A normalidade é a parteira do inesperado. Despois de bastantes días de calor asfixiante, a calor en Santiago é particularmente húmida, o día estaba nubrado e agradable. Desde a mañá adiantouse a noticia de que baixara o número de persoas que constaban como paradas e que aumentara o emprego. O bo tempo favorecera as contratacións de temporeiros na agricultura e a conxuntura internacional, conflitos en Tunisia e Exipto, produciran un aumento do turismo internacional; un aumento significativo de contratacións temporais ligadas ao verán, imposible chamarlle a iso empregos.
O normal na véspera dun 25 de Xullo. A cidade estaba tomada, case cincocentos policías que chegaran días atrás con armas e impedimenta e varios helicópteros sobrevoándonos. Esa é a normalidade ao redor do Día Nacional de Galicia
Polo demais, o normal na véspera dun 25 de Xullo. A cidade estaba tomada, case cincocentos policías que chegaran días atrás con armas e impedimenta e varios helicópteros sobrevoándonos. Esa é a normalidade ao redor do Día Nacional de Galicia, que é o día do Apóstolo Santiago. Un día contraditorio, por unha banda xúntanse autoridades relixiosas (en España os cargos da curia seguen sendo autoridades), civís e militares e unha representación do rei, van a misa e sacoden o botafumeiro para arriba e para abaixo. Doutra banda, o 25 pola mañá chegan á cidade bastantes miles de persoas cada ano convocadas polo BNG para afirmar a personalidade política de Galicia, este ano o lema era a reivindicación de soberanía, e así mesmo outras organizacións de menor tamaño convocan tamén manifestacións e concentracións con reivindicacións semellantes. Esa é a normalidade.
Quen vivise en Galicia ou en xeral en España e coñeza como é aquí a democracia saberá que a policía xamais cargou contra os banqueiros ou os grandes empresarios, tampouco contra as autoridades relixiosas, civís e militares
Esta policía non é amiga miña. Quen vivise en Galicia ou en xeral en España e coñeza como é aquí a democracia saberá que a policía xamais cargou contra os banqueiros ou os grandes empresarios, tampouco contra as autoridades relixiosas, civís e militares e pode saber ou imaxinar que, en cambio vixía, rodea e marca unha manifestación dos nacionalistas galegos, por pór un exemplo. É cuestión de ideoloxía, o Estado e a policía teñen unha ideoloxía e non outra, hai a boa e hai a mala. Aínda que logo parece que a discusión sexa un asunto de panos, hai panos bos e hainos malos, sono non pola calidade do tecido senón polo estampado. Esta véspera está convocada unha manifestación de varias organizacións xuvenís para reclamar a independencia de Galicia e a policía ten rodeada a parte vella da cidade, controla as entradas e cachea as mochilas dos mozos, se os interpelados pola policía contestan en galego impídenlles a entrada e se lles atopan na mochila unha bandeira galega, tamén. Depende do estampado do pano, xa digo, pois se o pano é rojo y gualda é bo pano para a policía. E coas linguas o mesmo, hai unha que é boa e hai outras que son malas. Tras décadas desta democracia tan curiosa e tras gobernos tanto do PSOE como do PP a policía pensa agora como hai corenta anos, como non pensar que esa ideoloxía é a dos ministros e gobernos que as forman e mandan, como non pensar que é consustancial a este Estado.
Algo grande, algo terrible. E desde ese momento todos estamos alerta, silenciosos e encolleitos, á espera de saber de canto sangue e morte se tratase
Chega á cidade un tren pantasma e voraz. E como xa pasan do oito e media e óense sirenas e cada vez máis sirenas e os helicópteros non paran de roldar e cada vez máis baixo, un pensa que hai lea nas rúas. Haberá quen atope escusa para cargar contra os manifestantes e haberá quen atope o momento de pintar ou romper algún cristal dun banco, é de imaxinar que xa se montou a lea. Preocupación, haberá detidos, feridos. Pero non, as ambulancias non se dirixen ao centro da cidade senón cara a un barrio: descarrilou un tren. Algo grande, algo terrible. E desde ese momento todos estamos alerta, silenciosos e encolleitos, á espera de saber de canto sangue e morte se tratase. Pronto saberemos o ocorrido ao minuto neses instantes do parto desa desgraza, saberemos como un inocente tren foi sinalado por algún designio para transformarse nun tren pantasma que quixo tragar máis de duascentas persoas e levalas, pero o ocorrido nas horas seguintes é ben coñecido, a cidade e a súa contorna envorcouse en tapar a hemorraxia o mellor que puido.
