O nacionalismo galego e a dieta mediterránea. Apuntes sobre as eleccións europeas (III)

CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións europeas en Galicia non tiñan, coma no conxunto do Estado, un carácter plebiscitario arredor do liderado do primeiro ministro ou do líder da oposición, pero o feito de celebrarse catro meses despois dunhas importantes eleccións autonómicas nos que se consagrou o cambio no liderado ao fronte do goberno (Rueda) e da oposición (Pontón) servían para dar pistas de como este tempo asentara a un ou a outra.

En abril, co gallo do debate da investidura de Alfonso Rueda, e as reaccións da oposición ao nomeamento dos novos conselleiros e conselleiras, non quedaba lugar a moitas dúbidas de que a oposición non tomara nota dunha nova derrota política e que, salvo imponderables, non ían a asumir un cambio de rumbo.

O éxito daquela candidatura tiña moito que ver coa figura do propio Camilo Nogueira - sen dúbida había gañas de Camilo - pero sobre todo polo que representaba. A campaña de Camilo Nogueira, e o seu posterior traballo na eurocámara, tiña que ver con dous elementos trinta anos despois esquecidos polo BNG: un firme europeísmo político e unha aposta pola construción atlántica dunha Galicia vencellada nos seus intereses a Portugal

Dicía daquela, nesta mesma tribuna, que “a oposición en Galicia ten adoptado a posición de enroque para tranquilidade do Partido Popular e limita o seu repertorio ao que mellor sabe facer: axitar a rúa mobilizando aos incombustibles, ben sexa por razóns ideolóxicas ou ben como parte das súas obrigas profesionais.”

E así chegamos as europeas e a pesar de que o PPdG xa non tiña nada que demostrar en cando a hexemonía política e electoral volveuse a superar, sendo a forza máis votada en 303 dos 313 concellos que conforman o País.

Na oposición, o PSdG aproveitou a polarización da campaña e relegou ao BNG de novo ao terceiro posto, amosando así, por enésima vez, que o nacionalismo galego, mesmo cando está en ciclo alcista, se lle atragantan aquelas citas electorais que non son autonómicas e que o electorado circundante prefire optar maioritariamente por outras papeletas nestes casos. Nas europeas, a diferencia das últimas xerais, soamente pola do PSOE, pois Sumar perdeu cara ao seu socio de goberno todo o voto que lle aseguraran dous escanos no Congreso na cita de hai un ano.

Unha vez máis o BNG decidiu concorrer nunha mesma candidatura con partidos vascos e cataláns, nunha alianza que se me antolla contraria aos intereses dos galegos e das galegas.

Moi lonxe queda a aposta de atrevemento político e de mirada estratéxica de cando o BNG decidiu concorrer con papeleta propia - sen ataduras – a uns comicios europeos. 

Ben é certo que aquelas eleccións de 1.999 coincidiron cunhas eleccións municipais, e o risco era menor, pero os resultados daquelas eleccións amosaron que o electorado premia a capacidade de apertura. A candidatura de Camilo Nogueira converteuse nunha aposta de transversalidade, incrementando en 60.000 votos os resultado do partido nas municipais (de 290.187 a 349.079 votos).

O éxito daquela candidatura tiña moito que ver coa figura do propio Camilo Nogueira - sen dúbida había gañas de Camilo - pero sobre todo polo que representaba. A campaña de Camilo Nogueira, e o seu posterior traballo na eurocámara, tiña que ver con dous elementos trinta anos despois esquecidos polo BNG: un firme europeísmo político e unha aposta pola construción atlántica dunha Galicia vencellada nos seus intereses a Portugal. A figura de Mario Soares, ao que tanto vinculaba a súa acción política, referenciaba ambas cousas, ademais dunha aposta por unha esquerda integradora e conciliadora.

