No pleno municipal celebrado este último xoves de xullo, o grupo do BNG no Concello de Lugo levou a debate a recente amortización dunha das dúas prazas de profesorado de chinés da Escola Oficial de Idiomas da cidade
No pleno municipal celebrado este último xoves de xullo, o grupo do BNG no Concello de Lugo levou a debate a recente amortización dunha das dúas prazas de profesorado de chinés da Escola Oficial de Idiomas da cidade. A moción reclamaba un posicionamento público, especialmente do goberno municipal do Partido Popular, ante unha decisión da Consellería de Educación que supón un novo recorte nun servizo público consolidado desde hai anos.
Tanto o BNG como o PSOE expresaron o seu rexeitamento á medida, comunicada ao centro a principios de xullo pola Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, apenas corenta e oito horas despois de que a Administración recibise a solicitude de excedencia dunha das docentes do departamento.
Foi precisamente durante ese debate cando o concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez Prado, tratou de xustificar a decisión da Xunta empregando unha argumentación baseada en datos incompletos e interpretacións erróneas da situación real do departamento. Lonxe de contribuír a un debate rigoroso, a súa intervención trasladou á cidadanía unha imaxe distorsionada da realidade, especialmente dolorosa para o alumnado e o profesorado directamente afectados.
Sorprendeu, ademais, que o representante do goberno municipal non optase pola resposta máis sinxela —limitarse a lembrar que se trata dunha competencia autonómica—, senón que afirmase que o Partido Popular prefería agardar ao remate do proceso de matrícula para comprobar se os datos xustificaban ou non a existencia de dúas prazas docentes.
Resulta enganoso empregar os actuais datos de matrícula para avaliar a demanda real da ensinanza de chinés en Lugo, pois esa demanda xa foi condicionada pola propia decisión administrativa de reducir a oferta de grupos a semana pasada
Resulta, polo tanto, enganoso empregar os actuais datos de matrícula para avaliar a demanda real da ensinanza de chinés en Lugo, pois esa demanda xa foi condicionada pola propia decisión administrativa de reducir a oferta de grupos a semana pasada. O concelleiro non só obviou este feito fundamental, senón que, ademais, baseou a súa argumentación en cifras de principios de xullo que nin sequera reflectían con fidelidade a demanda existente nese momento.
A pesar de que a xestión educativa é competencia da Xunta de Galicia, un goberno municipal que comparte as mesmas siglas políticas ten capacidade para reclamar explicacións e exercer presión fronte a este tipo de recortes se realmente non está de acordo. A categórica intervención do concelleiro, sustentada en datos erróneos e contradicións evidentes, acabou soando máis á defensa dunha decisión xa tomada ca á análise rigorosa da situación. Foi, en certo modo, a voz dunha Consellería que non tivo a decencia de dar a cara nin de responder aos requirimentos formulados sobre as verdadeiras motivacións deste recorte.
Un recorte precipitado e sen motivación obxectiva
A realidade é que o departamento de chinés da Escola Oficial de Idiomas de Lugo non presentaba síntomas de esgotamento nin de perda de alumnado. Pola contra, a matrícula viña consolidándose nos últimos cursos e situaba Lugo entre os departamentos con maior crecemento na demanda desta lingua en Galicia
A realidade é que o departamento de chinés da Escola Oficial de Idiomas de Lugo non presentaba síntomas de esgotamento nin de perda de alumnado. Pola contra, a matrícula viña consolidándose nos últimos cursos e situaba Lugo entre os departamentos con maior crecemento na demanda desta lingua en Galicia.
A programación inicial para o curso 2026-2027 contemplaba sete grupos. Unha das dúas docentes asumía desde había tres cursos a coordinación da biblioteca do centro, o que implicaba unha redución da súa carga lectiva nun grupo, como é habitual nestas circunstancias. A desaparición dunha das dúas prazas obrigou a reducir esa oferta a catro grupos e a reorganizar toda a planificación académica poucos días antes da apertura do período de matrícula en prazas vacantes.
