Seoane traballou na busca de especies ou variedades de animais non descritas pola Ciencia como xeito de acadar o éxito e relevancia públicas. Obsesionado por atopar novidades, unha das áreas onde centrou a actividade foi a Herpetoloxía (estudo dos anfibios e réptiles), mais comprobou como outros científicos se lle adiantaban nos achádeos
O 8 de outubro de 1869 a vida de Vítor López Seoane (1832-1900) cambiou. Nesa data casou con Francisca Riobóo Álvarez (1834-1919), que dispuña de importantes propiedades por toda Galicia, grazas o cal o ferrolán pasou de médico interino no hospital da Mariña da súa cidade a converterse en rico propietario agrícola con residencia na Coruña. Nesa nova situación retomou a actividade científica, que tiña bastante abandonada por diversas decepcións e falta de respaldo institucional. Dispoñendo de recursos puido deixar voar dúas pulsións que o dominaban: a vocación naturalista e o afán desmedido polo recoñecemento público.
Xa que logo, nesta nova etapa do seu labor, Seoane traballou na busca de especies ou variedades de animais non descritas pola Ciencia como xeito de acadar o éxito e relevancia públicas. Obsesionado por atopar novidades, unha das áreas onde centrou a actividade foi a Herpetoloxía (estudo dos anfibios e réptiles), mais comprobou –con dor– como outros científicos se lle adiantaban nos achádeos. Fronte esas dificultades o naturalista recorreu –como imos ver neste artigo– a un “negro” para realizar o seu traballo.
Os escritores ocultos
No mundo académico, e nomeadamente no científico, publicar novidades é un elemento imprescindible no percorrido profesional dos seus integrantes. Nesa contorna o uso dun “negro” é unha práctica menos coñecida, polo que fai máis interesante o caso que hoxe comentamos
É coñecida a denominación de “negro” referida –no terreo da literatura– ao autor anónimo dun escrito que aparece asinado por outra persoa. Unha antiga expresión que cumpriría revisar por asociar a palabra “negro” a un significado pexorativo. Semella que o nome ten orixe en Francia, cando nos folletíns do século XIX se distinguía entre quen os asinaba (négrier, o negreiro) e quen os escribía, nègre (o negro). No mundo anglosaxón utilizase a denominación de ghostwriter (escritor fantasma).
Abondan os casos nos que persoeiros do mundo do espectáculo, políticos ou famosos múltiples botan man dun escritor profesional a quen contratan para redactar un libro. Está recente a aparición dun de Harry, o fillo do rei de Inglaterra, no que o verdadeiro redactor foi J. R. Moehringer. Entre os clientes dos “negros” literarios non faltan autores coñecidos que xa non están en condicións de escribir coa calidade necesaria. A algún premio Nobel local se lle atribuíu esa práctica non hai moito tempo. Os auténticos redactores adoitan aceptar esa anónima misión por cartos, mais tamén –nalgúns casos– para evadir a represión, como aconteceu no período da “caza de bruxas” en EEUU.
Autoría científica, Seoane na busca dun experto
O naturalista dispuña na súa colección de herpetos dalgúns exemplares aos que lles asignaba procedencia filipina porque o seu irmán José Domingo, mariño, llos remitira como recollidos nesas illas asiáticas. O labor para o científico galego era ben complicado cos medios técnicos de que dispuña. Carecía de coñecementos desa fauna, tampouco tiña coleccións para comparar cos seus exemplares, nin libros axeitados para consultar
No mundo académico, e nomeadamente no científico, publicar novidades é un elemento imprescindible no percorrido profesional dos seus integrantes. Nesa contorna o uso dun “negro” é unha práctica menos coñecida, polo que fai máis interesante o caso que hoxe comentamos. Si que están presentes outros problemas, relacionados coa multi-autoría ou como os que estes días apareceron reflectidos en diversos medios de comunicación.
Volvamos ao caso de Seoane. O naturalista dispuña na súa colección de herpetos dalgúns exemplares aos que lles asignaba procedencia filipina porque o seu irmán José Domingo, mariño, llos remitira como recollidos nesas illas asiáticas. O ferrolán desexaba identificalos, determinar os exemplares, saber a que grupo (taxon) zoolóxico pertencían e, se fose o caso –como indicamos-, describir formas novas, non coñecidas pola Ciencia.