Foi ese espírito de comunidade e tamén a enerxía e a versatilidade dos seus veciños o que fixo que soubesen reaccionar resolutivamente
O característico do socorro ás vítimas nesta ocasión débese a varios aspectos: a) en lugar de ocorrer nunha zona deshabitada o tren estrelouse literalmente contra un barrio da cidade. Un barrio no cal os seus veciños son fontaneiros, pintores, electricistas, dependentas de comercio, enfermeiras, albaneis... pero que aínda conserva trazas da súa vida pasada como aldea e iso fai que, por baixo das novas formas de vida, conserve restos do tecido dunha comunidade moi trabada. Foi ese espírito de comunidade e tamén a enerxía e a versatilidade dos seus veciños o que fixo que soubesen reaccionar resolutivamente. B) A esa hora a xente saía dos seus traballos e a cidade preparábase xa para a véspera dun día de festa, unha noite de actuacións musicais e fogos de artificio que foron inmediatamente suspendidos e deixaron a toda unha cidade alerta, expectante e dispoñible. Ao mesmo tempo a policía e calquera outro servizo que estivese en alerta debido á festividade reprogramouse inmediatamente e dispúxose para atender as urxencias. C) Ninguén esperou a que as autoridades desen a orde de actuar, foi a pura enerxía do arranque dos veciños e das persoas que estaban na primeira liña dos servizos de emerxencia o que puxo todo a andar. Seguíronos os sectores profesionais sen agardar a ser chamados, sanitarios, psicólogos, bombeiros que suspenderon a folga que mantiñan... Non foi o estado quen botou man dos seus recursos senón os veciños e as persoas concretas quen se esforzaron por diante dos responsables políticos.
Ninguén esperou a que as autoridades desen a orde de actuar, foi a pura enerxía do arranque dos veciños e das persoas que estaban na primeira liña dos servizos de emerxencia o que puxo todo a andar
Unha cidade, a súa contorna e un país enteiro estaban dispostos a ofrecer os seus brazos para axudar ou para doar sangue. Iso ocorreu ao nivel da xente. Por outra banda, en días posteriores coñecemos ata que punto fallou o nivel dos responsables políticos e o disparate e a irresponsabilidade dalgunhas decisións. Como ocorre sempre en Galicia, unha vez máis a xente respondeu e as autoridades non.
Houbo quen estirou e estirou aquela noite e aínda durante a mañá seguinte o rumor de que o accidente fora debido a un posible atentado terrorista con bombas
O real e o virtual. Como a vida social é complexa e os diversos espazos nos que vivimos entrecrúzanse constantemente, houbo fortes interferencias entre o plano da vida real, ese plano onde os corpos sofren, son mutilados e sangran, onde hai persoas que berran e choran e outras tentan desesperadamente de valerlles, e o plano da vida virtual e ideolóxica onde houbo quen estirou e estirou aquela noite e aínda durante a mañá seguinte o rumor de que o accidente fora debido a un posible atentado terrorista con bombas. Tendo en conta que era véspera do 25, que nas semanas previas o Delegado do Goberno removera o tema do terrorismo en Galicia, e mesmo se coñeceu que o Ministerio do Interior estaba a investigar o BNG co fin de localizar conivencias crearan un contexto previo para botar a rodar o rumor. O PP, un partido que terá que ser investigado pola xustiza, utiliza a administración para perseguir os seus opoñentes políticos. E o rumor rodou sen que houbese fundamento algún desde o principio, autoridades políticas a gobernamental axencia EFE, algunha prensa e algúns programas cavernarios... A infamia non ten límites e unha traxedia enorme non abonda para cambiar a natureza de persoas que non teñen remedio.
Revelouse útil e necesaria a actuación dos medios de comunicación, de entre as televisións particularmente a TVG. Desde a caverna repítese, nun ton que soa a orde que nos dan, que hai que suprimir o malgasto das televisións autonómicas, o curioso é que creo que ninguén neste tempo pediu a desaparición da TVE por redundante. En todo caso a TVG xustificou unha vez máis a súa existencia para os galegos. E iso a pesar das manipulacións da información que fan os seus noticiarios día tras día e que tamén alcanzou á cobertura dese drama.
