Como tantos outros nenos e nenas, medrei agardando pola carta de Hogwarts. Esa entrada privilexiada a un mundo máxico, onde quen non é muggle é meigo, e unha diferencia tal significa unha vantaxe. Ao contrario que no mundo real, onde a diferenza se castiga, se sinala e, no peor dos casos, se elimina. Se me tivesen dito que a rexeitaría se a recibise xa de adulto, o neno que fun non o crería. E se me crese non mo perdoaría
Como tantos outros nenos e nenas, medrei agardando pola carta de Hogwarts. Esa entrada privilexiada a un mundo máxico, onde quen non é muggle é meigo, e unha diferencia tal significa unha vantaxe. Ao contrario que no mundo real, onde a diferenza se castiga, se sinala e, no peor dos casos, se elimina. Se me tivesen dito que a rexeitaría se a recibise xa de adulto, o neno que fun non o crería. E se me crese non mo perdoaría.
Por que ía rexeitar a oportunidade de vivir nunha escola que ten máis de abeiro que de prisión? Que vexo cos meus ollos de adulto que non era quen de ver a través do filtro da inocencia infantil?
Se imos máis alá da fantasía dámonos conta que o sistema educativo do mundo de Harry Potter é o reflexo do sistema educativo elitista do Reino Unido, esas escolas privadas ás que soamente accede quen as poida pagar, coa diferenza de que a moeda de cambio non son cartos senón maxia. A metáfora do neno único e especial, na que a rapazada de tantas xeracións se sentiu identificada, rebaixada á vulgar realidade da economía. Logo están os pequenos detalles, como que as tarefas domésticas de Hogwarts estean nas mans dunha raza escravizada de elfos e que ninguén deste mundo fantástico -agás unha soa estudante ao longo de sete libros e oito películas- teña a iniciativa de loitar contra unha inxustiza tal.
Emporiso, a decisión de querer rexeitar a invitación para entrar na escola de maxia de máis sona da historia ten máis que ver co mundo real que co imaxinado pola autora. Ela, quen non se debe nomear, e a súa cruzada contra a comunidade trans. Tanto dentro coma fóra dos mundos máxicos, todas as decisións son políticas.
Política tamén é a escola de maxia que eu mesmo inventei en Místicas. Curso do 34. Ambientada nos últimos anos da II República non podía ser doutro xeito. Son os anos nos que Clara Campoamor, a primeira muller que falou no Congreso, lidera a loita por acadar o sufraxio feminino. Neste escenario histórico preséntasenos a Escola de Tambo para Fillos de Breogán, unha institución tradicionalmente masculina onde o ensino de maxia é privilexio de meigos -é dicir, homes- e, xa que logo, se restrinxiu o acceso ás meigas ata a chegada da protagonista, Miranda Xardín. Lamentablemente, os seus compañeiros non están tan contentos coma ela e, cando un deles aparece asasinado por unha criatura sobrenatural que soamente as mulleres poden invocar, todos eles sinalan a Miranda como principal sospeitosa.
Se Galicia tivese unha escola de maxia, tiña que estar en Tambo. Recoñezo que foi un pequeno pracer roubarlle a propiedade imaxinaria de Tambo ao exército, que é a institución dona da illa na actualidade, para crear unha escola de maxia para nós. E con nós refírome todo lector e lectora. Meigos, meigas e tamén quen aínda non o sexa pero queira selo. A cuestión é imaxinar. E ler
Se cadra semella contraditorio que me dese en crear unha escola tan politicamente contraria a todo o que me representa, tanto como individuo como membro da comunidade LGTBIQ+. Non reneguei de Hogwarts por moito menos? Ou por moito máis? A cuestión é que ningún sistema educativo é perfecto. E de todos os xeitos a miña vontade era falar da orixe dunha escola soñada, como é que chegou a ser o que queremos que sexa hoxe en día? Por algures tivo que comezar. O caso é que os fans de Harry Potter queren Hogwarts tal cal é. A nostalxia non sempre é xusta, e funciona do mesmo xeito nos mundos de fantasía e na realidade. E o que é peor, tampouco non hai vontade de mellora por parte da súa creadora. Por iso, no canto de escribir sobre unha escola ideal -ou idealizada-, eu creei unha escola imperfecta para ser quen de cambiala co paso do tempo. Facela mellor.
Hoxe máis que nunca, cando os delitos de odio semellan aumentar cada día en Galicia, as persoas que se nos percibe como diferentes precisamos de espazos seguros onde facer comunidade. Naturalmente, na realidade, mais tamén no noso imaxinario colectivo. E que mellor lugar que a illa de Tambo na ría de Pontevedra, un espazo restrinxido ata ben pouco. Disque en tempos medievais existía un mosteiro no medio e medio da fraga, ao final dun carreiro que comezaba no peirao. Coa pedra deste mosteiro, moitos anos máis tarde, construíron o lazareto, ou hospital para leprosos. Entre unha construción e a seguinte tamén deron en medrar lendas, coma a da moura. E así, aos poucos, a illa de Tambo converteuse nun lugar enigmático, unha rara avis excluída do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Unha illa especial, máxica, protexida do turismo masivo que asolaga as outras illas muggle. Se Galicia tivese unha escola de maxia, tiña que estar en Tambo. Recoñezo que foi un pequeno pracer roubarlle a propiedade imaxinaria de Tambo ao exército, que é a institución dona da illa na actualidade, para crear unha escola de maxia para nós. E con nós refírome todo lector e lectora. Meigos, meigas e tamén quen aínda non o sexa pero queira selo. A cuestión é imaxinar. E ler.