A cantidade total de auga almacenada nas instalacións das confederacións hidrográficas Galicia Costa e Miño-Sil é a máis reducida dende o ano 1990, con valores próximos aos rexistrados o pasado verán, cando varios encoros galegos foron baleirados de maneira moi importante
Poucas veces os encoros galegos tiveran tan pouca auga como na actualidade. A cantidade total de auga almacenada nas instalacións das confederacións hidrográficas Galicia Costa e Miño-Sil é a máis reducida dende o ano 1990, con valores próximos aos rexistrados o pasado verán, cando varios encoros galegos foron baleirados de maneira moi importante, reducindo ao mínimo a cantidade de auga almacenada, unha decisión adoptada por Naturgy ou Iberdrola que motivou a apertura dun expediente por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
En concreto, os encoros de Galicia Costa acumulan 424 hectómetros cúbicos de auga, por debaixo dos 458 do pasado ano e moi lonxe dos niveis medios da última década. Tamén os encoros da confederación hidrolóxica Miño-Sil se atopan en mínimos, con 1.529 hectómetros cúbicos, un nivel moi semellante ao rexistrado o pasado verán tralo baleirado decidido polas grandes empresas eléctricas. En conxunto, a suma dunhas a doutras instalacións, menos de 2.000 hm3, sitúase no nivel máis baixo dende o ano 1990.
Os encoros de Galicia Costa atópanse ao 61,99% da súa capacidade, mentres que os de Miño-Sil ao 50,5%, niveis que están lonxe das medias da última década, un 72,8% e un 67,5%
En termos porcentuais, os encoros de Galicia Costa atópanse ao 61,99% da súa capacidade, mentres que os de Miño-Sil ao 50,5%. Tanto nun caso coma no outro os niveis están lonxe das medias da última década, un 72,8% no caso da demarcación de Galicia Costa e un 67,5% do de Miño-Sil.
Na demarcación Galicia Costa, o encoro Barrié de la Maza, no Tambre, atópase ao 38,7% da súa capacidade; o da Fervenza, no Xallas, ao 47,6%. A situación no Miño-Sil é máis preocupante, con encoros coma o de Portas ao 23,5% da súa capacidade, o de Salas ao 39%, o de Belesar ao 39,4% ou o de Edrada-Mao ao 21%.
Este martes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda cualificou de “moi preocupante” a situación de seca que vive Galicia e instou aos concellos a adoptar medidas para aforrar auga ante a ausencia de precipitacións
Este martes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda cualificou de “moi mala”, “moi preocupante” e “moi complicada” a situación de seca que vive Galicia e instou aos concellos a adoptar medidas para aforrar auga ante a ausencia de precipitacións. "Cómpre adoptar medidas de consumo responsable. Os concellos teñen que saber que son os responsables dos abastecementos e que todas as posibilidades de aforro de auga, evitar baldeos e o enchido de piscinas son medidas que hai que tomar para evitar situacións mesmo peores".
Tamén a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destatou que "os concellos e administracións podemos controlar os consumos pero non as condicións climatolóxicas, por iso apelamos ao consumo responsable que deben implantar as administracións locais como responsables de garantir o abastecemento á poboación".
A situación na conca do Lérez, que abastece a toda a comarca de Pontevedra, é unha das máis preocupantes. Dende hai semanas o Concello está a adoptar medidas para reducir o consumo
Neste momento as concas dos ríos Anllóns e Lérez e o subsistema de Zamáns e Baiona atópanse en estado de prealerta por escaseza de auga, o que implica risco de que estea comprometido o abastecemento á poboación.
A situación na conca do Lérez, que abastece a toda a comarca de Pontevedra, é unha das máis preocupantes. Dende hai semanas o Concello de Pontevedra está a adoptar medidas para reducir o consumo. Hai uns días a concelleira Carme da Silva, explicou que as medidas aplicadas lograron reducir a cantidade de auga usada para os baldeos das rúas nun 78 %. Así, se nun verán normal eran gastados un total aproximado de 32.000 litros de auga ao día nesta actuación, agora mesmo só se están a consumir 7.000 litros de auga ao día. Así mesmo, o peche da actividade de Ence e dos turbinados das minicentrais hidroeléctricas que hai no río semella que lograron manter, de momento, a estabilidade no caudal.
De igual xeito, en Compostela o Concello e Viaqua lanzaron hai uns días unha campaña para fomentar o consumo responsable para limitar así os efectos negativos da situación de seca. A campaña ofrece unha serie de consellos que a cidadanía pode aplicar no ámbito doméstico co fin de moderar o consumo de auga e evitar o despilfarro. Entre as medidas recomendadas están as referidas ao uso das billas, o aproveitamento das zonas de rego ou a optimización das piscinas.
En Compostela o Concello e Viaqua lanzaron hai uns días unha campaña para fomentar o consumo responsable para limitar así os efectos negativos da situación de seca
Así, por exemplo, recoméndase usar a ducha fronte ao baño, tamén a utilización da lavadora e o lavalouzas a plena carga e en programa económico. Prégase igualmente evitar o lavado de coches ou patios con auga potable, evitar regar o xardín e as plantas con auga potable e nas horas de maior calor e, finalmente, manter a auga na piscina para non desperdiciar o volume. Ademais de seguir todos estes consellos, a campaña invita a toda aquela persoa que sea testemuña dunha situación de despilfarro, que informe ás autoridades de calquera incidencia de perda ou malgasto.