As consecuencias foron inmediatas. Parte do alumnado xa matriculado viuse obrigado a cambiar de grupo, modificar os seus horarios ou mesmo renunciar á formación. Especialmente grave foi o caso do estudantado do grupo B1.2, que quedou sen posibilidade de completar o itinerario necesario para obter a certificación oficial do nivel intermedio B1 despois de catro anos de aprendizaxe e esforzo continuados. A supresión dos grupos de iniciación A1 e A2.1 en horario de mañá tamén prexudicou seriamente outro perfil de alumnado, formado maioritariamente por persoas con necesidades de conciliación familiar ou laboral, que non poden adaptar a súa formación aos horarios de tarde que quedaron dispoñibles.
Todo isto aconteceu cando faltaban case dous meses para rematar o proceso de matrícula, que permanecerá aberto ata o 19 de setembro. Se a intención da Consellería era coñecer as necesidades reais do servizo, o lóxico sería agardar ao remate dese proceso antes de adoptar unha decisión estrutural.
As contradicións dunha planificación sen criterios claros
O máis preocupante deste caso é que non constitúe un feito illado. Nos últimos anos a planificación das ensinanzas de chinés nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia caracterizouse por unha notable falta de coherencia
O máis preocupante deste caso é que non constitúe un feito illado. Nos últimos anos a planificación das ensinanzas de chinés nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia caracterizouse por unha notable falta de coherencia.
En 2023, coa aplicación da Lei 20/2021 para a redución da temporalidade no emprego público, a propia Administración considerou estruturais as dez prazas de profesorado de chinés existentes nas catro escolas oficiais de idiomas que imparten esta lingua. Como consecuencia, esas prazas foron estabilizadas e ocupadas por funcionarios e funcionarias de carreira.
Con todo, esa consideración como prazas estruturais non impediu que a Consellería comezase a cuestionar a súa continuidade xa no curso 2023-2024. En lugar de incluír todas as vacantes que acababan de ser recoñecidas como estruturais no Concurso Xeral de Traslados, foi deixando algunhas delas en situación de provisionalidade e aproveitando determinadas circunstancias administrativas para reducir progresivamente o cadro de persoal. Ao remate dese curso, a excedencia dun funcionario con destino definitivo na Escola Oficial de Idiomas de Vigo serviu para amortizar unha das tres prazas do departamento de chinés da Coruña. No curso seguinte intentouse aplicar a mesma fórmula en Ourense, mais a Administración educativa deu marcha atrás a última hora para evitar que unha funcionaria de carreira en expectativa de destino quedase sen un posto de traballo efectivo, permanecendo na casa e percibindo retribucións con cargo ao erario público. Aquel cambio de criterio non foi espontáneo: produciuse tras unha intensa campaña de denuncia e visibilización pública promovida por quen asina este artigo, que incluíu a presentación de alegacións, a difusión do caso nos medios de comunicación e unha campaña de recollida simbólica de sinaturas na plataforma Change.org.
No curso 2025-2026, a incerteza mantívose arredor da praza de Ourense, que novamente foi excluída do Concurso Xeral de Traslados. Finalmente, a Consellería decidiu amortizar unha das dúas prazas de profesorado de chinés da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, malia que ambas foran consideradas estruturais e incluídas como vacantes no concurso dos dous anos anteriores. A decisión sorprendeu tanto ao centro como ao profesorado e o alumnado, que non tiñan ningún indicio de que se fose producir unha reestruturación destas características. Ademais, a comunicación realizouse en pleno período estival, cando a maior parte da comunidade educativa xa estaba de vacacións, nun contexto que dificultaba a reacción e o debate público. Con todo, unha decisión tan contraditoria co propio discurso institucional non podía pasar desapercibida.
Resulta difícil atopar un criterio técnico que explique decisións tan cambiantes. Non se aplican os mesmos parámetros entre provincias e localidades nin entre linguas, nin sequera entre cursos consecutivos. O que un ano se considera unha necesidade estrutural convértese ao seguinte nunha oportunidade para reducir persoal. Todo apunta a unha política de recortes baseada máis nas circunstancias administrativas —unha excedencia, unha xubilación ou unha vacante— ca nunha verdadeira análise das necesidades educativas.
