Os poderes executivo e lexislativo actuaron como correas de transmisión das decisións que se adoptaron en determinados círculos empresariais
A práctica coincidencia temporal entre o chamado "caso Abalos/ García/ Cerdán" e o coñecido como "caso Montoro" suscita as inevitábeis análises comparativas que, nunha boa parte das ocasións, están realizadas dende a lóxica da confrontación política partidista.
O denominador común de ambos episodios resulta indiscutíbel: a presunta utilización de ferramentas das Administracións públicas en favor de intereses de persoas e grupos privados. Poren, as diferenzas son significativas. Polas investigacións practicadas até o momento, os tres cargos políticos vinculados ao PSOE terían recibido, supostamente, cantidades pagadas por algunhas empresas beneficiadas na adxudicación de obras públicas. No que se coñece a respecto das prácticas rexistradas no ministerio que presidía Cristóbal Montoro hai un salto cualitativo: empresas importantes de sectores económicos relevantes utilizaron a intermediación dunha consultora vinculada ao ex-ministro de Facenda para conseguir normas fiscais favorábeis.
Os indicios existentes apuntan a que Abalos, García e Cerdán protagonizaron o tradicional troco fraudulento (favores por diñeiro) no ámbito da xestión das obras públicas. Algo que xa tiñamos visto noutras administracións dirixidas por cargos do PSOE ou do PP. O que se vai sabendo do sucedido coa equipa de Montoro engade unha dimensión certamente mais grave: os poderes executivo e lexislativo actuaron como correas de transmisión das decisións que se adoptaron en determinados círculos empresariais que posuían, obviamente, unha grande capacidade para levar os seus desexos ás páxinas do BOE.
Este último modelo de corrupción require da concorrencia de dúas circunstancias moi importantes: o papel proactivo de grupos empresariais que queren fixar unhas regras de xogo económico adaptadas aos seus particulares intereses e un goberno que -por acción ou por omisión- asume a concreción desa transgresión dos principios teóricos que deberían regular a vida económica. Estamos, pois, ante unha ruptura da propia lóxica de funcionamento do sistema: eliminase o criterio da libre competencia vixente nun determinado marco regulatorio e promovese a fusión explícita do poder económico co poder político.
As recentes declaracións de M. Rajoy quitándolle importancia ás investigacións xudiciais sobre o seu ex-ministro, utilizando como coartada argumental a defensa xenérica da presunción de inocencia, son ilustrativas do talante co que enfronta a dirixencia do PP este escándalo. Podería invocar a súa ignorancia sobre o que estaba sucedendo -circunstancia que, en calquera caso, non constituiría un eximente sobre a comisión das correspondentes responsabilidades políticas- e, ao mesmo tempo, sinalar que semellantes prácticas resultan incompatíbeis co funcionamento dun sistema democrático. Aínda no suposto de que Rajoy non soubera o que facía o responsábel da Facenda Pública tería que proclamar agora, solemnemente, que o seu papel de avalista máximo do que se aprobaba no Consello de Ministros representou a páxina mais negra da súa traxectoria política. Non facer esta pedagoxía pública significa que non queren asumir a gravidade do que se está coñecendo no "caso Montoro". Se Feijoo convocou recentemente unha manifestación en Madrid co estridente lema de "mafia ou democracia" para denunciar os episodios nos que aparecen involucrados algúns colaboradores de Sánchez, como tería que denominar o que está saíndo nas indagacións sobre o "modus operandi" dun dos principais responsábeis das políticas fiscais dos gobernos estatais do PP nos últimos 30 anos?
Dende algúns sectores estase indicando que a carencia dunha lexislación española específica sobre as actividades dos "lobbies" é un factor explicativo de que sucedera o que agora se está desvelando. Aceitando a necesidade de melloras normativas que aseguren a limpeza nas relacións entre os actores empresariais e as Administracións públicas semella mais verosímil pensar na hipótese da sensación de impunidade que habita nos grandes grupos empresariais pola cativa penalización xurídica padecida na meirande parte dos episodios de corrupción rexistrados nas últimas décadas e polo insuficiente deterioro experimentado na reputación social destas entidades. Dende hai tempo é moi habitual escoitar ou ler que "todos os políticos son iguais" -facendo unha inxusta descualificación indiscriminada da elite política- pero nunca constatamos unha atribución simétrica de que "todas as empresas fan prácticas fraudulentas". As instancias representativas das patronais deberían abandonar o prolongado silencio no que fican instaladas e afirmar que a defensa da independencia a respecto dos poderes políticos democráticos forma parte inescusábel do seu catálogo de compromisos co tecido social no que desenvolven as súas actividades.