Paz desigual: o plan de Trump perpetúa o colonialismo sobre Palestina

Beit Lahia, en Gaza, destruída pola invasión israelí CC-BY-SA Jaber Jehad Badwan

Semella pouco probábel que o plan proposto polo presidente estadounidense Donald Trump, do que este alto o fogo sería apenas a primeira fase, poida conseguilo. Máis que un camiño cara á paz, o plan preséntase como unha nova capa na longa historia de sometemento colonial de Palestina. Vexamos por que

O pasado xoves, 9 de outubro de 2025, case dous anos despois do inicio da incursión militar de Israel en Gaza, Israel e Hamás anunciaron un acordo de alto o fogo. Agardamos que este pacto poña fin ao xenocidio en curso e alivie, cando menos, o desastre humanitario na Faixa. É, sen dúbida, un paso necesario, mais só pode ser iso: o primeiro dun camiño que debería conducir a unha paz duradeira e xusta. Con todo, semella —ao noso ver— pouco probábel que o plan proposto polo presidente estadounidense Donald Trump, do que este alto o fogo sería apenas a primeira fase, poida conseguilo. Máis que un camiño cara á paz, o plan preséntase como unha nova capa na longa historia de sometemento colonial de Palestina. Vexamos por que.

O chamado Plan de Paz de Trump consta de vinte puntos que, segundo o seu promotor, conducirán a unha “paz sólida, duradeira e eterna”. Prevese o cesamento das operacións militares, a retirada parcial das forzas israelís, o intercambio de reféns e a entrada de axuda humanitaria. Porén, o texto evita afrontar as cuestións centrais: a ocupación militar de Palestina por parte de Israel —declarada ilegal pola Corte Internacional de Xustiza na súa Opinión Consultiva de xullo de 2024—, o sistema de apartheid e a responsabilidade polos crimes internacionais cometidos polas forzas de ocupación en Gaza. O recoñecemento do dereito do pobo palestino á autodeterminación, esencial para calquera proceso de paz en pé de igualdade, redúcese a unha vaga alusión como aspiración futura e indeterminada, supeditada, en todo caso, aos “intereses de seguridade” de Israel.

O texto evita afrontar as cuestións centrais: a ocupación militar de Palestina por parte de Israel, o sistema de apartheid e a responsabilidade polos crimes internacionais cometidos polas forzas de ocupación en Gaza

Máis ben, o plan prevé que Gaza sexa administrada baixo o “goberno transitorio temporal dun comité palestino tecnocrático e apolítico”, supervisado por un organismo internacional denominado “Xunta pola Paz”. Esta “Xunta” estará presidida por Donald Trump e contará coa participación doutros xefes de Estado e de Goberno, entre eles o ex primeiro ministro británico Tony Blair. Ademais, Gaza será desmilitarizada e reconstruída mediante proxectos de infraestrutura, a creación dunha zona económica especial e investimentos estranxeiros. Tamén é altamente significativo, como subliña Khaled El Mahmoud, que, en todo o texto, só Israel ve recoñecido o seu dereito á seguridade, mentres que Gaza é descrita de maneira constante como unha ameaza que debe ser pacificada. Por último, resulta tan asombrosa como reveladora —aínda que non sorprendente— a omisión de todo mecanismo de rendición de contas polos crimes internacionais cometidos por Israel na Faixa. Hai menos dun mes, a Comisión Internacional Independente de Investigación sobre os Territorios Palestinos Ocupados cualificou a estratexia militar israelí en Gaza de xenocidio, e tamén existen ordes de detencións emitidas pola Corte Penal Internacional contra Benjamin Netanyahu e Yoav Gallant por crimes de lesa humanidade e crimes de guerra. O Plan de Paz, con todo, evita calquera mención a estas cuestións. A proposta presenta así unha paz neoliberal e tecnocrática, onde a reconstrución substitúe á xustiza, e a tutela internacional substitúe á soberanía palestina. 

O plan prevé que Gaza sexa administrada baixo o “goberno transitorio temporal dun comité palestino tecnocrático e apolítico”, supervisado por un organismo internacional denominado “Xunta pola Paz”. Esta “Xunta” estará presidida por Donald Trump

