Xa vivimos Semanas Santas peores. Pechaban os cinemas, as discotecas, moitos bares, non se podía cantar!, e a única televisión existente -daquela- estaba monopolizada pola igrexa nacional católica e o extremismo franquista. Non había escapatoria. Eran lentellas ou lentellas, o franquismo adoutrinando sen máis.
Somos, seguimos a ser, unha pequena minoría aqueles, aquelas, que sentimos o peso da relixión nacional católica sobre os nosos lombos e máis
Algúns inxenuos e inocentes soñabamos cunha sociedade democrática e libre, respectuosa con tódalas crenzas e ritos, mesmo coas persoas que libremente decidiran non telas ou dubidar, onde a laicidade fose norma común de cidadanía, nun Estado no que as confesións relixiosas, todas, estivesen aseguradas e circunscritas ó ámbito privado, tal e como figura, por certo, na Constitución do '78, que menos.
Hoxe, cando un xa viu case que de todo, 44 anos despois, se observamos os medios, públicos e privados, a sobredose de procesións, novios de la muerte, dolorosas, estacións de penitencia, confrarías, nazarenos e capuchóns, pelis confesionais a mogollón, unha liturxia desmedida de contrarreforma e incenso, co goberno máis progresista da historia, din, temos que concluír que somos, seguimos a ser, unha pequena minoría aqueles, aquelas, que sentimos o peso da relixión nacional católica sobre os nosos lombos e máis. Que cruz!.