A TVG xustificou unha vez máis a súa existencia para os galegos. E iso a pesar das manipulacións da información que fan os seus noticiarios día tras día
Os de arriba. Nese transo tamén as principais autoridades políticas tiveron que revalidar o seu dereito a ocupar o cargo que ocupan. O Rei e a Casa Real teñen bos motivos para facer ver que son humildes, útiles e próximos. Feijóo ten pendente, nada menos, o xustificar o financiamento ilegal das súas campañas e do PP de Galicia e as súas relacións cun contrabandista e narcotraficante; e Rajoy, nada menos, aclarar a xigantesca corrupción económica e política do seu partido e a súa recepción particular de diñeiro negro non declarado a Facenda durante décadas.
A Feijóo hai que recoñecerlle que nesas horas únicas cumpriu e fixo garda
A Feijóo hai que recoñecerlle que nesas horas únicas cumpriu e fixo garda, cando posteriormente emocionouse ao falar do que coñecera. Facíao con convencemento e sinceridade, a súa emoción era verdadeira. En canto a Rajoy, chegou ás dez da mañá do día seguinte e marchou nalgún momento antes das dúas do mediodía cando o Delegado do Goberno declarou que xa marchara de volta. Un Presidente de Goberno ten asuntos e axenda que atender, precisou. A un non se lle ocorre nada máis importante que atender para un presidente dun país nun momento así, pero estas persoas están feitas dunha materia especial e renuncio a entendelas, a comprendelas e, moito menos, a desculpalas.
Non disparen o maquinista. Nin desculpa teñen quen, por blindar a administración e as empresas afectadas, botaron o maquinista á roda do muíño, como o xornal ABC coa difusión dunha ligazón que ese home colgara infantilmente na súa conta de Facebook. Os comentarios que deixara alí había dous anos lidos no medio do contexto da traxedia e sen outra aclaración retratábano como un estúpido culpable. Estaba claro que sobre a carnicería sobrevoaban fortes intereses e que a apisoadora do poder xa botara a andar cargando tanto peso aos ombreiros do maquinista, tamén el triturado naquel tren ao fin.
Estaba claro que sobre a carnicería sobrevoaban fortes intereses e que a apisoadora do poder xa botara a andar cargando tanto peso aos ombreiros do maquinista
O drama mediático. Aínda que as autoridades tardasen máis de dúas horas en dar a alerta preceptiva para o caso, unha vez que se puxeron a andar fixérono a todos os niveis e a propaganda, a condución e utilización do drama camiñou a unha apoteose. Comezou coa utilización dos veciños de Angrois, transformados nunha icona mediática, e a continuación cunha peregrinación de autoridades ao lugar onde recibían o recoñecemento destes novos heroes do pobo. A utilización mediática desta comunidade é un caso digno de estudo sobre a manipulación mediática por parte do poder nunha catástrofe. Por unha banda dáselle un recoñecemento ao seu valente papel, certo, pero doutra banda o que se lle entrega reverte finalmente nas mesmas autoridades que llo dan. Recoñécenlles autoridade moral porque saben que a continuación o Rei, o Príncipe, os presidentes... cando acudan ao lugar recibirán á súa vez o recoñecemento e a bendición dese bo pobo. Ese bo pobo serve así para absolver os pecados dos poderosos. Quedan aparte todos os escándalos que envolven aos gobernantes e nas pantallas vemos aos protagonistas, os poderosos e o pobo en harmonía. Arriba e abaixo.
Por unha banda dáselle un recoñecemento ao seu valente papel, certo, pero doutra banda o que se lle entrega reverte finalmente nas mesmas autoridades que llo dan
Os de abaixo. Galicia quere mirarse nese espello. O que houbo de verdadeiro esforzo colectivo e popular ten unha interpretación primeiramente en Galicia que logo se estendeu aos medios españois: unha reivindicación de nós, os galegos. Durante estes días eses veciños nosos encarnaron uns “nobres, sinxelos, honrados e traballadores galegos”.
É un tema complexo, certo, que nos veciños de Angrois e as súas circunstancias recoñecémonos moitos, son “a nosa xente”, somos “nós”, é unha identificación antropolóxica inmediata, e tamén é certo que o suceso ten aspectos particulares e propios do país, pero iso non debe facer supor que sexamos máis nobres ou espelidos que os veciños doutros lugares. Doutra banda esa identificación que me parece estendida na sociedade demostra o noso baixo nivel de autoestima e as necesidades de ser recoñecidos polos demais: que en España vexan dunha vez do que somos capaces os galegos. Ou algo semellante.