Unha vez máis o BNG decidiu concorrer nunha mesma candidatura con partidos vascos e cataláns, nunha alianza que se me antolla contraria aos intereses dos galegos e das galegas

O BNG decidiu nos últimos anos repetir formula con EH Bildu e ERC a conciencia que cunha baixa participación e no momento que vive o BNG - parecido ao de finais dos noventa - lograr un eurodeputado sen obrigas era máis que posible. Pola contra preferiu deixar de lado a mirada europeísta e lusista para aceptar unha eurodeputada fixa descontinua nunha compaña euro escéptica – en tempos de agresión imperialista rusa – e definida polos intereses do marco mediterráneo, en lugar do marco do eixo atlántico.

As construcións políticas que vertebran as realidades espaciais son longas e complexas, vanse asentando por diferentes substratos, en capas case imperceptibles, pero moi presentes, ata chegar as actuais realidades múltiples do século XXI. A evolución política en Europa ten pasado por diferentes niveis de edificación ao que España non é alleo.

A construción das identidades no que hoxe coñecemos como España, ten moito que ver coa etapa do tránsito do feudalismo a un primeiro capitalismo comercial e as bases dos novos estados modernos. Desde finais de século XIV ata ven entrado o século XVI a configuración do Estado Español concretouse sobre un proceso de unificación política e social, administrativa e cultural – cunha importancia decisiva da uniformidade relixiosa –, non moi diferente a da construción doutros estados modernos europeos. 

A diferencia é que no caso da Península Ibérica o Estado Moderno puido percorrer por diferentes vías que atravesaron unha política de difíciles equilibrios entre os intereses de Castela (virada para o Atlántico) e os intereses de Aragón (virada para o Mediterráneo). Nese primeiro chanzo de construción de identidades os intereses económicos e comerciais - e militares - as veces non coinciden. Polo xeral, o reino satélite de Navarra aliñábase con Aragón. Namentres que as diferencias entre as elites casteláns e portuguesas, azuzadas convenientemente desde Aragón, imposibilitaron un espazo de unificación entre Castela e Portugal.

Obviamente as cousas foron como foron, pero ese proceso de unificación peninsular entre Castela e Aragón deu lugar a un Estado máis preocupado e ocupado no despegue da súa area mediterránea. De seguro que si o proceso de tránsito ao estado moderno cubrírase desde unha unificación entre Castela e Portugal hoxe a nosa realidade produtiva, social e cultural sería outra ben diferente.

E aquí estamos cinco séculos despois. O nacemento dos estados modernos – hoxe en crise – non o explican todo, nin moito menos, pero asentan unhas bases sólidas sobre os posteriores pasos de identidades colectivas. Non é casual que os territorios atlánticos do Estado – parte de Castela-León, Estremadura e Galicia – foran durante tempo os máis desfavorecidos en comunicacións e industria.

Pódese, desde un punto de vista político, non ser nacionalista e en cambio estruturar arredor da nación o proxecto político. A nación adquire dese xeito a grandeza democrática ausente no ideario nacionalista

Chegados aquí voulles confesar dúas certezas miñas. 

A primeira, eu non son nacionalista. O nacionalismo como ideoloxía é contraria ao desenvolvemento moderno de sociedades equilibradas internamente e interrelacionadas democraticamente. Quero pensarme nunha tradición cultural que ten máis que ver co ideario universalista que vai desde Paulo de Tarso a Karl Marx, pasando por Inmanuel Kant e Thomas Jefferson.

O xurdimento de proxecto políticos nacionalistas é unha reacción refractaria de temor a perda da identidade. No século XIX, o nacionalismo –ideolóxico- alemán naceu como resposta ao ideario nacional –cidadá- da revolución francesa. Na primeira metade do século XX en Alemaña, Italia, España ou Portugal o ideario nacionalista totalitario era a resposta a un mundo ‘seguro’ que se derrubaba, sustentado en temores que un século despois volven a mover o voto dunha parte dos europeos.

De igual xeito, os nacionalismos periféricos son proxecto defensivos dunha identidade cultural que se pensa pode ser salvada desde a soberanía política en forma de Estado. O problema xurde cando a soberanía política forma parte dun ideario que hoxe confronta xa non so cunha realidade estatal superior senón cun mundo global onde se cruzan diferente soberanías. A ‘solución’ Estado que tivo a súa lóxica en boa parte do século XIX e XX hoxe está en crise, cuestionado desde dentro e fora, e en proceso de reformulación. A ‘solución’ Estado é unha solución fora do tempo actual.

