Primeiro a Primaria

Pacientes nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

Calquera dos que imos tendo unha conta avultada de anos recordamos o que se coñecía como o médico de cabeceira e probablemente lle poñamos nome e cara a quen nos atendía como tal porque formaba parte das nosas referencias vitais. Asocio esta denominación coa imaxe de alguén que se coloca ao pé da nosa cama cando estamos enfermos, pois era bastante frecuente que nos visitase na nosa propia casa se as circunstancias o requirían.

Pasou un tempo, modernizamos esta denominación e comezamos a chamarlles médico ou médica (xa había máis mulleres) de familia. Non sei se isto obedecía a un intento de atención global da unidade familiar, pero a realidade é que dentro dunha familia cada membro podía estar nun cupo diferente.

Visitounos novamente o desexo de mudanza, deixamos de dicir que iamos ao ambulatorio para pedir cita no centro de saúde e a persoa de quen viñamos falando chámase médico ou médica de atención primaria. O nome actualizouse ao tempo que a atención se distanciou. Coma se fose un xogo de palabras, antes de que se chamase “de familia” era precisamente cando se ocupaba de toda a familia, cando dominaba o noso historial sen que houbese un rexistro informático para iso. Agora perdeuse esa figura, raramente chegamos a coñecernos. Os cambios continuos nas prazas ou na asignación dos cupos impídeno. Descontados os traslados solicitados polos profesionais, algo que resulta comprensible, somos privados de continuidade na atención sen que se entenda sempre por que, xa que nos poden mover de cupo sen contar coa nosa vontade, nin sequera trasladarnos a información pertinente.

A atención primaria é para os usuarios a vía de entrada ao sistema sanitario, así que parece obvio que a accesibilidade deba estar garantida, pero a prioridade parece ser ternos a distancia e, coa escusa da pandemia, pasamos a ser atendidos por vía telefónica, coma se a exploración clínica fose totalmente secundaria e a dispensación de medicamentos co mando a distancia, o normal. Incluso se, por seren antibióticos, debesen ir precedidos dalgunha comprobación. Incluso se o ou a doente non tivesen soltura para explicar os seus síntomas ou dificultades ou para recordar logo as indicacións que lles fixeron.

Cada vez máis, aos e ás profesionais ateigáronlles os cupos e comprimíronlles as consultas por sesión, atribuíndolles un tempo de atención non apto para un paciente con problemas de mobilidade, que tería que saír antes de dicir a que viña

Cada vez máis, aos e ás profesionais ateigáronselles os cupos e comprimíronselles as consultas por sesión, atribuíndolles un tempo de atención non apto para un paciente con problemas de mobilidade, que tería que saír antes de dicir a que viña. Aos e ás doentes esvaecéusenos a imaxe do ou da profesional de atención primaria polos cambios frecuentes nas consultas. Porque se, por vacacións ou baixa laboral non está a persoa que nos atende, somos acumulados aos pacientes doutra, porque a que está ausente non é substituída. E porque, se debemos agardar unha semana a sermos atendidos, pode que a nosa situación non nos permita a espera e teñamos que optar por contribuír á saturación das urxencias ou, como non, refuxiarnos na medicina privada. Así, a nosa porta de entrada á atención médica aparece atrancada por dentro.

Desde 1978 en que se definiran as liñas primordiais da atención primaria na Conferencia Internacional de Alma-Ata, pesa sobre os gobernos a obriga de coidar a saúde das persoas, de organizar a atención primaria para que poñela ao alcance de todos os cidadáns, de facer dela o núcleo principal do sistema de saúde, como primeiro elemento que é do proceso de asistencia sanitaria. Claro que tamén se nos di neste texto que, para lograr os obxectivos propostos, deben mobilizarse e utilizarse racionalmente os recursos.

Interesantes propostas, pero, máis de corenta anos despois desta declaración, usuarios e profesionais reclaman eses recursos para a atención primaria, que, outra vez coma nun xogo de palabras, non é a primeira para os xestores sanitarios. Para profesionais e cidadáns é importante coñecérmonos, evitar o cambio constante na consulta que nos impide unha relación fluída coa persoa que se ocupa da nosa saúde. E, dado que constitúe a porta de entrada con que contamos para acceder ao sistema sanitario, esa debe ser unha porta que nos inspire confianza, onde nos deixen pasar cando o necesitamos. Cando iso non é así, sentimos que nos botan fóra e, daquela, temos principalmente dúas opcións: chamar a outro lado onde, co pago pertinente, nos abran ou buscar a porta de atrás, opción sempre tan tentadora como tramposa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.