Ese reflexo de reivindicación identitaria tan elemental reflicte o baixo nivel de conciencia cívica e política de Galicia, queremos simplemente respecto e recoñecemento
E ese reflexo de reivindicación identitaria tan elemental reflicte o baixo nivel de conciencia cívica e política de Galicia, queremos simplemente respecto e recoñecemento. Circunstancias como esta demostran que Galicia é unha sociedade que se recoñece a se mesma, con cadros profesionais competentes e con iniciativa e capacidade de auto-organización, pero demostran tamén que non hai unha masa cívica crítica que sustente un autogoberno: fomos capaces de recuperar o autogoberno perdido co golpe do 36 pero ao final goberna a Xunta quen a goberna.
E ao final un funeral. De estado, católico e romano naturalmente. Esta desgraza tamén aluma a Igrexa e as súas sombras. Santiago de Compostela é unha do tres cidades apostólicas, no seu momento rivalizou con Roma por ter a primacía da cristiandade, unha cidade repleta de igrexas e conventos, e o curioso é que a igrexa non apareceu por ningunha parte eses primeiros días, non se presentaron curas no lugar a consolar ás vítimas ou administrar sacramentos, estampas que eran habituais hai anos, e nin sequera un ou dous días despois, cando a cidade e o mundo seguían encolleitos, souberon tocar as campás da catedral e das ducias de igrexas da cidade. Un curioso baleiro, pois todos necesitabamos unha expresión de dor e a linguaxe relixiosa e concretamente cristián sería asumido por case todos. Foi cando chegou a hora dos ritos do Estado e do poder cando aparece a Igrexa, rito de estado, funeral católico. Sen comentarios.
É natural que a igrexa católica celebre un funeral polas vítimas, tamén as outras confesións, pero esa lamentable e obscena confusión entre Igrexa e estado ten que acabar
É natural que a igrexa católica celebre un funeral polas vítimas, tamén as outras confesións, pero esa lamentable e obscena confusión entre Igrexa e estado ten que acabar. Nun futuro próximo teranse que revisar moitas cousas, entre elas o Concordato franquista co Vaticano que se conservou até hoxe. Ten moita razón o novo papa Francisco en recomendar os estados laicos, pero a igrexa española terá que renunciar ao que para os bispos é irrenunciable, a ser a relixión do Estado.
Ao final as corruptelas pendentes de aclarar, os fallos de dirección e coordinación quedan solapados por un escenario no que uns veciños son trasladados en autobús até a catedral onde agardan as autoridades do estado e a Igrexa para esa liturxia non constitucional e excluínte. O BNG solicitou do Parlamento a organización dun acto comunitario cívico e civil e o parlamento aceptouno, celebrarase hoxe. Asistirán tamén as autoridades que acudiron ao funeral católico? Non o creo.
A traxedia nunca é colectiva, é persoal e particular. Dentro deste drama houbo moitas traxedias pero a representación final foi unha farsa por moita solemnidade e impostación que lle puxeron.
Os sobreviventes quedan condenados a lembrar, sen que iso sirva para que os mortos estean vivos
E os demais? Os demais se traballamos como outro día calquera, se nos bañamos no río ou no mar, se asubiamos ao pasear, se nos alegramos de atopar un amigo... caemos na conta de que outros xa non poderán facelo nunca. Se comemos un iogur é coma se llo estivésemos quitando aos que morreron. Os sobreviventes quedan condenados a lembrar, sen que iso sirva para que os mortos estean vivos. Incluso ese veciño, que se salvou grazas a que lle pediron no traballo que quedase un día máis e por iso atrasou a viaxe, sempre vivirá sabendo que a morte lle tocou nun ombreiro ao pasar. Vivir é sobrevivir e sobrevivir afecta.
Mesmo afecta a quen escribiu e opinou sobre esta morte tan cuantiosa. Con que dereito escribo e falo sobre esas persoas mortas? Debín calar? Como non sentirse incómodo e sucio. Un amigo contéstame, “Escribiches en El Diario e en Prazapublica e falaches na SER, ben. Pero chamáronte de Radio Nacional ou da Radio Galega?” “Non, claro”. “Pois iso, ten sentido e é bo que tamén poidas dicir o que teñas que dicir". Pero que se pode dicir.