A asimetría do Plan lembra, así, a práctica dos tratados desiguais entre as potencias occidentais e o Sur Global a finais do século XIX e comezo do XX. Nestes tratados, que habitualmente seguían ao uso da forza ou a ameaza de usala, as potencias coloniais impoñían condicións inxustas e exixían privilexios especiais aos Estados considerados “incivilizados”, restrinxindo a súa soberanía. Estes acordos outorgaban ás potencias dereitos territoriais e soberanos, acceso preferente ao comercio exterior, concesións ferroviarias e mineiras, ou mesmo o estacionamento de tropas estranxeiras. Unha vez máis, vemos polo tanto no caso de Gaza, apenas disimulada baixo o vocabulario da “loita contra o terrorismo”, a reaparición do vello estándar de civilización. Como mostra Ntina Tzouvala, a través do “estándar de civilización” o Dereito internacional ofrecía ás entidades políticas non occidentais unha inclusión condicionada a imitar o modelo capitalista, mais negáballes esa igualdade en nome da súa suposta incapacidade. O mesmo se aplica hoxe a Palestina. A lóxica é a seguinte: se Gaza se “desradicaliza”, se reforma a súa administración, se deixa de representar unha ameaza para os intereses de seguridade de Israel, se se abre á inversión estranxeira… entón —e só entón—, nun futuro incerto, a creación dun Estado palestino podería chegar a ser unha posibilidade. Pero a historia posterior aos Acordos de Oslo demostrou o contrario: cada promesa de autodeterminación condicionada serviu unicamente para consolidar o control colonial e a fragmentación territorial. O “proceso de paz” converteuse nun mecanismo permanente de administración da ocupación; na “imposición definitiva da materia da narrativa hexemónica, a xustificación da asimetría estrutural”.

A asimetría do Plan lembra, así, a práctica dos tratados desiguais entre as potencias occidentais e o Sur Global a finais do século XIX e comezo do XX

Máis de trinta relatoras especiais da ONU e outras expertas independentes de dereitos humanos expresaron a súa preocupación polo Plan de Paz, destacando que debe respectar o Dereito internacional, en particular o dereito das palestinas á autodeterminación. Segundo o seu xuízo, a proposta podería ben prolongar a ocupación israelí, ben substituíla por unha ocupación liderada polos Estados Unidos, así como permitir a explotación ilegal dos recursos por parte de potencias estranxeiras sen o consentimento das palestinas. Unha paz que ignore o atente descaradamente contra o dereito e a xustiza, afirman, “é unha receta para máis inxustizas, violencia e inestabilidade no futuro”. Así e todo, aínda que esta crítica é sen dúbida acertada, en lugar de desafiar o Dereito internacional, a proposta xustamente opera baixo —e reproduce— as desigualdades sistémicas que caracterizan o ordenamento xurídico internacional contemporáneo. Máis que un instrumento a prol da xustiza no mundo, e malia as súas aspiracións de universalidade, o Dereito internacional serviu historicamente como medio de dominación e exclusión; e segue a facelo. Palestina, negada e condicionada, é hoxe o exemplo máis claro desa hipocrisía estrutural. O Plan de Paz encaixa perfectamente nesa lóxica: substitúe a ocupación militar por unha tutela internacional, a soberanía pola “gobernanza tecnocrática” e a autodeterminación pola apertura económica forzada. En nome da paz e do desenvolvemento, perpetúase así a mesma estrutura de subordinación que o Dereito internacional leva séculos lexitimando.

Donald Trump, na sede das Nacións Unidas CC-BY-SA The White House

Perante o asentimento dos nosos gobernos, agora máis ca nunca cómpre non baixarmos a garda e seguir mobilizándonos en solidariedade co pobo palestino. Velaí está a nosa responsabilidade, individual e colectiva: non ficarmos inmóbiles ante a barbarie e a impunidade, senón sumar —cada quen como poida— ao esforzo común que, máis cedo ou máis tarde, abrirá camiños de liberdade

Así pois, quédanos recoñecer o evidente: o alto o fogo non porá fin ao sufrimento da poboación palestina mentres non vaia acompañado dun recoñecemento incondicional do seu dereito a vivir con dignidade, liberdade, igualdade e soberanía. Para iso será necesario poñer fin á ocupación militar e ao apartheid actuais, así como esixir responsabilidades polo xenocidio, polos crimes contra a humanidade e polos crimes de guerra cometidos en Gaza. A “paz” dos vencedores promovida por Washington non será o marco para iso. Pois esta paz desigual non é unha paz que mereza ese nome, se non afronta tamén a violencia estrutural inherente ao sistema de opresión colonial do pobo palestino.

Porén, os gobernos occidentais semellan ignorar isto. Mesmo afirman que xa non hai motivos para saírmos ás rúas en defensa das persoas palestinas. Equivócanse. Perante o asentimento dos nosos gobernos, agora máis ca nunca cómpre non baixarmos a garda e seguir mobilizándonos en solidariedade co pobo palestino. Unha vez máis, “só o povo salva o povo”. E velaí está a nosa responsabilidade, individual e colectiva: non ficarmos inmóbiles ante a barbarie e a impunidade, senón sumar —cada quen como poida— ao esforzo común que, máis cedo ou máis tarde, abrirá camiños de liberdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.