O labor para o científico galego era ben complicado cos medios técnicos de que dispuña. Carecía de coñecementos desa fauna, tampouco tiña coleccións para comparar cos seus exemplares, nin libros axeitados para consultar. En España, malia ser Filipinas unha colonia hispana, non había expertos sobre os herpetos do país asiático nin recursos sobre eses seres vivos. Nese panorama, Seoane recorreu a especialistas estranxeiros.
A fins dos anos setenta, contactou con expertos de museos británicos e alemáns , que tiñan coleccións deses herpetos nas súas institucións e publicaran diversos traballos sobre eles. Así, o naturalista remitiu os seus exemplares en consulta a Albert Gunther, responsable de Zooloxía e director do British Museum (Natural History), quen en xuño de 1880 enviou ao ferrolán a lista cos nomes científicos.
Oskar Boetgger entra en acción
Seoane establecera relación con Oskar Boettger, conservador do departamento de Herpetoloxía no prestixioso Museo Senckenberger de Frankfurt am Main, quen acadara que a colección herpetolóxica dese museo fose das mellores de Europa. O especialista alemán ofrecéuselle para determinar os exemplares da colección
Simultaneamente, Seoane establecera relación con Oskar Boettger (orixinal Böttger), conservador do departamento de Herpetoloxía no prestixioso Museo Senckenberger de Frankfurt am Main, quen acadara que a colección herpetolóxica dese museo fose das mellores de Europa. O especialista alemán ofrecéuselle para determinar os exemplares da colección, mesmo só cos debuxos das cabezas das serpes e das placas cefálicas dos lagartos: J'ai trouvé dans nos collections du Mus. Senckenberg beaucop de reptiles des Iles Philippines, qui nous ont été donnés par notre compatriote Knoblanch a Manila; les reptiles de l'Amérique du Sud aussi me sont bien-connus. Si je vous puis seconder dans la détermination, veuillez-le dire, s'il vous plait. Il faut me donner seulement un leger croquis de la vue de coté de la tete de vos serpents douteuses et les plaques de la tete de vos lézards.
Seoane mandoullos e Boettger comunicoulle, en carta do 29 de xuño de 1880, que a boa de Filipinas podería ser un taxon novo, mesmo un xénero diferente. Xa nese momento lle manifestaba a súa sorpresa pola procedencia, pois seria o primeiro caso de boido nesa área xeográfica.
O feito é que a meados do ano 1880 Seoane dispuña, grazas aos seus asesores estranxeiros, da determinación dos exemplares da colección. Atribuíndose ese labor, transmitiu os resultados á dirección do Instituto da Coruña, institución á que agasallara con exemplares nos anos sesenta. Na Memoria do curso 1879-80 do centro educativo figura esta anotación: “La Colección de reptíles de nuestras Islas Filipinas formada por el capitán de navio e ilustrado gallego, Sr. D. José López Seoane y que hace años regaló al establecimiento (...) ha merecido durante algunos meses del año actual el detenido y concienzudo estudio de clasificación a que se brindó nuestro querido paisano el Sr. D. Victor López Seoane”. Engadindo a novidade detectada por Boettger, mais sen indicar que fora o descubridor da mesma; só aparece como persoa a quen Seoane dedica a especie: “Encierra la referida colección un verdadero tesoro de novedades científicas y entre ellas la especie nueva Piesigaster, Seoane, Boettgeri, Seoane Mindanao”.
En 1881 aparecería a publicación dese novo taxon, Piesigaster Boettgeri, nos Cadernos do museo alemán, figurando Seoane como autor. Porén, como sabemos, este non foi o protagonista do traballo, estamos fronte un caso de suplantación, o autor real (Boettger) non aparece
En 1881 aparecería a publicación dese novo taxon, Piesigaster Boettgeri, nos Cadernos do museo alemán, figurando Seoane como autor. Porén, como sabemos, este non foi o protagonista do traballo, estamos fronte un caso de suplantación, o autor real (Boettger) non aparece. O noso naturalista, se ben pagou a edición, ilustracións e impresión, limitouse a facilitar debuxos de parte dos seres vivos e o colega encargouse de todo o proceso intelectual: estudo dos mesmos, descrición das súas características, debuxos dos exemplares e edición da publicación. Labor polo que o teutón cobrou en selos españois de Correos. Seoane utilizou ese sistema espurio e fíxoo de xeito oculto.
