A seca baleira os encoros de Galicia pero os investigados hai un ano teñen máis auga agora

Arriba, o encoro das Portas a mediados de 2019 e de 2022; abaixo, o da Cenza, a mediados de 2018 e 2022 © Sentinel

Os encoros galegos teñen cada vez menos auga. A cantidade total de auga almacenada nas instalacións das confederacións hidrográficas Galicia Costa e Miño-Sil é a máis reducida dende hai máis de trinta anos. 

Concretamente, teñen as peores cifras desde o ano 1990, con valores próximos aos rexistrados o pasado verán, cando varios encoros galegos foron baleirados de maneira moi importante, reducindo ao mínimo a cantidade de auga almacenada, unha decisión adoptada por Naturgy ou Iberdrola que motivou a apertura dun expediente por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o anuncio da Xunta da imposición dunha multa ás compañías e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil por un total de 200.000 euros

Evolución do encoro das Portas, con imaxes de satélite de agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 © Sentinel

A auga dos encoros galegos está no seu nivel máis baixo dende 1990 e a situación continúa empeorando por mor da seca

Xa na segunda semana de agosto, os encoros de Galicia Costa acumulaban 424 hectómetros cúbicos de auga, por debaixo dos 458 do pasado ano e moi lonxe dos niveis medios da última década. Tamén os encoros da confederación hidrolóxica Miño-Sil se atopaban en mínimos, con 1.529 hectómetros cúbicos, un nivel moi semellante ao rexistrado o pasado verán tralo baleirado decidido polas grandes empresas eléctricas. En conxunto, a suma dunhas a doutras instalacións, menos de 2.000 hm3, sitúase no nivel máis baixo dende o ano 1990.

En termos porcentuais, os encoros de Galicia Costa atopábanse hai unha semana ao 61,99% da súa capacidade, mentres que os de Miño-Sil ao 50,5%. Unha semana despois, a situación aínda empeorou. 

Así, os encoros da conca Miño-Sil situáronse, segundo os datos que o pasado mércores publicou o Ministerio para a Transición Ecolóxica, ao 49,9%, con 1.511 hectómetros cúbicos de auga, 18 menos que a pasada semana. Na conca Galicia Costa, son 410 hectómetros cúbicos, un 59,9% da capacidade total e 14 menos que sete días antes. 

A importante seca e a falta de chuvias provoca restricións na auga e múltiples problemas, así como un importante impacto na paisaxe e nos encoros, tal e como se aprecia nas imaxes fornecidas por satélite que acompañan este texto e no que se amosa a evolución de varias presas, comparando a súa situación en agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022. 

Evolución do encoro de Belesar, con imaxes de satélite de agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 © Sentinel

Os catro encoros de Iberdrola e Naturgy baleirados e investigados o pasado ano teñen máis auga agora que daquela malia a seca deste verán

Nas imaxes que ofrece Sentinel-2, unha misión de observación terrestre desenvolvida pola Axencia Espacial Europea dentro do programa Copernicus, tamén se observa un paradoxo: algúns importantes encoros tiñan menos auga a estas alturas o ano pasado que neste, malia a importante seca do verán e a caída xeneralizada de hectómetros cúbicos en todas as presas de Galicia. 

Son, precisamente, os catro encoros explotados por Iberdrola e Naturgy que foron motivo de polémica o pasado verán polo seu acusado e repentino baleirado por parte das eléctricas: os das Portas e Cenza, propiedade da primeira, e os de Belesar e Salas, da antiga Gas Natural. 

O encoro das Portas está a un 23,3% da súa capacidade pero hai un ano estaba a menos do 16%; o do Cenza pasou do 15% ao 32,5% de agora

No caso do encoro das Portas, en Vilariño de Conso, a 16 de agosto deste ano atopábase a un 23,32% da súa capacidade, fronte ao máis do 67% de media dos últimos dez anos. Na mesma data do pasado ano, estaba ao 15,49%. 

En canto ao do Cenza, na mesma localidade, o pasado mércores estaba a un 32,5% da súa capacidade, unha cifra moi inferior á media do 57,75% dos últimos dez anos, pero máis alta que o 15% que tiña hai un ano, logo do baleirado levado a cabo por Iberdrola. 

Evolución do encoro da Cenza, con imaxes de satélite de agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 © Sentinel

Por outra banda, no caso do de Belesar, mentres que hai un ano atopábase ao 31,3% da súa capacidade, nesta altura chega ao 38,78%, unha cantidade aínda moi baixa se a compararmos co case o 60% de media da última década. No de Salas, e logo do baleirado impulsado por Naturgy, a súa capacidade estaba ao 28,74% fronte ao 35,63% do pasado mércores e o 45,52% de media dos últimos dez anos. 

A situación no caso destes catro encoros, sendo precaria, é tamén anómala ao acumular máis auga que o pasado ano malia as extremas condicións de seca deste verán. De feito, abonda con repasar outros encoros para se decatar de que é raro aquel que se atope agora máis cheo que hai doce meses. 

No de Vilasouto, no Incio, (cuxa evolución pode verse tamén aquí a través das imaxes por satélite), había un 47,62% da súa capacidade hai un ano, mentres que agora tópase ao 28,57% cando a media dos últimos dez anos supera o 52%. 

Evolución do encoro de Vilasouto, con imaxes de satélite de agosto de 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022 © Sentinel

O de Portodemouros, por exemplo, está a un 56,23% da súa capacidade cando na mesma data de 2021 estaba ao 64,31% e cando na última década a media foi do 72,46%. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.