Que máis pode facer o señor Feijóo para deteriorar o sistema sanitario público en Galicia?

Hospital concertado de Povisa, en Vigo Dominio Público Povisa

Non podemos saír do noso abraio. Cada noticia que coñecemos sobre o Sistema Sanitario Público en Galicia, é peor que a anterior. Agora resulta que a administración do PP en Galicia, vai permitir que o Hospital Povisa, que dá servizo a 137.000 persoas na Área Sanitaria de Vigo, vai ser vendido a Ribera Salud (antiga dona do Hospital de Alzira, na Valencia de Zaplana e do PP máis corrupto de Europa, segundo o xuíz, cunhas perdas millonarias e agora rescatado para a Sanidade Pública polo novo Goberno Valenciano). Amosamos a nosa enorme preocupación por unha adquisición que pode ter gravísimas consecuencias para a Sanidade Pública Galega, especialmente para a área sanitaria de Vigo. Temos que lembrar que quen compra realmente Povisa é a multinacional norteamericana Centene Corporation, aseguradora privada, propietaria do 90% do capital da Empresa Ribera Salud.  Centene dedícase desde hai anos a comerciar coa saúde de boa parte da poboación estadounidense (e a do Estado español que lle permite o PP).

A venda de Povisa é responsabilidade do vigués José Baltasar Silveira Cañizares, presidente do Grupo Nosa Terra XXI, quen negociou con Ribera Salud, empresa xurdida ao abeiro da política privatizadora do PP de Zaplana e que é controlada pola multinacional dos EUA, Centene Corporation. 

A adquisición de Povisa supón un paso máis na estratexia de Núñez Feijoo de poñer a Sanidade Publica Galega en mans do capital privado

O concerto Singular vixente coa Xunta, implica @s más de 1.500 empregad@s de Policlínica de Vigo Sociedad Anónima (Povisa) e que se encarga de atender 137.000 galeg@s. A factura anual ao Sergas anda polos 500 euros por paciente.

O actual conselleiro delegado de Ribera Salud é Alberto de Rosa Torner, individuo que se presentou  na lista do PP de Sueca en 2007. O seu nome quedou salpicado na vaga de corrupción que asolou Levante, segundo deixou ampla constancia a prensa valenciana. Hai tres anos a Fiscalía solicitou o xuiz que imputase a De Rosa polo cobro de comisións na implantación de prótese, como marcapasos e outras, en Ribera Salud a través da sua filial B2B.

Pois ben, con estos antecedentes, a adquisición de Povisa supón un paso máis na estratexia de Núñez Feijoo de poñer a Sanidade Publica Galega en mans do capital privado, como xa fixo coa farmacéutica Johnson and Johnson, á que cedeu boa parte da investigación sanitaria galega ou o contrato coa multinacional Medtronic (fabricante de aparellos cardiolóxicos) para xestionar a área do Corazón no Complexo Hospitalario de Santiago ou a externalización de practicamente todos os servizos dos hospitais galegos: lavandería, cociña, limpeza, telefonía, etc. Así como a grande aparataxe (que é, por suposto, o máis caro do sistema) en mans de Galaria (que ten á fronte a cesada ex-conselleira de Sanidade Rocío Mosquera).

O conselleiro delegado de Povisa e a daquela xerente do Sergas asinan en 2014 o novo concerto co hospital privado vigués © Xunta

Con esta manobra, Centene apoderouse dun centro pertencente á Rede de Hospitais de Utilización Pública que atende unha área de 137.000 habitantes de Vigo, O Morrazo e Valmiñor e que é centro de referencia para o sur de Galicia. Isto supón a consolidación da privatización de boa parte da atención hospitalaria de Vigo (hai que lembrar que para evitar a quebra de Povisa, esta conseguiu chantaxear a Xunta para que recortase máis de 400 camas do Hospital Álvaro Cunqueiro).

A empresa multinacional Centene Corporation, adquire un hospital con perdas millonarias (18 millóns de euros entre 2015 e 2018) e que foi rescatado da quebra (concurso de acredores) polo Sergas, mediante a  renegociación do Convenio Singular que lle incrementou o diñeiro por habitante, concedeulle máis poboación e perdooulle o pagamento da factura farmacéutica deste centro. A pesar destas prebendas, Povisa seguiu recoñecendo perdas millonarias... E a pesar disto, Centene Corporation quérea comprar!!! E a Xunta do PP déixalla comprar!!!

Centene Corporation, ten entre os seus obxectivos estratéxicos, acceder aos dados sanitarios e xenéticos da poboación

Centene Corporation, ten entre os seus obxectivos estratéxicos, acceder aos dados sanitarios e xenéticos da poboación (no seu Consello de Administración esta o Vicepresidente Mundial de Microsoft), que grazas a esta compra vai conseguilos, o que non é nada bo para a poboación de Vigo e a súa comarca. 

A pregunta que nos facemos, é por que o señor Feijoo e a Xunta de Galicia non incorporan este hospital e o pasan directamente á Sanidade Pública Galega? Se a van a comprar por 22 millóns de euros, co orzmaneto da Xunta de 1.000 millóns, non se podería incluír na Rede Hositalaria Galega? Claro que si. A Xunta acaba de dedicar 17,5 millóns de euros a mobiliario e impresoras, que ninguén lles pediu (importante, pero moito menos que substitut@s para @s traballador@s e o desexable rescate deste hospital punteiro en Vigo). 

Que sucede? Que a política do PP vai encamiñada á privatización do sistema, a deterioralo... E cando xa está nas últimas, venderllo á sanidade privada, case sempre a algún amiguete do PP. 

Chamamos á Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e a todas as organizacións que a compoñen a ser belixerantes con este tema. Promoveremos unha gran mobilización, para evitar este novo desastre para Vigo, a súa área sanitaria e para a Sanidade Pública de Galicia. 

Co ben máis preciado que temos, a saúde, non se xoga Sr. Feijoo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.