O simulacro lingüístico da igualdade

Hemeroteca

Se o feminino pasa a nomear tamén grupos con presenza de homes, o xénero gramatical deixa de servir para identificar a presenza das mulleres

Nos últimos tempos estendeuse en discursos políticos, declaracións activistas e actos culturais o uso do feminino gramatical para referirse a colectivos mixtos con presenza de homes. Fórmulas como «todas xuntas» ou «nós mesmas» aplícanse a grupos nos que a presenza masculina é evidente, e resulta especialmente chocante cando é precisamente un home quen as pronuncia.

O problema é que, se o feminino pasa a nomear tamén grupos con presenza de homes, o xénero gramatical deixa de servir para identificar a presenza das mulleres.

Quen promove esta práctica adoita xustificala como unha forma de reparar a invisibilización histórica das mulleres na lingua. Atribúeselle ao discurso o poder performativo de transformar o mundo por si mesmo e o seu emprego funciona tamén como unha marca de compromiso político para quen o utiliza. Con este uso, o feminino renuncia á súa función descritiva para substituír os feitos por unha posta en escena.

O resultado é que os homes colonizan o espazo simbólico das mulleres mentres manteñen o poder material. É aí onde aparece o simulacro: a desigualdade permanece, mentres a linguaxe proxecta unha ficción de igualdade

Este enfoque é moi diferente ao da linguaxe non sexista tradicional, que nunca buscou inverter o xénero en contextos mixtos, senón facer a lingua máis precisa. Isto conséguese recorrendo a colectivos neutros que eviten o masculino (o profesorado, a cidadanía), a desdobramentos para dar visibilidade ás mulleres (nenas e nenos, as e os estudantes) ou eliminando referencias cando non se necesitan.

Ao abandonar esta procura de precisión, o uso do feminino colectivo en grupos mixtos acaba reproducindo un dos problemas que historicamente se lle criticaron ao masculino xenérico: oculta a composición real do grupo. Por exemplo, se nun conflito laboral todos pasan a ser chamados «as traballadoras», a desigualdade específica que afecta ás mulleres por seren mulleres queda oculta e diluída. O resultado é que os homes colonizan o espazo simbólico das mulleres mentres manteñen o poder material. É aí onde aparece o simulacro: a desigualdade permanece, mentres a linguaxe proxecta unha ficción de igualdade.

Cómpre regresar ao rigor técnico. Existen abondosos manuais e guías de linguaxe non sexista con alternativas para nomear as mulleres sen falsear os feitos. Non debemos deixar que a lingua abdique da súa función máis revolucionaria: a capacidade de poñerlle nome e apelidos ás estruturas reais da opresión

Non é casual que o uso do feminino xenérico sexa especialmente frecuente nos sectores influídos polas teorías queer, que cuestionan o binarismo sexual. A coincidencia resulta demasiado significativa para ser ignorada. Esta práctica parece encaixar nun proceso político de desvinculación da categoría «muller» respecto do sexo. Unha vez rota esa referencia, o feminino deixa de identificar especificamente as mulleres e pasa a funcionar como instrumento político ao servizo dese proceso. Non é a primeira vez que unha práctica presentada como feminista acaba minando precisamente aquilo que di defender.

O simulacro mostra aquí o seu funcionamento: oculta a realidade e, ademais, outorga lexitimidade política a unha práctica que non altera as relacións materiais de poder. Que gaña unha traballadora se a empresa usa un «todas» militante pero lle mantén a precariedade e a fenda salarial? Aquí a lingua convértese nunha ferramenta de márketing.

Ademais do seu efecto simbólico, a artificialidade percibida provoca rexeitamento social e un efecto bumerang que ameaza con frustrar as iniciativas máis razoables da linguaxe non sexista ao metelas no mesmo saco.

Cómpre regresar ao rigor técnico. Existen abondosos manuais e guías de linguaxe non sexista con alternativas para nomear as mulleres sen falsear os feitos. Non debemos deixar que a lingua abdique da súa función máis revolucionaria: a capacidade de poñerlle nome e apelidos ás estruturas reais da opresión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.