Vigo, Oleiros e Nigrán son os concellos cun maior número de piscinas, máis de 40 mil en toda Galicia

Instalación dunha piscina nunha vivenda en Galicia © www.piscinasengalicia.es

Nas últimas semanas, entre as recomendacións lanzadas polas distintas administracións co obxectivo de aforrar auga no actual contexto de seca, un dos aspectos nos que se puxo o foco foi no gasto realizado nas piscinas, instándose os seus propietarios a renovar a súa auga con menos frecuencia. 

Augas de Galicia vén demandando dende a primavera que a poboación "restrinxa a renovación de auga nas piscinas"

Así, Augas de Galicia vén demandando dende a primavera que a poboación "restrinxa a renovación de auga nas piscinas", unha suxestión na que algúns concellos incidiron de forma particular. Así o fixeron nos últimos días os concellos de Pontevedra ou de Ames, por exemplo. A pasada semana a Xunta de Galicia, cando ampliou a prealerta por escaseza de auga á área de Santiago e á Costa da Morte subliñou que "a situación actual require da suma de esforzos por parte dos cidadáns, de empresas e das administracións, con medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible".

Os datos do Catastro indican que Galicia conta nestes momentos con máis de 40 mil piscinas (40.356)

A realidade é que cada vez máis vivendas contan con piscina en Galicia, unha instalación que ata hai uns anos non era tan habitual coma noutros territorios máis cálidos e máis afastados da costa. Os datos do Catastro indican que Galicia conta nestes momentos con máis de 40 mil piscinas (40.356), das que a gran maioría (38.508) non están cubertas, mentres que si o están algo menos de dúas mil (1.848). 

Ademais, varias localidades anunciaron nos últimos meses a posta en marcha de diversas actuacións (por exemplo, o uso de drons) para detectar a presenza en predios privados de piscinas realizadas sen licenza e que polo tanto non figuran nos rexistros oficiais.

O número de piscinas en Galicia medrou de forma considerable nos últimos anos, especialmente dende o inicio da pandemia de COVID no 2020

O número de piscinas en Galicia medrou de forma considerable nos últimos anos, especialmente dende o inicio da pandemia de COVID no 2020. Dende entón, as empresas que se encargan da súa venda e instalación destacan estar desbordadas pola alta demanda, o que leva a esperas importantes para distribución dos materiais e a súa colocación. O caloroso verán que estamos a vivir incrementou aínda máis o valor deste elemento, o que fai probable que o seu número continúe medrando en toda Galicia.

Vigo é a localidade con máis piscinas (2.568), seguida de Oleiros (1.774) e Nigrán (1.264)

A maior parte das 40 mil piscinas galegas localízanse en espazos urbanos, tanto as cidades coma -sobre todo- os concellos da súa contorna. Vigo é a localidade con máis instalacións deste tipo (2.568), seguida de Oleiros (1.774) e Nigrán (1.264). 

Nos primeiros lugares da lista aparecen tamén outras cidades, como Ourense, Pontevedra, Lugo e Compostela. Tamén concellos próximos ás grandes urbes, coma Gondomar, Tomiño, Redondela, Ponteareas ou Mos, no caso vigués. Ou Cambre, Sada, Bergondo ou Culleredo no coruñés e Teo e Ames no compostelán.

Os concellos con máis piscinas por habitante son O Pereiro de Aguiar, Amoeiro e Bergondo, con ao redor de 100 piscinas por cada 1000 habitantes

Aínda que en cifras absolutas as áreas urbanas -máis poboadas- acumulan a maior cantidade de piscinas, en termos relativos, en función da súa poboación, tamén as zonas rurais, especialmente no interior, rexistran igualmente valores elevados. Neste senso, os concellos con máis piscinas por habitante son O Pereiro de Aguiar, Amoeiro e Bergondo, con ao redor de 100 piscinas por cada 1000 habitantes, preto de unha por cada dez persoas.

Hai un gran número de piscinas na contorna da cidade de Ourense e no sur da provincia de Pontevedra

 Coles, Oia, Vilamarín, Taboadela, Mondariz-Balneario, Toén, Nigrán, Punxín e San Cibrao das Viñas tamén figuran entre as localidades con maior presenza destas instalacións. 

No mapa pódese observar a elevada densidade de piscinas na contorna da cidade de Ourense, en todo o sur da provincia de Pontevedra (especialmente o Baixo Miño) e a área metropolitana da Coruña, aínda que non na propia cidade herculina, cunha escasa proporción de vivendas unifamiliares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.