Para coidar é necesario coñecer: coñecer as necesidades, o estado actual e a evolución do que se quere coidar. Poderíamos pensar que en Galicia o dereito á auga é un dereito xa asegurado. Sen embargo, considerando que ata o 2010 este non era sequera un dereito recoñecido polas Nacións Unidas, podemos pecar de utópicas se pensamos así.
En Galicia. a terra dos mil ríos, a auga forma parte da paisaxe, da cultura, do cotián. A mente colectiva afirmaría sen dubidar que non existe Galicia sen auga, dando a súa abundancia por descontado. Sen embargo, o cambio climático e o constante aumento da súa demanda fan que os nosos recursos hídricos deban ser vixiados e coidados máis que nunca.
Para coidar é necesario coñecer: coñecer as necesidades, o estado actual e a evolución do que se quere coidar. Poderíamos pensar que en Galicia o dereito á auga é un dereito xa asegurado. Sen embargo, considerando que ata o 2010 este non era sequera un dereito recoñecido polas Nacións Unidas, podemos pecar de utópicas se pensamos así. Se ben é certo que ninguén en Galicia pasa sede, non por iso debe asumirse que nos encontramos nun estado óptimo de aseguramento do dereito á auga, dado que o acceso é apenas unha das diferentes dimensións que conforman o dereito á auga. Ademais, é importante ter sempre presente que duns anos a esta parte xa se observan problemas de acceso: cisternas con auga en parroquias rurais, problemas de contaminación en abastecementos, episodios de seca fora do habitual e tamén racionamento da auga nas épocas máis secas do ano.
Os datos do estado dos sistemas de abastecementos non estaban dispoñibles de xeito público para a cidadanía. Non se dispoñía de datos homoxéneos dos distintos concellos galegos, tendo cada concello os seus datos dos sistemas de auga municipal, máis ou menos desagregados, actualizados e precisos segundo o interese prestado polo concello a este ámbito da súa competencia
Cando en Enxeñería Sen Fronteiras Galicia quixemos coñecer o estado dos abastecementos de auga nos concellos de Galicia, para poder facer unha valoración do grao de aseguramento do dereito á auga segundo as distintas dimensións do mesmo, atopámonos cun problema: os datos do estado dos sistemas de abastecementos non estaban dispoñibles de xeito público para a cidadanía. Non se dispoñía de datos homoxéneos dos distintos concellos galegos, tendo cada concello os seus datos dos sistemas de auga municipal, máis ou menos desagregados, actualizados e precisos segundo o interese prestado polo concello a este ámbito da súa competencia. Tampouco atopábamos transparencia con respecto ao tipo de xestión do abastecemento de auga potable elixido por cada concello: público, privado ou mixto? Cantos anos dura a concesión? Cales son os termos de referencia ou contrato coa concesionaria? Canto se paga pola xestión da auga? E por suposto, datos máis “avanzados” tampouco estaban dispoñibles: Estanse a cuantificar as perdas no sistema para poder facer unha valoración e mellorar a eficiencia? Existe pobreza hídrica (cortes de subministro por falta de pago, ao igual que coa enerxía eléctrica)?
Houbo que comezar de cero, creando o Visor dos Sistemas Municipais de Abastecemento de Auga de Galicia. Este visor cartográfico foi elaborado cun inxente traballo, case todo voluntario, froito da colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción, co apoio técnico do Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña
En realidade, ningunha administración pública estaba a asumir a recompilación e posta a disposición pública de datos de xestión dos abastecementos da auga. Augas de Galicia pon na súa web algúns dos distintos plans que foi elaborando na súa área xeográfica onde ten competencias de xestión de cuncas hidrográficas, así como fichas con diferentes graos de actualización. As Enquisas de Infraestruturas e Equipamentos Locais tamén levantan información de sistemas de auga, mais céntrase principalmente no mapeo de infraestruturas, sen apenas datos de gobernanza, funcionamento ou socioeconómicos. Algunhas das empresas que máis concesións teñen adxudicadas mostran información de tarifas por concello nas súas web. Pero, no momento do comezo deste proxecto, non existía ningunha base de datos completa e actualizada coa que se puidesen elaborar indicadores, comparativas nin outras análises en relación ao dereito á auga en Galicia.
