Un tanatorio está deseñado para ser un lugar de silencios múltiples. De mutismos distintos e emocións mudas. Sen embargo, aí dentro todo o mundo fala en alto. Un par de amigos íntimos. A familia cínica pero encaixada no loito. Os fillos que non saben que facer coas mans. O concelleiro protocolario. E con todo ese estrondo, semella que a morte tivese un sistema propio de amplificación.
Quizais por iso estiven tan fóra de lugar no enterro dunha das poucas tías que me quedaban vivas. Porque medrei nunha casa onde a xente desconfiaba das palabras grandes e naquel tanatorio todo o mundo cría saber do que falaba. Sobre todo os que entraban pola porta cos resultados das analíticas memorizados para asegurar que están máis enfermos que a propia morta. “E ao final quen morreu foi ela”, dicía unha das súas amigas mentres o aire acondicionado abaneaba as flores dunha coroa na que poñía: “Das camaradas do club de lectura”.
"Non fales do que non sabes porque só conseguirás ruído", recomendoume sempre a miña nai mentres baixaba o volume do Telexornal. Porque opinar sen ter idea pode resultar humillante e ela sempre cumpriu co oficio de protexerme, de envolverme en poliespán.
Hoxe hai silencios que escasean: o de quen escoita antes de concluír, o de quen recoñece sen vergoña que non ten nada útil que dicir, o de quen respira antes de publicar esa novela. Ese silencio non é baleiro. É das poucas cousas que aínda require disciplina
Hoxe hai silencios que escasean: o de quen escoita antes de concluír, o de quen recoñece sen vergoña que non ten nada útil que dicir, o de quen respira antes de publicar esa novela. Ese silencio non é baleiro. É das poucas cousas que aínda require disciplina. A economía da palabra. Entrar en modo silencio.
Coñezo a xente que aínda non sabe onde aparcou o coche, pero ten clarísimo o mecanismo para resolver o conflito en Oriente Medio. Imprudentes que opinan sobre a ansiedade allea coma quen fala do tempo. Especialistas instantáneos en virus, xeopolítica, feminismo, criptomoedas e nutrición canina. Nunca houbo tanta opinión circulando con tan pouco pensamento detrás. Por iso, ás veces creo que non dicir nada é a meirande rebeldía. A última revolución contemporánea.
Sylvia Plath describíase como o ollo dun tornado que se move con ruído xordo no medio do estrépito circundante. Non o dicía como eloxio. Era unha diagnose. Pero eu quedo con esa imaxe: a calma no centro, o silencio como forma de non ser arrastrado. Non como renuncia, senón como elección. Como acto de resistencia nunha época que premia xusto o contrario.
Hoxe, son máis importantes ca nunca os silencios medidos: o da parella rota que comparte coche e autoestrada. O de quen escribe "estou ben" pero tarda tres minutos en enviar a mensaxe. O do can que continúa a mirar a porta. O de quen aperta a man nun hospital e non di nada porque abrir a boca sería restar medicación. O de quen, coma o Balbino de Neira Vilas, sinte cousas que non lle pode contar a ninguén.
Por iso eu xa non me arrodeo de persoas que finxen que me escoitan, prefiro a aquelas que saben interpretar os meus silencios exactos. Non son moitas: un par de amigos, unha amiga despegada, a miña nai e a miña tía morta.