Cando Jean-Philippe, fillo de Philippe Gaussot, abriu unha maleta esquecida despois do falecemento do seu pai, non podía imaxinar que o seu contido viría enriquecer a nosa común memoria europea do século XX, pois a valixa contiña máis de douscentos negativos –inéditos na súa gran maioría– tomados nos camiños do éxodo republicano de 1939 en Francia
Cando Jean-Philippe, fillo de Philippe Gaussot, abriu unha maleta esquecida despois do falecemento do seu pai, non podía imaxinar que o seu contido viría enriquecer, alén da súa memoria persoal e familiar, a nosa común memoria europea do século XX, pois a valixa contiña máis de douscentos negativos –inéditos na súa gran maioría– tomados nos camiños do éxodo republicano de 1939 en Francia.
O xornalista e reporteiro Philippe Gaussot (Belfort, 1911 – Chamonix, 1977) naceu no seo dunha familia católica e conservadora –o seu pai foi xeneral– e realizou en París estudos universitarios que o deberían ter conducido profesionalmente cara á administración colonial francesa, mais a confluencia de diversos factores históricos e persoais –entre eles unha tuberculose– cambiaron a ruta trazada dunha vida na que o movemento scout ou asociacións cristiás da mocidade como a JEC (Jeunesse étudiante chrétienne) deixaron unha forte pegada e contribuíron a reconducir a Gaussot polos camiños da montaña, do voluntariado e do xornalismo.
O seu traballo humanitario salvou vidas, reagrupou familias e axudou a sacar dos campos a persoas refuxiadas por medio de contratos laborais. Este camiño solidario conduciuno, como era previsible, a participar na Resistencia francesa contra o nazismo
Así, xa dende 1937 colaborou en Francia con diversos comités católicos de axuda aos refuxiados republicanos: “Comité nacional católico de acollida aos vascos”, “Comité nacional católico de socorro á infancia de Cataluña” e “Comité nacional católico de socorro aos refuxiados de España”. Gaussot será un delegado fundamental destes comités, e como tal documentará coas súas fotografías as colonias de acollida a nenas e nenos vascos no contorna de Bordeos, a marea humana de refuxiados nos pasos fronteirizos dos Pireneos orientais en febreiro de 1939, e os terribles campos de concentración das praias do Rosellón. O seu traballo humanitario salvou vidas, reagrupou familias e axudou a sacar dos campos a persoas refuxiadas por medio de contratos laborais. Este camiño solidario conduciuno, como era previsible, a participar na Resistencia francesa contra o nazismo durante a Segunda Guerra Mundial; documentou a Liberación de Chamonix en 1944 e proseguiu a súa carreira profesional no xornal Le Dauphiné libéré.
Na Coruña, a colaboración entre a Association 24 Août 1944 - La Nueve e o Concello herculino fixo posible a presentación destas imaxes na Casa Museo Casares Quiroga; non se pode imaxinar mellor lugar para acoller estes Camiños do exilio
A través de Felip Solé, realizador do documental Camp d’Argelers (TV3, 2009), os negativos foron confiados por Jean-Philippe Gaussot á Association 24 Août 1944 - La Nueve, que ten como obxectivo a investigación, conservación e transmisión da memoria antifascista do noso exilio, e moi especialmente a difusión e o recoñecemento da liberación de París o 24 de agosto de 1944 polos españois de La Nueve, a compañía da 2ª División blindada do xeneral Philippe Leclerc. Solé, o historiador Grégory Tuban e as persoas desta asociación memorial iniciaron entón un inmenso traballo de identificación, catalogación, restauración e difusión deste valioso fondo fotográfico; dende 2019 as imaxes de Gaussot percorren Europa, e xa foron mostradas en lugares tan diversos e significativos como París, Madrid, Collioure, La Jonquera, Xixón ou Liexa, onde o azar, que sempre é necesario, as fixo coincidir no tempo e no espazo con outra exposición memorial imprescindible, Mulleres resistentes, da ARMH (Asociación para la Recuperación de la Memoria histórica). Porque o traballo memorial non entende de fronteiras. Na Coruña, a colaboración entre a Association 24 Août 1944 - La Nueve e o Concello herculino fixo posible a presentación destas imaxes na Casa Museo Casares Quiroga; non se pode imaxinar mellor lugar para acoller estes Camiños do exilio.