O ferrolán repetiría o proceso cun novo herpeto de procedencia “filipina”, un sapo. A mediados de abril de 1884, o dilixente Boettger envioulle descrición do novo Bufo Panayatus, que tamén foi pagada en selos de Correos. Doenzas e ocupacións de Seoane retrasaron a publicación deste taxon ata 1890 nas Mémoires de la Société Zoologique de France e con el como (falso) autor.
Ademais estaban mal
Semella, pois, que algúns dos exemplares de herpetos recollidos por José Domingo López Seoane foron recollidos no Caribe, sendo mesturados cos orixinais de Filipinas nalgún momento da longa travesía. Non foi o primeiro nin o derradeiro caso no que aconteceu algo similar
A autoría fraudulenta veu acompañada dun erro. Seis anos despois, en 1890, cando Boettger acadara maiores coñecementos da Herpetoloxía do sur de Asia, cuestionou a procedencia filipina dos exemplares, “Por moi la science vous dit que vous ête trompés sur la provenance de vos reptiles”. Un comentario que foi recibido coa seguinte nota manuscrita do ferrolán: “rompiendo relaciones por dudar que los reptiles cogidos por mi hermano José no sean de Filipinas, cuando los recogió él mismo, en Panay, Mindanao, etc.”. Como vemos, reaccionou ofendido, indignado polas dúbidas do alemán, pero o certo é que a partir deste momento levou a cabo repetidas xestións para comprobar ata que punto podía ser acertada a opinión deste. O seu irmán José Domingo respondeulle en dúas cartas escritas desde Cabanas o dia 25 de xuño de 1891. Confirmoulle que os exemplares da colección foran capturados nas Filipinas, se ben coidamos que a resposta non pechaba a posibilidade de que algúns exemplares tivesen outra procedencia. Seoane tamén realizou diversas xestións con museos europeos cara a resolver ás dúbidas. Coidamos que o herpetólogo galego debeu convencerse do erro cometido nos dos seus “taxons filipinos”, pero non chegou a publicar ningunha aclaración.
Boettger tiña razón. Confirmamos que os dous taxons non eran novos para a Ciencia nin filipinos. Piesigaster Boettgeri era Epicrates inornatus, especie de West-Indies, como localidade típica deste taxon Puerto Rico. Canto o Bufo Panayanus, forma parte da sinonimia de Peltaphryne lemur, Cope, 1868, taxon propio de Haití, aínda que o exemplar descrito por Seoane debía ser de Puerto Rico. Semella, pois, que algúns dos exemplares de herpetos recollidos por José Domingo López Seoane foron recollidos no Caribe, sendo mesturados cos orixinais de Filipinas nalgún momento da longa travesía. Non foi o primeiro nin o derradeiro caso no que aconteceu algo similar.
Circunstancias e contexto da venda da alma ao demo
A práctica fraudulenta de Seoane, realizada durante un longo período, non admite desculpas, mais a comprensión do acontecido si que require dalgunha explicación que nos axude a entendela, o que esixe ampliar o foco da análise.
O científico cometeu a irregularidade como unha elección persoal, condicionado, como se pode comprobar na consulta dos seus escritos, pola vaidade e un desexo enfermizo de recoñecemento. Alén dese factor persoal, a realidade é que Seoane afrontaba un labor moi complexo en condicións ben difíciles
O científico cometeu a irregularidade como unha elección persoal, condicionado, como se pode comprobar na consulta dos seus escritos, pola vaidade e un desexo enfermizo de recoñecemento. Alén dese factor persoal, a realidade é que Seoane afrontaba un labor moi complexo en condicións ben difíciles. Os naturalistas periféricos (afastados dos núcleos da vangarda científica) precisaban da axuda, poucas veces altruísta, dos expertos que traballaban nos grandes centros de estudo, neste caso museos de Historia Natural, o que xeraba unha relación de dependencia. Seoane vivía, nese sentido, nunha clara situación institucional marxinal, amortecida só parcialmente polos seus recursos económicos persoais. Por iso, como investigador periférico, debería ter asumido que o éxito non dependía en exclusiva da súa capacidade persoal e aceptar certas limitacións. Mais, como vimos, o noso naturalista non foi quen de soportar a tensión xerada polas dificultades e a marxinación que debía afrontar. Non aceptou xogar un papel modesto no mundo da Ciencia, foi polo atallo e vendeu, con nocturnidade, a súa alma ao demo.