1) Anotación previa.
Na última asemblea de Modepén do 21 de setembro de 2024 e, por delegación desta, no Consello Nacional do dia 11 de decembro de 2024, acordouse, entre outras propostas, engadir no documento “As ideas que nos unen” (que ven ser o noso programa) unha definición da natureza das pensións polas que loitamos. En concreto acordouse engadir os seguintes parágrafos
- Entendemos que as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial derivado das contribucións realizadas a raíz da relación laboral que motivou as mesmas.
- Entendemos que as pensións non contributivas derivan do dereito humano a unha vida material digna, de especial relevancia en persoas que, precisamente por ser pensionistas por idade ou por discapacidade, non poden traballar.
- Reivindicamos, en consonancia co parágrafo anterior, o dereito humano a unha vida material digna para todas as persoas, que se materializaría na implantación dunha Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente.
Nos artigos publicados no xornal praza de data 18-10-2024 e 15-01-2025 expuxen a miña opinión sobre o sentido do primeiro i e do segundo ii parágrafo, respectivamente. Nese artigo voume referir especificamente ao terceiro parágrafo, o da Renda Básica.
2) Razóns do texto.
- En primeiro lugar debo dicir que estas defincións foron adoptadas despois dun longo debate. Entendo que esgotar ao máximo este debate foi tamén a razón de delegar no Consello Nacional, coa idea de afondar máis nel.
- En segundo lugar a pretensión da enmenda era clarificar cales son e de onde proceden os nosos dereitos. Resumidamente entendemos que as pensións contributivas proceden dun dereito laboral, é dicir, as contributivas son parte do pago da venda da nosa forza de traballo, como as fins de semana ou as vacacións, mentres que as non contributivas consideramos que teñen unha orixe anterior, proceden do dereito que temos todas e cada unha das persoas a ter unha vida material digna (un dereito obvio a pouco que pensemos nel), máxime se a persoa (por definición de pensionista) non pode ou non se lle permite traballar, é dicir, vender a súa forza de traballo. (Ver os artigos mencionados en Praza). E o terceiro parágrafo vén ser unha consecuencia natural do segundo, afirmando que ese dereito a unha vida material digna debería estenderse a toda a poboación mediante unha Renda Básica, entendida como unha prestación periódica coas catro características necesarias, que son:
- Universal: Recibiriámola todas as persoas residentes no territorio de implantación, sen ningunha exclusión (as menores de idade nunha cantidade reducida).
- Incondicional: A diferencia das actuais Rendas Condicionadas (PNC, RISGA, IMV...) recíbea todo mundo, traballe ou non, teña moitos cartos ou poucos (relacionado está a forma de financiación, claro). Tan incondicional como a sanidade e a educación públicas.
- Individual: Recíbea e xestiónaa cada persoa. É un carácter importante para evitar discriminacións por razóns de sexo, idade, minorías ou calquera outra.
- Suficiente: Ten que garantir unha vida digna. Por iso tamén debe manterse o Estado do Benestar, pois, sen el, ningunha RBUI sería suficiente.
Deste xeito estamos a falar dun novo dereito humano, o “dereito a unha vida material digna polo simple feito de nacer” na liña do artigo 1.3 da “Declaración de dereitos humanos emerxentes de Monterrey de 2007” iii.
- En terceiro lugar, porque cremos que estratexicamente nos permitirá estabelecer alianzas con outros movementos ou sectores que están a reivindicar, desde a súa propia perspectiva, esta mesma medida xunto a outras tamén evidentes como son o mantemento dos servizos públicos, que a vivenda sexa un dereito e non un negocio, diminución da desigualdade (“rendas máximas”) potenciación e mellora do transporte público, banca pública, loita contra o patriarcado, loita contra o paro e a precariedade, educación, cultura...) no camiño necesario a unha confluencia dos movementos populares pola procura dun mundo máis xusto.
Porque a RBUI está a ser un punto de confluencia de diferentes posicións ideolóxicas e políticas. Realmente todas as que parten da defensa da liberdade republicana de esquerdas. Así atopamos Keinesianos, Marxistas, Anarquistas, Humanistas...
E se está a defender desde diferentes argumentos: Como critica as Rendas condicionadas estigmatizadoras e a súa trampa da pobreza. Como busca dun soporte “sólido” nun mundo “líquido” e cheo de crises con múltiples caras, que provoca o medo e o avance da irracionalidade e do fascismo. Como incremento significativo da liberdade republicana, oposta á suposta liberdade neo-liberal da lei do máis “forte”. Como avance na redución do sistema económico aos límites que lle impón o sistema ecolóxico. Como reacción contra esas empresas innecesarias, inútiles ou nocivas que afirman, como principal razón da súa existencia: “imos crear postos de traballo”. Como un paliativo ao cambio tecnolóxico, que vai reducir empregos. Como axuda ao reparto do emprego. Como acción ante eses futuros alternativos de que falaba o físico Stephen Hawking (“unha maioría da persoas miserabelmente pobre” contra “unha vida de luxo e ocio para todas” iv).
En definitica, os que queremos imaxinar un futuro mellor, sen contratos lixo, con sindicatos dotados de caixas de resistencia. Cunha educación para formar máis a persoas que a traballadoras, máis colaborativos e creativos. Cunha cultura, deportes, ciencia, arte, con menos agobios económicos. Con máis autonomía real para a mocidade e as mulleres que aínda hoxe seguen a ser dependentes. Menos delincuencia e menos problemas de saúde mental relacionados coa pobreza. Menos traballo escravo ou infantil, prostitución, trata....
3) - Financiamento.
Anotar apenas que xa no 2014 membros da Rede Renda Básica realizaron un estudo pormenorizado da viabilidade da aplicación dunha RBUI a partir dunha base de datos do IRPF . Hoxe ninguén (nin sequera os famosos “expertos do BBVA”) discuten esa viabilidade, con todas as críticas e matices que se lle queiran facer (e adianto que eu llas fago e que, por afectar ao movemento pensionista, pretendo adicarlle o que será o cuarto e último capítulo desta serie).
Quen estea interesado pode atopar mais información na rede ou nestes enlaces que uno na nota v. Só dicir, brevemente, que no estudo o 80% dos declarantes do IRPF sairían gañando respecto da situación actual, perdendo o 20% máis rico. É importante matizar que os propios autores citan outras posíbeis fontes de financiamento á hora de facer unha aplicación completa da RBUI. E que con estes estudos unicamente pretendían,e conseguiron, demostrar a súa viabilidade económica. E demostrar tamén que a RBUI é posíbel aplicala de forma practicamente inmediata.
Notas
i https://praza.gal/opinion/a-defensa-das-pensions-publicas-como-un-dereito-adquirido-de-caracter-salarial
iihttps://praza.gal/opinion/a-defensa-das-pensions-non-contributivas-como-derivadas-do-dereito-humano-a-unha-vida-material-digna
iii Declaración de Monterrey: https://dhpedia.wikis.cc/wiki/Declaraci%C3%B3n_Universal_de_Derechos_Humanos_Emergentes#Texto_completo_de_la_Declaraci.C3.B3n
iv Stephen Hawking:
https://www.laizquierdadiario.com/Stephen-Hawking-El-peligro-no-son-los-robots-sino-sus-duenos
v Financiamento
- Estudo 2014:
- Tese Jules Bollain (2021):