A mostra está formada por unha selección de cen fotografías presentadas en tres bloques. O primeiro deles ilustra as colonias creadas en 1937 polo Comité nacional católico para a infancia vasca refuxiada na Xironda. Nenas, nenos e adolescentes posan para o fotógrafo executando danzas tradicionais, realizando traballos colectivos ou estudando en aulas onde se visibiliza a aprendizaxe xenérica. Mais a ollada humanista de Gaussot deriva xa aquí do clixé preparado e retrata con tenrura a pequena durmida, deitada na herba despois do xogo, lonxe das bombas e da miseria da guerra.
Nas súas imaxes a beleza da paisaxe cohabita coa dureza do vivido por aqueles que calzan alpargatas nos Pireneos en febreiro, polas mulleres cos nenos no colo, polos feridos e mutilados, polos soldados que chegan masivamente a campamentos de fortuna temporais
A segunda sección reagrupa unha serie de instantáneas tomadas en Prats-de-Mollo, Bourg-Madame ou Cerbère en 1939. Semella que o seu obxectivo foi documentar a distribución da axuda de primeira necesidade achegada polos camións do Comité aos refuxiados tras o paso da fronteira (alimentos, mantas...) mais, novamente, a cámara de Gaussot diverxe e retrata a traxedia humanitaria na montaña con respecto e empatía. Nas súas imaxes a beleza da paisaxe cohabita coa dureza do vivido por aqueles que calzan alpargatas nos Pireneos en febreiro, polas mulleres cos nenos no colo, polos feridos e mutilados, polos soldados que chegan masivamente a campamentos de fortuna temporais. Fronte á imaxe dunha morea de armas incautadas ao exército republicano, outra mostra unha morea de máquinas de escribir igualmente confiscadas, testemuño irrefutable da importancia da palabra como arma de liberación.
Gaussot entraba cos camións de axuda humanitaria no espazo das praias cercadas con arame de espiño e así, documenta para nós os fráxiles abeiros levantados sobre a area con lonas e xuncos
Igual de valiosa é a terceira sección de fotografías, tomadas nos campos de concentración de Argelès e de Saint-Cyprien, tamén en 1939. Gaussot entraba cos camións de axuda humanitaria no espazo das praias cercadas con arame de espiño e así, documenta para nós os fráxiles abeiros levantados sobre a area con lonas e xuncos, e o inicio da construción das barracas, levantadas polos propios refuxiados. Unha das instantáneas, dun gran valor histórico, testemuña graficamente a existencia dos niños de metralladoras que as tropas coloniais francesas efectivamente instalaron para a vixilancia do campo de Argelès.
A actriz coruñesa exiliada María Casares, que dedicou as súas memorias, Residente privilexiada, ás persoas desprazadas, sentiríase sen dúbida orgullosa de acoller na súa casa natal as imaxes xa imprescindibles de Philippe Gaussot
O legado de Gaussot e o traballo das asociacións para a recuperación da memoria histórica enriquecen e actualizan non só a nosa bagaxe memorial colectiva, senón tamén a persoal, cando, por exemplo, dende Gales, a filla dun capitán do exército republicano recoñece o seu pai, Pedro José Sánchez, entre os homes dun dos camións, ou cando dende México o neto do asturiano José Tadeo Álvarez Llaneza descobre o seu avó materno nunha imaxe do campo de Argelès.
A actriz coruñesa exiliada María Casares, que dedicou as súas memorias, Residente privilexiada, ás persoas desprazadas, sentiríase sen dúbida orgullosa de acoller na súa casa natal as imaxes xa imprescindibles de Philippe Gaussot.
A exposición fotográfica Camiños do exilio pode verse na Casa Museo Casares Quiroga (A Coruña) ata o 7 de maio de 2023.