O coronavirus en Transnistria

Transnistria © Moncho Iglesias Míguez

Hemeroteca

Enclavada dentro de Moldavia segundo as leis internacionais e fronteiriza con Ucraína, é so recoñecido internacionalmente por Abajzia, Nagorno Karabaj e Osetia do Sur. Con todo, os seus habitantes, os transnistrios, manteñen o espírito independente da súa nación

En 1940, Moldavia era unha das 15 repúblicas socialistas soviéticas. Dentro dela, Stalin adscribira Transnistria, un punto fronteirizo natural entre as verdes Moldavia e Rumanía, e as chairas rusas e ucraínas. Alén desas diferenzas xeográficas, ambas partes serviron de ponte de unión cultural entre o mundo latino e o eslavo. Pero os cambios no bloque comunista fixeron que a poboación pro-rusa da República Socialista Soviética de Moldavia axiña buscasen un xeito de achegarse á beira eslava da que se sentían máis próximos.

En 1990, tras a caída do bloque soviético, o primeiro país en declarar a súa independencia foi a República Moldava de Pridnestrovia, máis coñecida como Transnistria, temerosa dunha posible unión de Moldavia con Romanía. Enclavada dentro de Moldavia segundo as leis internacionais e fronteiriza con Ucraína, é so recoñecido internacionalmente por Abajzia, Nagorno Karabaj e Osetia do Sur. Con todo, os seus habitantes, os transnistrios, manteñen o espírito independente da súa nación e viven o confinamento por mor do coronavirus coas medidas de prudencia e confinamento que dita o seu propio goberno.

En 2020 a poboación de Transnistria non chega ao medio millón. Todo o país ten unha extensión do tamaño da provincia de Pontevedra e amais de aldeas verdes onde abundan os viñedos, hai edificios grises, como os da capital, Tiraspol

En 2020 a poboación de Transnistria non chega ao medio millón. Todo o país ten unha extensión do tamaño da provincia de Pontevedra e amais de aldeas verdes onde abundan os viñedos, hai edificios grises, como os da capital, Tiraspol. Nela pódese percorrer a historia do comunismo soviético a través de rúas como as avenidas 25 de outubro, Marx, Engels ou Iuri Gagarin, cuxa imaxe está presente no billete de 5 rublos transnistrio. Porque o país ten moeda propia, amais de bandeira, escudo, himno e edificios de seu, como a universidade estatal, que conta con máis de 10.000 estudantes e graos diversos, amais de servir de museo vivo do país.

O feito de ser un país non recoñecido oficialmente dificulta o quefacer diario. As fronteiras con Moldavia e Ucraína permanecen pechadas, e as importacións dende este último imposibles. Ata o peche por mor da pandemia a fronteira con Ucraína servía para evitar os controis moldavos, que agora son imposibles. Agora todas as importacións teñen que pasar polo control moldavo e iso frea a distribución e fai que haxa que esperar entre 7 e 10 días por certos medicamentos.

Soviet Supremo de Transnistria © Moncho Iglesias Míguez

Nata Scurtul, xornalista independente, coincide con Andrey en que a situación de Transnistria con respecto ao coronavirus non é alarmante

Andrey Smolenskiy, amais de ser un dos preto de 150.000 habitantes de Tiraspol, é un perfecto coñecedor do lugar. É guía turístico e leva oito anos a cargo da súa propia axencia de viaxes: https://transnistria-tour.com/en/. Para Andrey o peor de todo é «a liberdade de movemento entre a xente e nos lugares públicos.» No seu caso, afeito a percorrer a cidade e mesmo os arredores a diario, a situación complícase no eido laboral; porén, conta con volver recibir turistas en xullo, regresar á rutina e manter a súa paixón polas viaxes.

Nata Scurtul, xornalista independente, coincide con Andrey en que a situación de Transnistria con respecto ao coronavirus non é alarmante. Para ela, o feito de non poder celebrar a Semana Santa, segundo a Igrexa ortodoxa, como adoitaba facer, foi un dos peores momentos do confinamento. Pero o máis difícil é o feito de ter que estar illada, en casa, coa única compañía dun gato. Para ela, «quedar no mesmo lugar por máis dun mes é moi duro psicoloxicamente. Preocúpanme os meus fillos, que viven lonxe de min. Non hai conversas reais nin emocións reais nin o son natural dunha risa, pois non é igual por Internet.» No eido laboral, para Nata é complicado escribir. Como feminista e convencida defensora dos dereitos humanos, escribir dende un país como o seu non é doado. «Non podo saír fóra e escribir sobre algo interesante en Transnistria, e hai un mes tiven certas presións por parte do exército.»

Transnistria seguirá vencellada a esa fronteira natural entre o oriente e o occidente europeo, ás liñas limítrofes entre as propiedades de gas natural, e á loita pacífica e silente dunha nación que procura o seu recoñecemento internacional como estado

O pasaporte transnistrio só ten validez en Transnistria e por iso é necesario solicitar outra cidadanía, sobre todo a rusa, pero tamén a moldava e a ucraína e mesmo a búlgara. Neste sentido, Andrey é categórico: «Evidentemente, todos esperamos que se lle conceda os status oficial a Transnistria e estou seguro de que habemos dar coa solución e a fórmula exacta para conseguilo.»

Nata tamén confía nesa resolución, pero mentres confórmase coa realidade, que non deixa de aportar momentos, cando menos interesantes: «Ata o de agora, todos os test de coronavirus fixéronse no centro médico de Chisenau [capital de Moldavia], o cal significa que, malia a separación política, os problemas serven para unir a xente. Pero, ao mesmo tempo, a fronteira entre Moldavia e Transnistria permanece pechada, así que ninguén pode entrar nin saír. E un problema máis: as tarxetas bancarias internacionais non funcionan agora.»

Transnistria seguirá vencellada a esa fronteira natural entre o oriente e o occidente europeo, ás liñas limítrofes entre as propiedades de gas natural, e á loita pacífica e silente dunha nación que procura o seu recoñecemento internacional como estado; un recoñecemento que, cando menos, tamén terá que chegar despois da crise do coronavirus.

Andrey Smolenskiy, © Moncho Iglesias Míguez
Nata Scurtul © Moncho Iglesias Míguez
Monumento da Guerra en Transnistria © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.