A aeroliña lowcost máis famosa de Europa preséntase como a compañía irlandesa de Michael O’Leary. Tería máis sentido afirmar que Ryanair é a compañía do fondo de investimento norteamericano Capital Research, que posúe máis do triple do accionariado que O’Leary. Á súa vez os accionistas de Capital Research son Microsoft, Meta, Nvidia, Amazon, Alphabet, Apple, Starbucks, Netflix...
Lin hai tempo na prensa que un famoso billonario de Silicon Valley, creo que Jeff Bezos, na declaración da renda solicitaba a desgravación por libros escolares dos fillos. Home non! Dun ano para outro a editorial cambia un pe de foto e a cativa non pode herdar os manuais do irmán. Ese tipo de xestos, que soborda o impulso de aforro da ética protestante, ilustra a chave do éxito empresarial. Mirade a revolta do plutoácrata de Ryanair a conta da suba de céntimos nas taxas aeroportuarias. Non sería de estrañar que os fillos de Michael O’Leary recorresen aos bancos de libros para pobres e borrasen os cadernos de exercicios para reaproveitalos. O capitalismo é cousa de lobos, pero tamén de cadelas e patacóns.
A aeroliña lowcost máis famosa de Europa preséntase como a compañía irlandesa de Michael O’Leary. É isto así? A identidade complexa é un asunto fulcral no pensamento contemporáneo e, por unha banda, se Ryanair se sente irlandesa, quen somos nós para dicirlle que non pode selo? Agora, hai matices, por exemplo o accionariado. Segundo a lei de propiedade horizontal, se un é propietario do 3,96% da finca na que se ubica a súa vivenda, resulta esaxerado e prepotente presentarse como o propietario da finca enteira. Esa é porcentaxe de accionariado en mans de O’Leary. Tería máis sentido afirmar que Ryanair é a compañía do fondo de investimento norteamericano Capital Research, que posúe máis do triple do accionariado que O’Leary. Á súa vez os accionistas de Capital Research son Microsoft, Meta, Nvidia, Amazon, Alphabet, Apple, Starbucks, Netflix... que á súa vez son propiedade doutros fondos de investimento, que á súa vez son propiedade de bancos e aseguradoras, de maneira que un xa non sabe. Tanto é así que o propio Capital Research é un dos accionistas importantes da propia AENA, contra a que se rebela O’Leary. Os quince máximos accionistas de Ryanair son senllos fondos de investimento, entre eles toda a banda de Fidelity, Blackrock, etc. Estes tamén, incríbel pero certo, accionistas de AENA.
Cando o bocazas de Ryanair se queixa dos 68 céntimos que fan inviábel a continuidade da empresa, protesta o voceiro dos fondos de investimento que manexan trillóns de dólares, é o capitalismo que reclama o seu
Cando o bocazas de Ryanair se queixa dos 68 céntimos que fan inviábel a continuidade da empresa, protesta o voceiro dos fondos de investimento que manexan trillóns de dólares, é o capitalismo que reclama o seu. Cando o comisario de transportes da UE acepta reunirse con O’Leary e non con AENA ou co estado español, reúnese co capitalismo que reclama o seu. Cando Ryanair reclama subvencións das administracións locais e rexionais, que acaban competindo entre elas por atraer máis voos (aquí Compostela, Vigo e a Xunta), é o capitalismo mafioso que reclama o seu, unha sorte de peaxe na sombra.
O capital sementa para despois recoller. Ryanair por exemplo sementa un plus de 2,5 euros para o seu persoal de terra por cada maleta de cabina que detecten excedendo o tamaño permitido. É un gasto, si, pero desa semente agromará un sobrecuste de ata 75 euros por viaxeiro. A terceira parte dos ingresos da compañía, que este ano subíu o prezo dos billetes un 21%, non procede da venda de billetes senón das chilindradas disto e o outro. E así ata os dous mil millóns de beneficios anuais.
A ameaza de renunciar a parte do seu suposto negocio debería axudar a dármonos conta de que o seu negocio é outro, a non ser que nos trabuquemos e Ryanair sexa en realidade unha ONG humanitaria
Entre as ameazas e chantaxes que estamos a escoitar por parte da aeroliña sobrancea a eliminación de destinos e prazas: agora un millón, despois un millón máis. Pensémolo ben. Imaxinades a Carrefour “ameazando” con que, se non lle baixan os impostos, castigará o país co peche dun cento de hipermercados? Para levar os seus clientes e clientas á ruína? A ameaza de renunciar a parte do seu suposto negocio debería axudar a dármonos conta de que o seu negocio é outro, a non ser que nos trabuquemos e Ryanair sexa en realidade unha ONG humanitaria.
Michael O’Leary adoita facer vídeos para os gobernos dos países nos que opera, ao estilo dos que os secuestradores envían ás familias ameazando con cortarlle as orellas ou os dedos ao secuestrado, un a un, ata que paguen o rescate. Nestes vídeos sae con sorriso de clown pero O’Leary non é dos pallasos que fan rir os nenos. O seu sorriso e as súas pallasadas agochan os CEOs de Wall Street disfrazados de Joker, o personaxe que n’O Cabaleiro Escuro advertía: “Isto non vai de cartos, vai de enviar unha mensaxe”. Equilicuá. O Joker tamén di: “Vós tedes todas esas normas e pensades que vos van salvar... A única maneira sensata de vivir neste mundo é sen normas”, ou aínda: “Gotham (O’Leary diría Europa) merece un criminal de primeira clase, e eu voullo dar”. Unha máis: “Non son un monstro, simplemente vou un paso por diante”.
Xa o di o refrán: O lowcost sae caro.