Para nacionalistas cataláns e vascos as únicas nacións a autodeterminar son as súas. En múltiples ocasións teñen deixado claro – máis aló da retórica – que Galicia non forma parte do seu club selecto do que estamos excluídos

Aquí é onde quero achegarlles a miña segunda confidencia-idea. Pódese, desde un punto de vista político, non ser nacionalista e en cambio estruturar arredor da nación o proxecto político. A nación adquire dese xeito a grandeza democrática ausente no ideario nacionalista. 

E vou engadir algo, tendo en conta esa diferencia entre o nacional e o nacionalista, que para algúns pode soar a herexía. En realidade en España Vox, Junts e ERC serian partidos-nacionalistas. O PP, PSOE e PNV serían partidos-nacionais. Nos dous primeiros casos actuando de xeito dual (os casos do PP a nivel de estado e o PPdG ou do PSOE e o PSC sería dous bos exemplos de esta dualidade nacional), - e no caso do PNV cunha única referencialidade, aínda que afectado por un proceso de perda hexemónica no seu ámbito que o pode levar á perda dese carácter nacional que tivo na actual etapa democrática ata hoxe.

Por último estarían partidos-híbridos que teñen un carácter nacionalista combinativo cuns principios populistas e de radicalidade esquerdista – BNG, EH Bildu e CUP -.

Nestes casos o seu proxecto sectario ten dúas fontes de alimentación: o nacionalismo e a esquerda non democrática. E a pesar dos esforzos dalgúns dos seus dirixentes por superar certas dinámicas os dous ADNs retroalimentan un curraliño insuperable.

A tradición da esquerda non democrática impide ao BNG ter unha aceptación do marco de xogo liberal ao completo, máis aló do necesario. Por outra banda o seu carácter nacionalista lévao a alianzas mesmo contrarias aos intereses de Galicia.

As forzas nacionalistas vascas e cataláns, como unha vez máis púidose constatar no trámite de aceptación de Proposición do Parlamento Galego para a transferencia da AP9 a Galicia, non teñen ningún interese en fortalecer as inversións do Estado na España Atlántica, moi ao contrario. Hai unha incompatibilidade de intereses estratéxicos no económico claro.

Pero poderiamos pensar que a alianza ten un intereses alomenos político (Galeuzca). Tampouco!

Para nacionalistas cataláns e vascos as únicas nacións a autodeterminar son as súas. En múltiples ocasións teñen deixado claro – máis aló da retórica – que Galicia non forma parte do seu club selecto do que estamos excluídos. E no caso improbable – pero non imposible – dunha secesión das súas comunidades de España, Galicia non formaría parte dese proceso – non esperarían por nós - quedando asolagada nun Estado máis uniforme.

Esa é a encrucillada na que está asentado o nacionalismo galego desde hai medio século. Apostar pola nación ou seguir coa dieta mediterránea

As identidades culturais son constructos presentes, non son prescindibles, pero como se traballe con elas indicará o valor de progreso ou reacción da política. 

A defensa de identidades non pode supor a redución do individuo como referente de dereitos. Que unha comunidade teña maior ou menor desenvolvemento económico amosa o nivel medio do desenvolvemento da súa xente. Que unha comunidade teña unha maior calidade institucional amosa o nivel de cultura democrática da súa cidadanía.

Sobre eses dous piares hai que construír o país do conxunto. Para iso serven os ideais europeístas e atlánticos.

De igual xeito que non pode haber ningún partido progresista que non teña como horizonte a construción nacional da Unión Europea, tampouco pode existir ningún partido gale(guista) no sentido político que non teña no horizonte a construción dun espazo político de converxencia con Portugal.

Esa é a encrucillada na que está asentado o nacionalismo galego desde hai medio século. Apostar pola nación ou seguir coa dieta mediterránea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.