Galicia encadea sete meses de alertas pola seca, cos encoros preto do seu nivel máis baixo en décadas

Evolución do nivel dos encoros nos últimos meses e comparación cos anos anteriores ©

O pasado mes de de febreiro a Xunta declarou a prealerta por seca na meirande parte da conca Galicia-Costa, unha medida que estendeu en abril ao conxunto da demarcación e que na confederación hidrográfica Miño-Sil chegou en maio. Son xa sete meses de alertas por seca, iniciada por mor dun outono pasado moi seco, un inverno igualmente con poucas precipitacións e uns meses seguintes nos que as reservas seguiron descendendo

Son xa sete meses de alertas por seca, iniciada por mor dun outono pasado moi seco, un inverno igualmente con poucas precipitacións e uns meses seguintes nos que as reservas seguiron descendendo. As previsións máis inmediatas falan de que estas chuvias non chegarán nas vindeiras semanas, cando menos en niveis relevantes

Os encoros énchense no inverno e o pasado ano non o fixeron, o que deixa os seus niveis preto das cifras mínimas das últimas décadas e coa necesidade de recibir auga nos vindeiros meses. As previsións máis inmediatas falan de que estas chuvias non chegarán nas vindeiras semanas, cando menos en niveis relevantes.

O ano hidrolóxico 2021-22 (que sempre comeza e remata o 1 de outubro) finalizou hai uns días confirmándose como o segundo máis seco da serie histórica, só por detrás do do ano 2016-17, como destacaba hai uns días a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A precipitación acumulada estivo un 39% por baixo da media histórica e un 67% por debaixo do ano anterior (2020-21).

Os encoros galegos atópanse ao redor do 47% da súa capacidade total e levan máis dun ano por debaixo do 60%

Os encoros galegos atópanse ao redor do 47% da súa capacidade total. A porcentaxe é semellante (lixeiramente inferior) á do pasado ano nestas mesmas datas (45%) e sitúase en valores próximos aos do devandito ano 2017 e tamén aos mínimos rexistrados en anos coma o 1990, o 2001, o 2004, o 2008 e o 2012, todos roldando o 50% na primeira semana de outubro. A novidade nesta ocasión é a duración do período de prealerta e alerta por seca, xa que os encoros levan máis dun ano por debaixo do 60% da súa capacidade.

No gráfico anterior pódese observar a evolución do nivel dos encoros galegos, mes a mes, durante os últimos anos, ata chegar ao 2022 no que o nivel sempre se mantivo moi por debaixo do habitual en cada momento do ano.

Tendo en conta que a situación de seca persista resulta fundamental que os concellos "manteñan as medidas de aforro e continúen co labor de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsable da auga", di a Confederación Hidrográfica Miño-Sil

A evolución máis recente pode seguirse no gráfico seguinte, na que se ve como o nivel dende mediados do pasado ano 2021 estivo sempre por debaixo do 60%, moi lonxe ademais dos datos de 2018, 2019 e 2020. 

Na súa última comunicación, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil alertou de que “estamos ante unha situación de seca prolongada xeneralizada na demarcación debido á falta de precipitacións". Así mesmo, indicou que “tendo en conta estes datos e que as predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca persista", resulta "fundamental" que os concellos "manteñan as medidas de aforro e continúen co labor de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsable da auga, lembrándolles que estamos ante un recurso imprescindible, limitado e dependente das condicións climáticas”.

A Xunta reitera o chamamento ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento

De igual xeito, na última xuntanza da Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia decidiuse manter a situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa ante os baixos niveis dos ríos e dos encoros. Ademais, nos subsistemas de Baiona e Zamáns (que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo) están a aplicarse as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga. 

A Xunta reitera o chamamento ao "consumo responsable" da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico, activando medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos, entre outras.

Nos subsistemas de Baiona e Zamáns (que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo) están a aplicarse as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga

Entre os encoros con peores datos están os de Baíña e Zamáns, que presentan rexistros de ocupación mínimos dos últimos 10 anos. Así, Baíña atópase ao 32%, un 22% inferior ao promedio hístorico; e Zamáns, ao 38%, un 21% por debaixo.

Porén, estas estatísticas próximas aos mínimos históricos esténdense á maior parte dos encoros galegos, como se pode ver na seguinte relación das represas con máis capacidade de Galicia, con niveis moi inferiores aos de anos anteriores por exemplo en Belesar, Portas, Portodemouros, Bao, Prada, Fervenza, As Conchas ou Chandrexa.

Hai uns días o Observatorio Europeo da Seca difundiu a información actualizada sobre as áreas da Unión Europea que se atopan nun estado de alerta pola seca, unha situación que xa afecta ao 27% da superficie da UE e tamén a amplas zonas de Galicia e do conxunto do norte da Península Ibérica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.