Polo tanto, houbo que comezar de cero, creando o Visor dos Sistemas Municipais de Abastecemento de Auga de Galicia. Este visor cartográfico, presentado oficialmente na AtlanticaConf o pasado 23 de setembro, foi elaborado cun inxente traballo, case todo voluntario, fruto da colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción, co apoio técnico do Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña. A primeira versión do Visor encóntrase xa dispoñible para a cidadanía, pero a ferramenta segue en permanente actualización e corrección.
Nel pódese consultar en formato de sistema de información xeográfica o número de sistemas de abastecemento municipais que existen en cada concello e como se xestionan actualmente (público ou privado a través de concesión a empresa). Fornécese ademais información sobre o volume de auga subministrado, que se contrasta co volume facturado polo Concello para obter un ratio de perdas no sistema, e tamén sobre os custos económicos para o Concello e consumidores. Toda a información para a realización do visor foi obtida con datos proporcionados polos concellos galegos.
Aqueles concellos nos que non aparecen datos son dos que non se obtivo información a pesares de solicitala, xa que a partir de traballo de persoas voluntarias, os datos obxectivo solicitáronse en cada un dos rexistros telemáticos dos concellos galegos, un por un. Foise levando un rexistro das solicitudes realizadas, con número de expediente e data de presentación. Estas solicitudes comezaron a enviarse en 2021, e aínda hoxe en día continúan chegando contestacións.
Nunha primeira etapa, tras esa solicitude directa en cada rexistro telemático municipal, apenas un 6% dos concellos contestaron enviando os datos solicitados. Tras constatar que coas solicitudes non habería suficiente resposta, elevouse unha queixa á Valedoría do Pobo en novembro de 2022, indicando os concellos que non contestaran pasados 4 meses da solicitude dos datos. A partir dese momento foi cando se empezaron a obter máis respostas. Actualmente cóntase con datos de algo máis do 50% dos concellos galegos.
A partir de agora, espérase comezar a realizar estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica), buscando un mantemento periódico que, pensamos, sería óptimo se se contase en Galicia cun Observatorio da Auga
A pesar do requirimento, moitos concellos continúan sen enviar os datos, con diferentes escusas: uns 20 indicaban que non lles constaba a solicitude, obrigándonos a enviarlles datos do expediente e data de presentación (o cal fainos resaltar como moitos concellos non teñen ben estruturado o subministro de información pública, sexa por falta de persoal, de protocolos axeitados ou simplemente por desidia). Outros se escusaron en non dar abasto, pola falta de persoal ao xuntarse distintos expedientes que sacar adiante. Pero a Valedoría do Pobo segue a día de hoxe requirindo os datos restantes, por ser públicos e existir un dereito a coñecelos da cidadanía, a maiores do potencial que hai no feito de poder estruturalos e homoxeneizalos á hora de facer análises que logo faciliten a toma de decisións ou a proposta de campañas de incidencia política.
A partir de agora, espérase comezar a realizar estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica), buscando un mantemento periódico que, pensamos, sería óptimo se se contase en Galicia cun Observatorio da Auga. Cun ente deste tipo poderíanse integrar tamén datos doutro tipo de abastecemento de auga potable moi importante no país, como son as traídas veciñais de auga, se cabe aínda máis descoñecidas que as municipais. Isto permitiría o afondamento en indicadores de avaliación do estado do Dereito Humano á Auga, tanto en grupos de veciños, concellos, grupos de concellos, como en toda Galicia (en particular os que teñen que ver con acceso á información pública sobre estado de infraestruturas, pobreza hídrica ou gobernanza da auga). O marco legal europeo vai nesta liña, e sería vangardista adiantarse á tendencia e ser un exemplo na xestión dun recurso que é cada vez máis vulnerable, mesmo na terra dos mil ríos.