A súa dilatada traxectoria docente deixou unha lembranza imborrable en moitos alumnos e discípulos que recordarían sempre o impacto das súas clases sobre lírica medieval ou sobre a literatura contemporánea de Galicia, Portugal e Brasil
Basilio Losada Castro (Pobra de San Xiao, Láncara, 20/06/1930-Barcelona, 09/07/2022) foi catedrático de Literatura Galaico-Portuguesa na Universitat de Barcelona, á que se incorporou desde 1968 para impartir materias de lingua e literaturas galega e portuguesa.
A súa dilatada traxectoria docente deixou unha lembranza imborrable en moitos alumnos e discípulos que recordarían sempre o impacto das súas clases sobre lírica medieval ou sobre a literatura contemporánea de Galicia, Portugal e Brasil. Tamén foi profesor de moitas xeracións de estudantes norteamericanos a través dos convenios da Universitat de Barcelona co Knox College e California-Illinois desde 1971 y desde 1990 el Darmauth College.
Traballador incansable, a súa agudeza crítica e a súa fina sensibilidade lingüística daría lugar a ducias de artigos, prólogos, libros e traducións
Traballador incansable, a súa agudeza crítica e a súa fina sensibilidade lingüística daría lugar a ducias de artigos, prólogos, libros e traducións, unha extensa obra que aparece catalogada no volume Ensinar a pensar con liberdade e risco. Homenaxe a Basilio Losada. Un título moi significativo pola súa entrega á tarefa docente en tempos de liberdade vixiada, porque a exerceu sempre coa paixón do lector voraz que devece por compartir o tesouro dunha experiencia impresionante a través de autores como Martín Códax, Rosalía de Castro, Eça de Queirós, Fernando Pessoa... Aínda así, a máquina de escribir do seu despacho non deixaba de soar e escribía con regularidade implacable. Exerceu a función de ponte entre culturas de diversas formas, y como tradutor presentoulles aos lectores en español autores tan importantes como Celso Emilio Ferreiro, o maior éxito editorial de El Bardo, segundo dicía José Batlló, ou o brasileiro Jorge Amado e o Nobel José Saramago, coa novela O memorial do convento que traduciu ao español merecendo o Premio Nacional de Tradución en 1991.
O enxeño retranqueiro dos seus centos de anécdotas, a súa expresiva gratitude por calquera pequena vivencia pracenteira e o seu amor pola arte que perseguiu en múltiples viaxes, convertíano nun conversador tan ameno como inesquecible
Pero por enriba de todos os seus méritos académicos, amigos e colegas lembrarémolo sempre como un contador de historias. Home dun tempo e unha cultura en transición entre a oralidade e a escrita, a súa voz profunda internábase na alma de quen o escoitaba cun dominio da fabulación e da dimensión sonora do verbo que anulaba mesmo o imperativo de verosimilitude cun humor sutil que podía conducir da ironía á autoparodia ou o escepticismo. O enxeño retranqueiro dos seus centos de anécdotas, a súa expresiva gratitude por calquera pequena vivencia pracenteira e o seu amor pola arte que perseguiu en múltiples viaxes, convertíano nun conversador tan ameno como inesquecible.
A gratitude precisamente foi unha práctica constante no seu discurso: cara aos mestres imprevistos que marcaron a súa traxectoria, cara á paisaxe da súa infancia que encheu a súa vida coa plenitude dunha visión do paraíso
A gratitude precisamente foi unha práctica constante no seu discurso: cara aos mestres imprevistos que marcaron a súa traxectoria, como Ramón Piñeiro coas súas cartas, cara á paisaxe da súa infancia que encheu a súa vida coa plenitude dunha visión do paraíso, os migrantes e desherdados que lle deron tantas leccións vitais nos seus primeiros anos, o amor recibido, a beleza compartida… por iso as súas palabras, a veces sentenciosas, outras divertidas ou expresión sincera de desconcerto, eran sempre un convite á reflexión e permanecerán na lembranza.
Basilio Losada era Académico de Honra da Real Academia Galega e recibiu a Creu de Sant Jordi, a Medalla Castelao, a Medalla Galicia, a Ordem do Cruzeiro do Sul en Brasil e a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique en Portugal