Pasou o 28M e xa se achega o 23X. Sobresaltadas co arrouto, sen darnos tregua nin respiro, un comicio sucede ao outro a todo gas. Por pouco non caeron tamén as galegas. Remata a campaña e xa podemos solicitar o voto por correo. A pre - precampaña está activada. Como dirían os sabios da Psicofónica de Conxo, os “políticos colgantes” van ficar pendurando dos farois un par de meses máis.
A pre - precampaña está activada. Como dirían os sabios da Psicofónica de Conxo, os “políticos colgantes” van ficar pendurando dos farois un par de meses máis
O presidente Sánchez presenta as convocatorias como causa e consecuencia. A esquerda á esquerda do PSOE mergulla en augas turbias e non atopa o vórtice do remuíño que semella abocala ao fondo mariño. O PSOE non sabe se vai ser quen de aproveitar a desfeita e recuperar votantes, mais claramente ese é o intento. Os partidos estruturados e con presenzas territoriais definidas, nomeadamente os nacionalistas coma o BNG, PNV, EH-Bildu, Junts ou ERC, xa amosaron que si son quen de reanimar aquelas desanimadas, tradicionalmente súas, que transitaran a UP e volven agora á morna casa das fillas pródigas. Se cadra, Más Madrid atopa no embigo peninsular madrileño un espazo inopinado nesa liña. As votantes de EU fican, semella, orfas de nai e pai. A dereita dos populares aperta as súas filas tras varrer a Ciudadanos (unha vez cumprida a misión coa que fora creado: ter un espazo na dereita onde canalizar o descontento xerado pola crise de 2008), recuperando eses votos. Seguramente, nas eleccións xerais VOX será a seguinte forza que comece a fagocitar o PP, recobrando a hexemonía tras a “anomalía multipartidista” baixo a batuta de Núñez Feijóo, “o sensato”.
Pouco enumerei ata aquí que non se teña dito nestes días. Seguín atenta os faladoiros en radios e televisións, os editoriais na prensa escrita e as análises políticas e estatísticas deses “expertos” que proliferan coma os fungos en outono. Todo o mundo tenta descifrar a mente de Sánchez, pescudar o plan oculto, a chave da súa estratexia anticipatoria.
Semella un clamor que moitos votos de esquerda non saíron das casas. Que o enfado, o fastío, o desánimo e o desencanto callaron máis fondo do agardado. E sabemos que á esquerda cústalle moito tapar o nariz e “votar útil”
Mais non se fala da participación, ou non ás claras. Hai comentarios e sarcasmos acerca da esixencia das votantes de esquerdas e pouco máis. Estas eleccións municipais (e autonómicas en doce comunidades) foron as terceiras con menor participación desde 1979. Os dous precedentes con menor proporción de votantes sitúanse en 1979 e 1991. Xa choveu. Semella un clamor que moitos votos de esquerda non saíron das casas. Que o enfado, o fastío, o desánimo e o desencanto callaron máis fondo do agardado. E sabemos que á esquerda cústalle moito tapar o nariz e “votar útil”.
Sánchez lanzou un dobre ou nada. Non é o primeiro (é ben sabido) na súa historia política
Sánchez lanzou un dobre ou nada. Non é o primeiro (é ben sabido) na súa historia política. Coido que nesta campaña vai tentar turrar con ímpeto do capital inmobilizado no seu nicho potencial. Noqueadas Belarra e Díaz co adianto, que as deixa sen marxe temporal para rearmarse debidamente, sae a por todas ou ningunhas. Haberá que ver ata onde a coherencia ancora o voto útil á toalla un 23 de xullo, cando se está tan ben nas terrazas, e como pensa Pedro “o audaz” motivar a mobilización deses preto de dous millóns de votos que precisaría para permanecer no poder, unha vez UP (ou Sumar ou X) toque terra e non teña xa con quen compartilo.