Logo das eleccións ao Parlamento Europeo é difícil falar doutra cousa que non sexa o estarrecedor crecemento da extrema dereita na outrora pacífica Europa
Existiu unha revista de humor chamada La Codorniz. Publicouse entre 1941 e 1978 no réxime ditatorial, nacional-católico e falanxista do sanguinario Francisco Franco. A publicación, ata onde podía, enganaba á censura cos subterfuxios sutís da ironía e os dobres sentidos para aproximarse á daquela utópica liberdade de expresión. Hai unha lenda, non sei se certa, que me contaba o meu avó Antonio, roxo irredento, que di que unha vez publicaron unha viñeta na que “o home do tempo” anunciaba: “Reina un fresco general procedente del norte”, en clara alusión ao militar ferrolán. Disque o número despistou á censura, mais axiña foi secuestrado polo goberno. Ata hai pouco, crin que esas historias do avó serían para sempre iso, historias superadas dun pasado peor.
Logo das eleccións ao Parlamento Europeo é difícil falar doutra cousa que non sexa o estarrecedor crecemento da extrema dereita na outrora pacífica Europa. A fronte reaccionaria avanza, cal fenómeno meteorolóxico, de leste a oeste e de sur a norte. Devora incluso ao PP europeo, que ve, aquí sen ir máis lonxe, a un youtuber ultra obter tres escanos e seis o partido das tres letras. En países que semellaban vacinados ante a barbarie populista e violenta como, nada menos, Alemaña ou Italia, os partidos de ultradereita medran e gañan posicións.
Estámonos afacendo á inxustiza social e moita xente está votando por ela
Na fronteira leste da Unión, dous estados de marcado carácter liberal e no lado máis á dereita do espectro ideolóxico, combaten desde hai dous anos longos. Europa apoia ao invadido, ao democrático, e así debe ser. Mais non por iso temos que esquecer que Volodomir Zelenski avogaba, antes do conflito bélico, por crear unha cidade na que recluír a prostitución e o xogo ou por políticas económicas pouco ou nada sociais. O relato que presenta ao líder do partido Servidor do Pobo coma un santo non é, na miña opinión, mais ca o froito da necesidade de empatizarmos co agredido. En canto a Vladimir Putin, a súa ideoloxía e políticas, que explicar xa que non saibamos?
Un pouco máis alá, Israel fai con Palestina o que os nazis lle fixeron ao pobo xudeu hai ben poucas décadas, sustentando o seu dereito á terra no conto de ficción máis lido da historia: a Biblia. Mentres, no cono sur americano Javier Milei segue implacable co seu plan de arrasar Arxentina e no norte todas as previsións indican que Donald Trump pode reinar de novo nos USA.
Aquí é cada vez máis frecuente presenciar comportamentos xenófobos. Escoitar sentenzas homófobas, racistas ou nostálxicas da ditadura. Ler noticias de como os cargos electos nos concellos e comunidades onde goberna esa dereita á dereita da dereita negan o machismo mentres o exercen violentamente. Saber que só o vinte por cento das crianzas beneficiarias dos comedores escolares teñen garantida a comida na casa durante as vacacións. Ler que un caritativo club de fútbol mercou a casa dunha anciá andaluza para que a especulación produto do turismo non a desafiuzase mentres que as autoridades non fixeron ren. Estámonos afacendo á inxustiza social e moita xente está votando por ela.
É posible que esteamos a tempo. Se espertamos, claro, antes de que nos secuestren a prensa libre, antes de que a ignorancia, o medo e o sálvese quen poida se fagan definitivamente co temón da humanidade. Antes de que teñamos que apurar para mercar La Codorniz, non vaia ser que a censuren
Cómpre reflexionar como é posible que a memoria cidadá sexa tan lixeira. Sei que non digo nada novo se afirmo que o relato non se fixo ben, que non conseguimos que a xente máis nova comprendese a nosa historia recente. Que a memoria que evita que os erros se repitan non está incorporada. Tamén está dito xa que o populismo canaliza de marabilla a frustración, o descontento e o medo. Estes, e de seguro outros moitos, poden ser factores que acheguen unha explicación.
Porén, entre que matinamos e non, na cámara lexislativa e representativa de Europa case que un de cada catro dos asentos está agora ocupado por ultras, gran parte dos cales son antieuropeos. (Tamén, negacionistas da violencia machista, do cambio climático, xenófobos, homófobos, aporófobos, racistas...) Todo isto, nun Parlamento que se rexe por normas ideais: o consenso e a negociación son imperativos na elección de comisarias e comisarios, así como en case que calquera acción dun mínimo callado. Non vexo eu á ultradereita negociando. Si, dinamitando a transición ecolóxica, os dereitos das mulleres, os das persoas migrantes e os das pobres.
É posible que esteamos a tempo. Se espertamos, claro, antes de que nos secuestren a prensa libre, antes de que a ignorancia, o medo e o sálvese quen poida se fagan definitivamente co temón da humanidade. Antes de que teñamos que apurar para mercar La Codorniz, non vaia ser que a censuren.