O Movemento de Pensionistas convoca unha manifestación reivindicativa o 30 de setembro, adiantándose ao “Día Internacional das Persoas Maiores”. Unha mobilización que interpela a toda a cidadanía galega, para defender os dereitos e denunciar as políticas que erosionan sistematicamente o Sistema Público de Pensións e de Servizos Públicos
O Movemento de Pensionistas convoca unha manifestación reivindicativa o 30 de setembro, adiantándose ao “Día Internacional das Persoas Maiores”. Unha mobilización que interpela a toda a cidadanía galega, para defender os dereitos e denunciar as políticas que erosionan sistematicamente o Sistema Público de Pensións e de Servizos Públicos como: a Sanidade e a Atención á dependencia. Pensións, sanidade, coidados e atención á dependencia, garantes dunha vellez digna, son cobizados polo capital financeiro que ve na prestación destes servizos un gran negocio. Incluso os gobernos proclives a unha distribución máis xusta da riqueza e a fortalecer o garante dos Servizos Públicos, ceden a estas presións que chegan directamente ou diferidas en forma de normativas e recomendacións das Institucións Europeas. Algo que dá pleno sentido ao lema do Movemento: “Goberne quen goberne, as pensións deféndense”. Como se pode contrarrestar esta presión? Pois coa presión social. Coa mobilización democrática da cidadanía. Isto que parece obvio hai que rescatalo do permanente barullo e confusión, das mentiras repetidas até convertelas en crenza popular.
Os pensionistas, coma todos os sectores que erguen a súa voz para reivindicar xustiza distributiva, enfrontámonos ao ostracismo e á divulgación de falsidades como que o Sistema Público de Pensións é insostible. Tamén nos enfrontamos á caricatura e a conquista cultural da reacción: a percepción social negativa de toda mobilización social. Non hai moito, en conversa cunha persoa que teño por amiga, esta veu a dicirme que as persoas pensionistas que nos estabamos mobilizando non tiñamos vergoña pois, e isto ilustrouno con exemplos, cobraban a pensión máxima. A lóxica sistémica do individualismo liberal máis radical conquistou a centralidade e, a loita que se fundamenta no interese colectivo e non no propio, simplemente non se comprende. Obviamente o Movemento de Pensionistas estase mobilizando polas pensións do futuro máis que polas propias.
Como todas as loitas colectivas é solidaria. Un Sistema Público de Pensións xusto e solidario e a, tan esperada e nunca chegada, reforma fiscal. Representan algo tan básico e democrático coma unha redistribución xusta da riqueza.
Os pensionistas, coma todos os sectores que erguen a súa voz para reivindicar xustiza distributiva, enfrontámonos ao ostracismo e á divulgación de falsidades como que o Sistema Público de Pensións é insostible. Tamén nos enfrontamos á caricatura e a conquista cultural da reacción: a percepción social negativa de toda mobilización social
Neste “Día Internacional das Persoas Maiores”, estamos diante da unidade de acción de todo o Movemento de Pensionistas de Galiza, algo que ademais de constituír un motivo profundo de satisfacción dótanos de máis lexitimidade para interpelar a: partidos políticos, sindicatos, organizacións da sociedade civil e á cidadanía en xeral, para que se sumen a esta manifestación reivindicativa:
1) Pola inmediata realización da auditoría das contas da seguridade social referidas ao período 1967 -2019.
2) Por igualar as pensións mínimas ao salario mínimo interprofesional.
3) Pola eliminación da actual fenda de xénero nas pensións.
4) Polas pensións de viuvez conforme o 100% da base reguladora.
5) Polo recoñecemento do movemento pensionista como interlocutor nas mesas de diálogo social: mesa das pensións.
6) Pola blindaxe das pensións na constitución como un dereito fundamental.
7) Pola eliminación dos coeficientes redutores nas pensións de xubilación anticipada con mais de 40 anos de cotización.
8) Pola derrogación da lei 22/02/2022 de impulso e promoción dos plans de pensións de emprego, non a privatización das pensións publicas.
9) Revalorización das pensións conforme o IPC real e non o IPC media interanual.
10) Definición do modelo e desenvolvemento dun Plan Integral de Residencias Públicas e dun Sistema Público de Coidados.