A balsa de lodos supón un risco medio ambiental alto para a contorna. Semella que a práctica de ignorar o consello dos ecoloxistas non só é valenciana senón que está estendida por toda a península
Esta última tempada atopeime con dúas perspectivas contraditorias que non consigo casar e con todo semella que están normalizadas.
- Como a balsa de lodos de Alcoa chegou ao seu límite precísase realizar unha ampliación da mesma para continuar coa actividade.
- Na Mariña Lucense faltan fontaneiros, albaneis e electricistas. “Éche que a xente non quere traballar” di a opinión popular xa que “poderían facer pouco e cobrar o que quixesen”.
Se cadra ti estás de acordo con ambas e incluso te preguntas que teñen en común estes dous asuntos. Moito. Moitísimo! Trátase dunha contradición que resume a hipocrisía do discurso xeral, un discurso que non ten os principios ben aliñados e que baila co que máis alto canta.
A balsa de lodos supón un risco medio ambiental alto para a contorna. Non o digo eu, dino tanto a Asociación para a ADEGA (Defensa Ecolóxica de Galicia) como o Sindicato Labrego Galego ou o propio Patrimonio Natural. Estas organizacións dedicadas a velar polos intereses da natureza e daqueles que a traballan como sustento vital observan deficiencias no análise dos datos reflectidos na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) xa que desbota a acumulación de materiais perigosos que anteriormente tampouco foran tidos en conta. Semella que a práctica de ignorar o consello dos ecoloxistas non só é valenciana senón que está estendida por toda a península.
A día de hoxe trátase dunha entidade que parasita ao contribuidor para aforrarlle ao goberno o esforzo e creatividade de xerar novas industrias e sectores económicos que dinamicen a Mariña Lucense
A principal razón pola que a poboación mariñá demanda a continuidade de Alcoa é a perda de emprego se pecha. Neste punto é onde comezo a ver as fisuras neste saber popular, nesta discusión non se di “é que a xente non quere traballar” senón que se entende que o cidadán medio precisa un soldo para subsistir e que só o consegue traballando. Mais a única posibilidade que teñen é a de rogarlle a unha empresa un posto de traballo, aínda que sexa precario. “E que lle vas facer, hai que aguantar se un quere comer.” De súpeto esquécense as queixas pronunciadas e valórase calquera oferta laboral como un agasallo.
Cando se enuncia o repetido “é que a xente non quere traballar” ninguén se acorda dos autónomos que deciden ocupar eses postos de reparación e remodelación do fogar tan demandados e das dificultades que se lles impón, a diferencia das facilidades coas que se trata a empresas como Alcoa. Tampouco se repara en que o despoboamento rural e o menosprezo da profesión son as principais razóns da falta de fontaneiros, albaneis e electricistas.
No canto de asumir un risco medioambiental que manteña unha produción deberíase apoiar económica e administrativamente a autonomía deses profesionais que xurdirían do seu peche. Un diñeiro invertido que repercutiría directamente na poboación tanto pola oferta de servizos que se cubriría como pola posibilidade laboral que se xeraría
Polos procesos sindicais abertos dentro da propia Alcoa e os despidos reportados dende a empresa auxiliar desta, non semella que os empregos ofrecidos sexan de alta calidade e de notable estabilidade laboral. Non se mostra tampouco como unha solución a longo prazo para este perfil profesional. Isto pode deberse a que a produción de aluminio xa non é rendible. A día de hoxe resulta moito máis barato a súa reciclaxe, que por certo, non é contaminante e ten o potencial de reducir as emisión de CO2 anuais.
En términos económicos, os números din que Alcoa, para permanecer aberta, seguirá a absorber axudas gobernamentais por falta de competitividade. Todo para que nin sequera estean a dar un servizo á comunidade, como ocorría fai vinte anos cando a produción de aluminio si era necesaria. A día de hoxe trátase dunha entidade que parasita ao contribuidor para aforrarlle ao goberno o esforzo e creatividade de xerar novas industrias e sectores económicos que dinamicen a Mariña Lucense, posto que polos millóns inxectados a esta compañía pódese concluír que a falta de financiamento non é precisamente o problema, máis ben a súa xestión.
A solución a estes problemas suporía pensar no canto de repetir consignas escoitadas na televisión ademais de adxudicarlle maior soberanía ao pobo. E iso si que non. “Que os que están por baixo miña non suban nin un chanzo” di a opinión popular
Igual, no canto de asumir un risco medioambiental que manteña unha produción deberíase apoiar económica e administrativamente a autonomía deses profesionais que xurdirían do seu peche. Un diñeiro invertido que repercutiría directamente na poboación tanto pola oferta de servizos que se cubriría como pola posibilidade laboral que se xeraría. O rapaz novo tería un traballo en condicións e non marcharía para a cidade baleirando a zona aínda máis. Por riba, a veciña maior non tería que batallar con teléfonos e datas de calendario para poder arranxar a fuga que lle leva dando a lata un mes.
Os enunciados contraditorios que expuxen ao comezo si teñen algo en común, ambos contribúen a manter o sistema de desigualdades sociais no que vivimos. A solución a estes problemas suporía pensar no canto de repetir consignas escoitadas na televisión ademais de adxudicarlle maior soberanía ao pobo. E iso si que non. “Que os que están por baixo miña non suban nin un chanzo” di a opinión popular.