As novas regras impostas pola Administración Trump en Venezuela supuxeron a interrupción total do subministro de petróleo que chegaba á illa caribeña. Tal circunstancia agravou a crise enerxética que xa viña padecendo o sistema produtivo cubano e provocou un maior empeoramento nas condicións de vida polas que atravesa a maioría da poboación
No mes de Maio de 2025 escribín, nesta mesma páxina, un artigo sobre a situación pola que estaba atravesando a sociedade de Cuba. No remate do texto, establecía algunhas hipóteses sobre o desenvolvemento previsíbel dos acontecementos na illa caribeña. Literalmente, sinalaba o seguinte:
"Resulta moi complicado facer un prognóstico sobre o futuro de Cuba. En todo caso, pódense sinalar tres escenarios teoricamente posíbeis no horizonte temporal do vindeiro lustro: 1) a continuidade da situación actual (deterioro das condicións materiais de vida da maioría da poboación e mantemento do poder de coerción que posúe a elite política gobernamental); 2) unha reedición -con novos protagonistas- da vella relación de dependencia económica coa URSS que, ademais de posibilitar o funcionamento dun aparello produtivo fortemente subsidiado, favorecese a viabilidade dalgunhas reformas políticas controladas; 3) apertura dun proceso negociador entre o goberno, a oposición interior(que posúe unha cativa relevancia organizada) e a Administración norteamericana que permitise acadar un acordo para o establecemento dun sistema político pluripartidista homologábel ao que rexe na maioría dos Estados latinoamericanos."
No tempo transcorrido dende Maio de 2025 temos asistido a unha forte aceleración de acontecementos relevantes no ámbito internacional. No contexto xeográfico mais directamente relacionado con Cuba ocorreu algo moi transcendente: a intervención directa de tropas norteamericanas no secuestro de Nicolás Maduro e a posterior substitución do mesmo por Delcy Rodríguez co aparente apoio da Casa Branca. As novas regras impostas pola Administración Trump en Venezuela supuxeron a interrupción total do subministro de petróleo que chegaba á illa caribeña. Tal circunstancia agravou a crise enerxética que xa viña padecendo o sistema produtivo cubano e provocou un maior empeoramento nas condicións de vida polas que atravesa a maioría da poboación.
As opcións que fican sobre a mesa son dúas: o mantemento da lóxica continuísta do goberno que preside Díaz Canel ou o desenvolvemento dun proceso de negociación entre os dirixentes de Cuba e os de Estados Unidos
Dos tres escenarios posíbeis que formulaba hai case un ano, resulta verosímil, nas circunstancias actuais, descartar a hipótese dunha maior relación do goberno cubano cos homólogos de Rusia ou China que lle permitiran -a curto prazo- o acceso ao subministro petrolífero e o apoio financeiro para acometer reformas estruturais no sistema económico que neutralicen os graves desequilibrios que padece a illa. Nin Putin nin os dirixentes chineses teñen suficientes incentivos para cuestionar o implícito reparto de zonas de influenza que latexa na estratexia da Administración Trump. A tal efecto, Ucraína e Taiwan figuran no mesmo taboleiro que Cuba. E xa non estamos no mundo bipolar da vella "guerra fría" que revalorizou extraordinariamente o papel dun país que, daquela, encabezaba Fidel Castro.
Fálase da existencia de conversas entre persoas vinculadas a Marco Rubio e outras relacionadas co círculo de Raúl Castro. Poren, non hai constancia informativa pública e suficientemente contrastada sobre o alcance concreto dos asuntos que se están abordando neses contactos
Xa que logo, as opcións que fican sobre a mesa son dúas: o mantemento da lóxica continuísta do goberno que preside Díaz Canel ou o desenvolvemento dun proceso de negociación entre os dirixentes de Cuba e os de Estados Unidos. A primeira alternativa pode implicar o xurdimento de serios conflitos sociais internos ante a carencia progresiva de recursos materiais para asegurar mesmo o precario nivel de vida que se viña rexistrando nos últimos anos. O eventual medre dunha dinámica de protestas que atopen unha forte represión por parte das autoridades abriría un arriscado e incerto futuro de moi difícil xestión para todos os actores involucrados nesta crise.
A posibilidade dunha saída negociada coa Administración Trump está chea de incógnitas. Falase da existencia de conversas entre persoas vinculadas a Marco Rubio e outras relacionadas co círculo de Raúl Castro. Poren, non hai constancia informativa pública e suficientemente contrastada sobre o alcance concreto dos asuntos que se están abordando neses contactos. Podería pensarse que, tal vez, o goberno norteamericano desexa repetir a "fórmula" venezolana: aceitar a continuidade da maioría da elite dirixente do PCC a cambio de concesións importantes en materia económica. En tal caso, habería dúas dificultades específicas para aplicar ese modelo: a menor entidade dos recursos produtivos autóctonos que puideran ser controlados polos amigos de Trump e a persistencia -no seo dalgúns sectores do "establishment" norteamericano- dunha pulsión vingativa polo trunfo da Revolución de 1959 contra o réxime de Batista. Estas singularidades cubanas poderían incentivar a tentación dunha intervención militar -sequera sexa parcial e temporal- no propio territorio da illa. Semellante perspectiva non se compadecería cunha lóxica medianamente racional pero a presenza dun persoeiro coma Trump non asegura a súa inviabilidade práctica.
Sería desexábel que uns e outros sexan capaces de atopar un punto de encontro que permita albiscar un vieiro de saída deste momento crítico. Está en xogo a consecución dun benestar básico para millóns de homes e mulleres que hoxe están sufrindo intensamente naquela terra tan vinculada á nosa propia historia
E cal é a estratexia negociadora que están seguindo os dirixentes cubanos? Unha pregunta decisiva con poucas respostas de certeza contrastada. Están dispostos a introducir cambios significativos no sistema político para conseguir -como contrapartida- unha mellora nas deterioradas condicións de vida que está padecendo a gran maioría dos habitantes? Poden aceitar un tránsito gradual cara fórmulas de representación pluripartidista como as que hoxe existen -por citar algúns exemplos- en México, Brasil, Colombia ou Uruguai? Son realmente conscientes de que a indiscutíbel lexitimidade de orixe conquistada hai 60 está ficando seriamente cuestionada polas graves dificultades para conseguir unha lexitimidade no exercicio do poder ante a propia sociedade?
Sería desexábel que uns e outros sexan capaces de atopar un punto de encontro que permita albiscar un vieiro de saída deste momento crítico. Está en xogo a consecución dun benestar básico para millóns de homes e mulleres que hoxe están sufrindo intensamente naquela terra tan vinculada á nosa propia historia.