Verán de seca en Galicia: alerta da Xunta e chamadas a limitar regas e piscinas tras meses de falta de chuvias

Encoro de Cecebre CC-BY-SA Miguel Branco

Chega agosto e chega a seca a Galicia, coas primeiras declaracións de prealerta e medidas de aforro. A situación, dende logo, non é tan grave coma noutros lugares do Estado, pero a diminución de precipitacións nos últimos meses fixo que as reservas acumuladas durante o pasado outono e inverno se vexan reducidas. 

No mes de xullo a precipitación media acumulada en Galicia foi un 43% inferior ao valor climático normal e a primavera foi un 24% máis seca do habitual

En concreto, no mes de xullo a precipitación media acumulada en Galicia foi un 43% inferior ao valor climático normal, segundo os informes de Meteogalicia e aínda que xuño si fora un mes moi húmido (as precipitacións foran un 110% superiores á media das últimas décadas) a primavera fora esencialmente seca (especialmente abril e maio), cun 24% menos auga do habitual.

Xa o pasado ano Galicia viviu máis de sete meses de alertas pola seca, declaradas inicialmente entre abril e maio. E só as importantes chuvias que chegaron entre novembro e febreiro puideron reverter unha situación que deixara os encoros do país ao 47% da súa capacidade. Nesta ocasión as primeiras alertas tardaron máis en chegar e, de momento, limítanse a algunhas zonas da bacía Galicia Costa, mentres que a demarcación Miño-Sil se mantén de momento fóra destas medidas.

Declaracións de seca prolongada e de prealerta por seca na demarcación de Galicia Costa © Xunta

O pasado luns a Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e Betanzos e nos sistemas de abastecemento de Ferrolterra e da Mariña, en total 9 dos 19 sistemas de explotación da bacía de competencia autonómica

O pasado luns a Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e Betanzos e nos sistemas de abastecemento de Ferrolterra e da Mariña, en total 9 dos 19 sistemas de explotación da bacía de competencia autonómica, co obxectivo de "anticiparse á redución dos caudais circulantes ante un escenario de ausencia de precipitacións" nestes sistemas de abastecemento. 

En concreto, activouse a situación de seca prolongada nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo. Cómpre lembrar que desde o pasado 21 de xullo estaba xa activada a prealerta por escaseza -que mide o nivel de risco de abastecemento en función das reserva de auga dispoñibles-, no sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na bacía do río Anllóns e costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona 

Xa o pasado ano Galicia viviu máis de sete meses de alertas pola seca, declaradas inicialmente entre abril e maio. E só as importantes chuvias que chegaron entre novembro e febreiro puideron reverter unha situación que deixara os encoros do país ao 47% da súa capacidade

A Oficina Técnica da Seca avaliou a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, tomando como referencia o índice de precipitacións estandarizadas nesta época do ano, e constatou unha anomalía media das precipitacións no mes de xullo en Galicia dun 43% inferior ao valor climático normal. Ademais, tamén tomou en consideración as previsións de precipitacións para este mes de agosto, no que os modelos climatolóxicos prevén precipitacións escasas. Os indicadores reflicten niveis de normalidade no resto da demarcación de Galicia-Costa.

A declaración implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais recóllense medidas de concienciación da cidadanía. A Xunta recomenda neste caso que os concellos establezan a restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.

Os encoros da bacía Galicia Costa atópanse ao 66,5% da súa capacidade, catro puntos por riba do nivel de hai doce meses (62%). Na demarcación Miño-Sil os encoros están ao 66,6% da súa capacidade, fronte ao 50,5% do mesmo período do pasado ano

A ocupación actual dos encoros de abastecemento a data 3 de agosto de 2023 en Galicia-Costa é do 81,63%, 1,17 puntos por debaixo da ocupación do mesmo período para o ano 2022. O conxunto dos encoros da demarcación atópanse ao 66,5% da súa capacidade, catro puntos por riba do nivel de hai doce meses (62%).

En canto á demarcación Miño-Sil, os seus encoros están ao 66,6% da súa capacidade, fronte ao 50,5% do mesmo período do pasado ano.

Medidas de aforro na comarca da Coruña

O Concello da Coruña solicitou a "colaboración" da cidadanía para reducir o consumo de auga ante o estado de prealerta pola seca no encoro de Cecebre, que se atopa ao 61% da súa capacidade, sete puntos menos que o pasado ano

Este mércores, ademais, o Concello da Coruña solicitou a "colaboración" da cidadanía para reducir o consumo de auga ante o estado de prealerta pola seca no encoro de Cecebre, que se atopa ao 61% da súa capacidade, por debaixo da media dos últimos anos. Hai doce meses, por exemplo, atopábase ao 68%.

Ante a declaración de prealerta no sistema de abastecemento dos ríos Mero e Anllóns e da ría da Coruña, activada pola Oficina Técnica da Seca da Xunta, o Concello da Coruña remitiu unha comunicación a todas as localidades da área metropolitana aos que se suministra auga desde o encoro de Cecebre (Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada), con medidas de concienciación cidadá nos fogares e empresas.

Encoro de Cecebre CC-BY-SA Miguel Branco

Recoméndase restrinxir as regas ou o enchido de piscinas

Entre as medidas propostas está a redución de baldeos e limpeza de edificacións, a redución do rego ao estritamente necesario, a limitación á hora de encher as piscinas, o peche de fontes ornamentais ou a prohibición do lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.