Do último congreso socialista en Galicia sae un partido disposto a seguir avanzando en dereitos e liberdades. Herdeiro daquela vontade revolucionaria e clandestina que no 1879, nun cuarto traseiro da madrileña Casa Labra iniciaba un novo tempo histórico.
Do último congreso socialista en Galicia sae un partido disposto a seguir avanzando en dereitos e liberdades
Un novo tempo cheo de agravios e penurias pero tamén de ilusións, principios e desafíos que, xa en democracia e con gobernos socialistas, nos teñen levado á maior das transformacións económica, cultural e social, superando golpes militares, pandemias, catástrofes naturais, crises económicas e todo tipo de infamias orquestradas polos mesmos de sempre cando non gobernan.
Nunca o tivemos fácil pero foron moitos os dereitos conquistados con gobernos socialistas. Hoxe España é un exemplo en avances democráticos e sociais e unha das mellores economías do mundo.
Levamos as reivindicacións das rúas ás páxinas dos boletíns oficiais. En España e Galicia, témolo feito coa educación, a sanidade, a dependencia, a igualdade,... Estámolo a facer coas pensións, o transporte, o salario mínimo, a xornada laboral, a vivenda e mesmo na defensa da democracia.
Tampouco hoxe son tempos doados pola ameaza antidemocrática do fascismo e a deriva destrutiva dun PP que embrutece acotío o debate político.
E todos estes cambios políticos nacen das propias resolucións de congresos como os celebrados en Sevilla ou Santiago. Porque somos un partido democrático, o único que elixe aos seus dirixentes e candidatos en primarias, con voto directo, persoal e secreto en urna, un militante un voto. Ningún outro partido está nestes niveis de participación, transparencia e democracia.
Tampouco hoxe son tempos doados pola ameaza antidemocrática do fascismo e a deriva destrutiva dun PP que embrutece acotío o debate político.
Son tempos difíciles pero temos un goberno progresista que está a conter o avance desa intolerancia ultra que ameaza Europa, e xa vai por dúas veces que evitamos a súa chegada ao goberno de España.
Porque non nos enganemos, este fanatismo de intolerancia e odio que percorre o mundo non vai de valores nin de ideas; vai de poder e privilexios. Utilizan a democracia pero non cren nela nin tampouco nas súas institucións.
De aí a importancia de ter uns servizos públicos fortes. Porque necesitamos sanitarios, mestres, autovías, transporte público, vivendas, dereitos, pensións,... e loitar contra as catástrofes naturais cando se producen.
O contrario é a lei do máis forte, onde prima o tamaño da carteira e os dereitos de todas e todos se transforman en negocios duns poucos.
Estamos a sufrir unha dereita corrosiva que utiliza coma ninguén as armas da mentira, da desinformación, do populismo e da demagoxia. Son as mesmas mentiras de Fraga, de Feijóo ou de Rueda, repetidas en tempo real por medios e redes que controlan os mesmos de sempre, agora tamén en sede xudicial.
Vemos como atacan as nosas sedes ou nos denuncian anonimamente polo mero feito de ser socialistas ou familiares dun socialista. Foron e van por nós porque representamos todo o que eles desprezan: a xustiza social, a equidade, a loita pola igualdade, a defensa da diversidade, o respecto pola diferenza, o progreso, benestar xeral... Representamos a propia democracia.
Os socialistas galegos cremos na democracia e queremos ser un partido útil para Galicia, na procura dunha vida digna para todas e tódolos galegos.
Somos o partido da Galicia real que o PP intenta agochar, traballando contra a violencia machista, contra o canon de Sogama ou pola permanencia de Alcoa, contra a grande mentira do PP de Altri e na defensa dunha radio e televisión galegas e públicas
Queremos marcar a liña política do socialismo galego nos temas de interese real para a cidadanía, en favor da sanidade e do ensino públicos, en defensa da nosa lingua; pola gratuidade das autoestradas, de tódalas autoestradas.
Porque somos o partido das persoas, da Galicia real que o PP intenta agochar, traballando contra a violencia machista, contra o canon de SOGAMA ou pola permanencia de ALCOA, contra a grande mentira do PP de Altri e na defensa dunha radio e televisión galegas e públicas.
Estamos na reivindicación permanente dunha política de todas e todos, pensen o que pensen, veñan onde veñan, vivan onde vivan e falen a lingua que falen. Porque si permitimos que a política se converta nunha trituradora de persoas, non poderemos garantir que as políticas sociais, as liberdades e os dereitos sexan universais.
Dende sempre eliximos estar do lado dos que menos teñen e máis o necesitan, convencidos de que este é o auténtico valor humanitario da política.
Da política en letras grandes, da política do diálogo, da participación, do respecto, do ben común, da ciencia e da cultura, dos servizos públicos e dos dereitos universais... Da política de verdade e da verdade.
Chegamos ata aquí para facer política e relanzar o proxecto dun partido democrático, progresista, feminista e galego, porque a política é a ferramenta máis poderosa para mellorar a realidade das persoas e defender os intereses de Galicia.
Este é o noso afán diario, o que nos preocupa e hoxe máis nos ocupa.