Aquelas que levamos coma quen di “toda a vida” mantendo aceso o lume no tren da loita feminista, adoitamos ter un certo nesgo polarizado na hora de determinar se a nosa sociedade avanzou ou recuou en relación ao obxecto da nosa teima. Persoalmente, eu teño días optimistas nos que valoro en positivo os innegables avances na igualdade formal (a que garanten leis e regulamentos) e o espallamento e posta en valor do feminismo grazas á globalización dixital. Outros días, porén, atácame o becho do pesimismo e localizo neses mesmos dous elementos as fendas polas que se coa o patriarcado feroz para resignificar e diluír o avanzado.
Atopo nenas que defenden e repiten consignas feministas, si. Mais tamén falo cada semana con outras rapazas que se posicionan no bando conservador, aferradas á cor rosa de Barbie e o amor romántico e o papel do silencio e a submisión como signos de identidade do seu xénero
Ultimamente, o pesimismo atacoume forte. Se cadra, o feito de estar a traballar con un cento e medio de adolescentes de primeiro da ESO, tentando que aprendan a usar a empatía e o bo trato e que incorporen os valores da igualdade de trato e oportunidades, ten algo que ver. Falo co profesorado, coas familias, co alumnado e si, recoñézoo: hai intres de desespero. Atopo nenas que defenden e repiten consignas feministas, si. Desde unha perspectiva súper capitalista e trampulleira, pero algo hai aí. Mais tamén falo cada semana con outras rapazas que se posicionan no bando conservador, aferradas á cor rosa de Barbie, o amor romántico e o papel do silencio e a submisión como signos de identidade do seu xénero. Observo as súas dinámicas relacionais e constato varóns agresivos loitando polo liderado e mozas apoucadas e discretas que empregan a estratexia e a conspiración como recursos.
E, sobre todo, comparto tempo e debate con un bo feixe de nenos de doce anos que defenden o seu “dereito” a ver pornografía violenta ou consumir mulleres prostituídas. Nenas e nenos que seguen a falar das parellas como propiedades. Que identifican o xénero co sexo
E, sobre todo, comparto tempo e debate con un bo feixe de nenos que viven á defensiva, reproducindo as partes máis daniñas dos roles masculinos, protexendo os seus privilexios por riba do que sexa. Nenos de doce anos que defenden o seu “dereito” a ver pornografía violenta ou consumir mulleres prostituídas. Nenas e nenos que seguen a falar das parellas como propiedades. Que identifican o xénero co sexo. Adolescentes que viven co convencemento de que impoñer, incluso mediante a violencia física e verbal, é o xeito ideal de liderar. Por achegar algúns exemplos.
Neses momentos de frustración e desconcerto lémbrome a min mesma que o simple feito de que os centros educativos e os concellos promovan actividades como a que me leva ata alí é, por si, un síntoma positivo de avance e cambio. Logo, cando saio esgotada despois de horas de turra e afrouxa (por moi construtivo e sosegado que se presente e execute, iso é o que é: unha pugna contra a realidade), dígome que tras máis de dous séculos de feminismo o meu labor xa non debería ser preciso. Dubido de se esta locomotora está a guiar os vagóns correctos, ou se carrexa con ela outros nos que viaxa placidamente o inimigo.
O seguinte e inminente reto do feminismo é o de parar máquinas. Detérmonos un anaco en parada técnica para reflexionar, analizar e diagnosticar. Localizar eses vagóns nos que carrexamos as fontes das resignificacións que o capitalismo e o patriarcado están a introducir na mentalidade social
A mentalidade común, esa que marca as directrices do modelado social, mudou radicalmente nalgúns aspectos. A tolerancia diante da diversidade de orientación sexual é case total, no polo oposto de como se recibía no tempo da miña infancia. A auto estima das mozas cara un futuro profesional ou a conciencia da maternidade como escolla, son evidentes. Pola contra, o afianzamento dos roles de xénero como verdades biolóxicas, a xustificación que iguala o sexo ás relacións de poder, a ira indisimulada dos varóns fronte á perda de privilexios que lles supón a consecución da igualdade, semellan medrar cada minuto.
Aproveito o oito de marzo para lanzar unha luva. O seguinte e inminente reto do feminismo é o de parar máquinas. Detérmonos un anaco en parada técnica para reflexionar, analizar e diagnosticar. Localizar eses vagóns nos que carrexamos as fontes das resignificacións que o capitalismo e o patriarcado están a introducir na mentalidade social. Porque en boa medida, esas fendas polas que se está a coar o patriarcado que engana, están nos nosos propios discursos que el toma, baleira, enche de machismo e guinda de volta á vía antes de que nos dea tempo a nos decatar.