A Xunta insiste en advertir da "grave" seca, que ten os encoros a piques de baixar do 50% de capacidade

Aspecto que presentaba o encoro de Lindoso o pasado 23 de xuño CC-BY-SA Praza.gal

Os encoros galegos continúan baixando o seu nivel de auga logo de perder 29 hectómetros nos últimos sete días e estar xa practicamente á metade da súa capacidade. Segundo os datos facilitados este martes polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, as presas das dúas concas hidrográficas do país suman nesta última semana de agosto 1.863 hectómetros cúbicos, o 50,16% da súa capacidade total. Todo, mentres a Xunta insiste chamando ao consumo responsable ante unha situación "grave" de seca. 

Xa que logo, e co tempo seco impactando cada vez máis no país, a reserva hídrica en Galicia está agora case 15 puntos por baixo da media da última década. Os encoros da conca Miño-Sil sitúanse no 48,6%, con 1.472 hectómetros cúbicos, 21 menos que a pasada semana e 57 menos dos que había hai un ano. Son, ademais, 456 menos que a media dos últimos dez anos, que ascende aos 1.928. 

Evolución do encoro de Belesar, con imaxes de satélite de agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 © Sentinel

A reserva hídrica en Galicia está agora case 15 puntos por baixo da media da última década, no 50,16%

Na demarcación Galicia Costa, os 391 hectómetros cúbicos da actualidade supoñen o 57,2% do total da capacidade, 11 menos que hai unha semana, 37 menos que o ano anterior a etas alturas e 71 menos que a media da última década. 

No que se refire ao conxunto do Estado, a reserva hídrica está ao 35,9% da súa capacidade total, cun total de 20.174 hm³ de auga encorados, logo dunha diminución na última semana en 528. 

Ante esta situación, a Xunta segue a advertir do risco de seca e da necesidade de medidas para paliar as súas consecuencias. A consellería de Infraestruturas, Ethel Vázquez, insistiu este luns en que Galicia precisaría un mes de chuvias "moderadas e continuas" para volver á normalidade

A Xunta chama a un consumo responsable e á implantación de medidas e alerta de que Galicia precisaría un mes de chuvias "moderadas e continuas"

Díxoo en Vigo, onde alertou tamén ao Concello de que a cidade terá "serios problemas" de abastecemento de auga a partir de novembro se non chove ou se a administración local non conclúe as obras da nova potabilizadora de Casal. 

De feito, este mesmo martes, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convidou ao goberno local vigués a “facer os deberes“. “Hai moito tempo que se advertiu” de que a ETAP de Vigo, nas condicións nas que estaba, “ía ter moitos problemas para funcionar e garantir o abastecemento en momentos de seca”.

A Xunta leva semanas chamando a un consumo responsable da auga CC-BY-SA Xunta

O Goberno galego, ao igual que moitos concellos, levan tempo chamando a un consumo responsable de auga por parte da poboación ante unha situación "grave". "Hai que facer un consumo moi racional para poder chegar ao final do verán e a outubro evitando restricións", declarara hai tan só uns días a conselleira. 

Vázquez sinalou os "datos alarmantes" en redes de auga municipais onde as fugas "están en arredor do 40%, logo de advertir de que as zonas que máis preocupan polas consecuencias deste tempo seco son as concas do Lérez, do Anllóns, do río Grande e do Tambre, así como a área de Vigo

Ante esta situación, moitos concellos toman medidas. Ames e Brión, por exemplo, acordaron facer unha campaña conxunta para fomentar o aforro de auga entre a cidadanía, ademais de solicitar a Augas e Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio o arranxo da presa da Ponte Maceira, cunha rotura nunha das súas paredes que provoca o escape de auga nunha das zonas de captación do río Tambre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.