer, coa maior eficacia posíbel, as tarefas involucradas na xestión do novo Executivo.

4) Asumir un compromiso explícito no tratamento do equilibrio entre a necesaria unidade na acción gobernamental e o lóxico respecto pola singularidade de cada forza. Xa que logo, debería ser un requisito básico concretar un protocolo que permita garantir un funcionamento satisfactorio para ambas partes.

A necesidade de ter establecidas con anterioridade as prioridades programáticas da acción gobernamental e as previsións da súa execución no horizonte temporal da lexislatura

5) Outorgar unha prioridade especial aos criterios que deben presidir a política comunicativa do goberno. No ámbito dos medios públicos, dando un xiro substancial ao que veu sucedendo nas últimas décadas na CRTVG. No territorio das empresas xornalísticas privadas, substituíndo as prácticas clientelares por relacións reguladas de colaboración e defensa do dereito á libre información por parte da cidadanía.

6) Coñecer ben as dinámicas internas da Administración galega como consecuencia do persistente exercicio de control realizado polo PP nas últimas décadas sobre os distintos corpos funcionariais. Esta hipoteca foi visíbel entre 2005 e 2009 e podería repetirse de non mediar unha acción específica para neutralizala na maior medida posíbel.

7) Xestionar adecuadamente as expectativas de cambio presentes nas estruturas organizadas do BNG e do PSdG para evitar posteriores frustracións. Unha adecuada combinación da máxima ambición na axenda transformadora e das inevitábeis doses de realismo debería inspirar a folla de ruta do novo goberno.

 

Ao cabo, co bipartito cumpriuse a vella máxima de que "alguén virá que bo te fará". Quen chegou a San Caetano foi, precisamente, a mesma persoa que hoxe aspira a entrar na Moncloa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.