O chinés é unha lingua estratéxica para Galicia
Reducir a oferta pública de chinés precisamente neste momento resulta especialmente contraditorio. Nunca antes China tivera unha presenza tan relevante na economía, na política internacional e nas relacións comerciais de Galicia
Reducir a oferta pública de chinés precisamente neste momento resulta especialmente contraditorio.
Nunca antes China tivera unha presenza tan relevante na economía, na política internacional e nas relacións comerciais de Galicia. Nos últimos meses asistimos á visita institucional do presidente da Xunta ao país asiático, ao anuncio de importantes investimentos industriais de empresas chinesas, ao incremento do turismo procedente de China no Camiño de Santiago, á chegada dun número crecente de estudantes chineses ás universidades galegas e á intensificación das relacións empresariais entre ambos territorios. Cada semana aparecen novas que confirman que Galicia necesita máis profesionais capaces de entender a lingua e a cultura chinesas, non menos.
Porén, a formación pública segue sendo extraordinariamente limitada. En toda Galicia só catro escolas oficiais de idiomas ofrecen estudos oficiais de chinés. Ningunha universidade galega conta cun grao ou unha titulación específica en lingua e cultura chinesas, máis alá dalgunhas materias optativas ou títulos propios relacionadas co comercio ou as relacións internacionais.
As escolas oficiais de idiomas constitúen, polo tanto, a principal vía pública de acceso á aprendizaxe desta lingua. Ademais, fano en condicións de igualdade, permitindo que calquera persoa maior de catorce anos poida acceder a unha formación de calidade por un custo inferior aos cen euros anuais.
Nun contexto no que Europa insiste na aprendizaxe permanente e na adquisición de competencias internacionais, resulta difícil comprender que Galicia decida precisamente reducir unha das poucas ofertas públicas existentes nun idioma chamado a desempeñar un papel cada vez máis relevante durante as próximas décadas.
Porque aprender unha lingua non consiste unicamente en adquirir vocabulario ou dominar unha gramática; supón comprender outras formas de pensar, outras maneiras de relacionarse e outros códigos culturais. Ningunha ferramenta de intelixencia artificial pode substituír esa competencia intercultural que permite dialogar, negociar e construír relacións de confianza entre sociedades tan diferentes como a galega e a chinesa.
Máis ca un problema de Lugo
Se hoxe se acepta que un departamento consolidado poida quedar cun único docente, mañá poderase aplicar exactamente o mesmo criterio noutros centros. Hai prazas en Ourense ou Vigo que están experimentando situacións de incerteza semellantes. Lugo pode non ser unha excepción, senón un precedente
O sucedido na Escola Oficial de Idiomas de Lugo vai moito máis alá dun conflito laboral ou dunha reorganización puntual de persoal.
O que está en xogo é un modelo de planificación educativa que parece aproveitar determinadas circunstancias administrativas para reducir progresivamente a oferta pública, sen unha avaliación rigorosa das consecuencias académicas nin unha estratexia clara para o futuro destas ensinanzas.
Se hoxe se acepta que un departamento consolidado poida quedar cun único docente, mañá poderase aplicar exactamente o mesmo criterio noutros centros. Hai prazas en Ourense ou Vigo que están experimentando situacións de incerteza semellantes. Lugo pode non ser unha excepción, senón un precedente.
Aínda estamos a tempo de rectificar. A lista de profesorado substituto desta especialidade conta con profesionais preparados para cubrir esta vacante durante todo o curso. Recuperar a segunda praza permitiría restablecer a oferta inicialmente prevista e evitaría prexudicar ao alumnado que confiou na ensinanza pública para aprender chinés.
A cuestión de fondo, con todo, segue aberta: que modelo de escolas oficiais de idiomas quere a Xunta de Galicia? Un modelo que responda ás necesidades estratéxicas dunha sociedade cada vez máis internacionalizada ou un modelo sometido a unha lóxica de recortes que acaba debilitando, pouco a pouco, servizos públicos consolidados?
Porque cando se elimina profesorado non só desaparecen postos de traballo. Redúcense oportunidades para a cidadanía, limítanse itinerarios formativos e envíase unha mensaxe preocupante: que aprender linguas, precisamente nun mundo cada vez máis global, deixou de ser unha prioridade para quen ten a responsabilidade de planificar o futuro da educación pública galega.