Programas

Un antigo televisor CC-BY Ajeet Mestry / Unsplash

Non teño televisor. Como moita outra xente, hai tempo que limitei o meu consumo audiovisual ás producións que ofrecen na rede as plataformas ás que estou aboada. A razón non é política, ten máis que ver coa saúde mental. 

Alén diso, sería pura demagoxia dicir que non vin as entrevistas de Sánchez e Núñez Feijóo en El Hormiguero. Vivo aquí e hoxe. Tiven noticia destes acontecementos, procureinos e vinos. Quen non? Abren portadas.

Nos faladoiros radiofónicos e televisivos, nos editoriais escritos, nos artigos de opinión falouse abondo nos días pasados acerca dos potenciais debates entre candidatos na televisión. Mesmo hai quen opina que deberían estar regulados na Lei do Réxime Electoral. Disque unha boa entrevista, ou unha mala, poden dar a volta á intención de voto. Que nun debate é posible gañar unhas eleccións e tamén perdelas.

(Se o que vou afirmar a continuación sóalle, lectora ou lector, a evidencia, alédome por vostede. Non precisa este artigo. Pero saiba que é vostede minoría). 

Nos debates televisivos e nas entrevistas nos medios, ningún candidato ou candidata fala de todo o que pensa ou do que ten previsto facer ou omitir. 

Programas electorais de diversas formacións políticas nas eleccións xerais de 2016 CC-BY-SA Praza Pública

Existen uns documentos que cada partido político ou fronte electoral elabora e nos que si deberiamos poder atopar, completa, a información relevante. Cando menos, o seu ideario e principais propostas e plans de goberno. Son os programas electorais, que non teñen nada que ver cos televisivos malia compartiren nome común. Non son vinculantes, mais si reveladores.

Teño o vello costume, adquirido nos tempos afastados da maioría de idade e o conseguinte dereito ao voto, de lelos, mesmo os daquelas formacións que están no polo oposto do meu sentido social, aínda que só sexa por poder falar con coñecemento de causa e fundamento. (Chámenme antiga, podo aturalo).

Téñolles unha noticia: a 29 de xuño, nas páxinas web de PP, PSOE, Sumar, VOX, BNG, PNV, ERC e Bildu non hai programa electoral para os comicios do 23 de xullo. Estes documentos non adoitan estar nas portadas, mais nesta ocasión os buscadores só me remiten aos programas das acabadas de celebrar eleccións municipais e autonómicas.

É posible que as forzas aleguen que o precipitado e imprevisible da convocatoria complicoulles poder poñer tal información á disposición do electorado a menos dun mes dos comicios. Porén, esa urxencia non evita que conten xa con deseños de carteis, slogans, campañas en medios e de prensa, calendarios de mitins, disputas polos debates. Se cadra, o dos programas de goberno dá preguiza. Fica ao fondo da lista de prioridades. Total, xa ninguén os le, non si? 

Se cadra, o dos programas de goberno dá preguiza. Fica ao fondo da lista de prioridades. Total, xa ninguén os le, non si? 

Evidénciase que o populismo, o meme como substituto do slogan, o titular como un todo, as preguntas pactadas e as respostas pre cociñadas no lugar da conversa espontánea ou as campañas emocionais baseadas no consumo, son agora as estratexias de comunicación máis eficaces para as e os candidatos, ao tempo que as máis enganosas para nós, as votantes. Que quedamos co que Fulano dixo en tal entrevista ou o erro de Mengana en tal debate, no canto de revisar que fixeron se gobernaron, con quen pactan cando poden facelo, que propoñen en adiante ou que cuestionan do feito polas outras. 

Pablo Motos sobe en audiencia e cartos por publicidade. TVE e a Academia da Televisión non organizarán o principal debate. Eu quedo sen tempo para ler os programas. E o 29 de xullo teremos por diante catro anos de esperanza ou desespero fundados nun quítame alá esa frase sobre nimiedades como a eutanasia, a interrupción voluntaria do embarazo, o prezo das laranxas ou o do café. E vostede, que criterio vai seguir para decidir o seu voto dentro de tres semanas?

Votaremos desinformadas e manipuladas nun sistema deturpado que, cada vez máis, non debería merecer o nome de democracia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.