Morre o tradutor e crítico Basilio Losada Castro, referente da cultura galega en Catalunya

Basilio Losada Castro CC-BY-SA Distrito Xermar / AELG

Hemeroteca

En 1968 incorporouse como profesor á Universitat de Barcelona para impartir materias de lingua e literaturas galega e portuguesa e acabou por converterse en catedrático. Instalado en Barcelona dende entón, converteuse nun dos grandes referentes da cultura galega en Catalunya

Basilio Losada Castro morreu este sábado en Barcelona aos 92 anos de idade. Nacido en Láncara en 1930, pasou fóra de Galicia a maior parte da súa vida e da súa intensa traxectoria profesional, pero mantivo moi presentes as orixes. En 1968 incorporouse como profesor á Universitat de Barcelona para impartir materias de lingua e literaturas galega e portuguesa e acabou por converterse en catedrático de Literatura Galego-Portuguesa. Instalado en Barcelona dende entón, converteuse nun dos grandes referentes da cultura galega en Catalunya.

Ademais do seu labor académico, que tamén o levou a universidades estadounidenses, Losada destacou como crítico literario e tradutor, realizando a tradución ao galego e ao castelán duns 150 libros en sete linguas distintas, de autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro, Pere Gimferrer ou Rumém Fonseca. En 1991 recibiu o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento, de Saramago. Así mesmo, contribuíu á proxección das letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán a autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra

Basilio Losada Castro durantre o acto de ingreso como académico de honra na RAG © RAG

Ademais, realizou numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Xubilouse como catedrático no 2000 e ese ano publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela A peregrina, ambientada na Idade Media, período no que é un grande experto.

Losada destacou como crítico literario e tradutor, realizando a tradución ao galego e ao castelán duns 150 libros en sete linguas distintas, de autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro, Pere Gimferrer ou Rumém Fonseca

No ano 2015 ingresou na Real Academia Galega como académico de honra, cun discurso ('Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro') respondido por Xesús Alonso Montero. Nese texto Losada destaca que "non hai unha Rosalía que algúns adxectivaron de 'folclórica', no seu primeiro libro maior, Cantares gallegos. O adxectivo non se sostén. Non hai nese libro folclore. O folclore mostra o pobo como espectáculo, pero, nese libro, Rosalía é a voz do pobo, dun pobo que non ten voz, e Rosalía descóbrella".

Recibiu outros importantes recoñecementos, tanto en Galicia, como a Medalla Castelao ou o Premio Ramón Piñeiro, como en Catalunya (a Creu de Sant Jordi), en Portugal (a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique) ou en Brasol (a Ordem do Cruzeiro do Sul).

Académico de Honra da RAG, foi galardoado tamén coa Medalla Castelao e con recoñecementos en Brasil ou Portugal

Neste obituario, a profesora María Xesús Lama subliña que "a súa dilatada traxectoria docente deixou unha lembranza imborrable en moitos alumnos e discípulos que recordarían sempre o impacto das súas clases sobre lírica medieval ou sobre a literatura contemporánea de Galicia, Portugal e Brasil". Con todo, Lama escribe que "por enriba de todos os seus méritos académicos" amigos e colegas "lembrarémolo sempre como un contador de historias". 

Basilio Losada Castro, con Olegario Sotelo Blanco © http://www.manuelrodriguezlopez.org

Chus Lama escribe que "por enriba de todos os seus méritos académicos" amigos e colegas "lembrarémolo sempre como un contador de historias"

"A súa voz profunda internábase na alma de quen o escoitaba cun dominio da fabulación e da dimensión sonora do verbo que anulaba mesmo o imperativo de verosimilitude cun humor sutil que podía conducir da ironía á autoparodia ou o escepticismo. O enxeño retranqueiro dos seus centos de anécdotas, a súa expresiva gratitude por calquera pequena vivencia pracenteira e o seu amor pola arte que perseguiu en múltiples viaxes, convertíano nun conversador tan ameno como inesquecible", destaca 

Miguel Anxo Fernán Vello: "Cando nos deixa un mestre sabio como Basilio Losada, taumaturgo da Palabra e da Amizade, o mellor é manter un 'silencio mudo', como diría Rosalía de Castro, no seu honor. Calquera palabra de máis sobexa sobre tanta desolación e abatemento"

O seu pasamento foi xa lamentado por un gran número de institucións, entidades culturais e amizades. A Real Academia Galega destaca que dende a Universitat de Barcelona "realizou un destacado labor de animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, e exerceu de auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica". 

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán Vello escribe: "Cando nos deixa un mestre sabio como Basilio Losada, taumaturgo da Palabra e da Amizade, o mellor é manter un 'silencio mudo', como diría Rosalía de Castro, no seu honor. Calquera palabra de máis sobexa sobre tanta desolación e abatemento". Tamén o conselleiro de Cultura e Educación, Roman Rodríguez, sinalou este domingo: "Lamentamos o pasamento do profesor Basilio Losada, divulgador da nosa cultura e da nosa lingua en Cataluña e en moitas partes do mundo". 

Basilio Losada Castro CC-BY-SA Distrito Xermar / AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.