En algo menos de catro meses cumpriranse corenta anos daquela soada tentativa de golpe de estado, na que o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero Molina entrou, pistola en man, no Congreso e berrou aquilo de “¡Quieto todo el mundo!”. O estado español vivía daquela aínda na incerteza e o desacougo de nin saber se seriamos quen de afianzar unha acabada de nacer democracia, cimentada nos pobres alicerces do esquecemento da crueldade, da inxustiza e da dor perpetradas ao longo de tres anos de guerra intestina e corenta e dous longos anos máis de ditadura franquista.
Poucas voces se alzan preguntándose que pasa co sistema sanitario. Por que, en todos estes meses, non se fixo o investimento e estruturación precisos para atender esta segunda vaga que tan claramente se predixo
Case catro décadas despois atopámonos nun contexto crítico que ameaza novamente as liberdades humanas, ademais da vida. Os medios de comunicación dedican apenas un titular ás avalanchas de migrantes que arriban ás costas canarias, ateigados e saturados pola segunda onda do Covid-19. O medo á enfermidade e á morte é poderoso. Os fascistas de Vox xogan a gañar protagonismo lanzando mensaxes maniqueas desde a tribuna cunha inoportuna moción de censura no mesmo Congreso que un día asaltara Tejero. Tribuna que máis de tres millóns e medio de persoas lles concederon cos seus votos nas recentes eleccións xerais, de seguro motivadas polo medo e odio que alimentan.
O Estado das Autonomías perde vixencia e lexitimidade e as comunidades rogan ao goberno central que colla novamente o temón de guía. Desde Moncloa decrétase un novo Estado de Alarma, que se pretende blindar ata maio de 2021, a fin de dotar de seguridade xurídica ás decisións restritivas sobre importantes liberdades democráticas básicas – reunión, movemento – que se supón contribuirán a minguar a incidencia da pandemia que nos azouta.
Poucas voces se alzan preguntándose que pasa co sistema sanitario. Por que, en todos estes meses, non se fixo o investimento e estruturación precisos para atender esta segunda vaga que tan claramente se predixo. Pouco se fala xa da carga viral nos contaxios, da inmunidade colectiva, da protección dos colectivos de risco. É máis doado cargar a responsabilidade no “tempo libre” (sempre me horrorizou esta expresión, como se o tempo de traballo fose un tempo cativo), no “prescindible”, que, como xa dixen aquí nalgunha outra ocasión, sempre é a cultura, o lecer, os movementos derivados da liberdade e a capacidade de responsabilidade das persoas.
Sei de primeira man que o coronavirus existe, que é terrible, que pode matar e mata. Pódenmo crer. Porén, tamén teño comprobado que, no referido ás liberdades e ás conquistas sociais, os pasos cara a adiante son traballosos e febles e os retrocesos, rápidos e dificilmente reversibles
Non se me trabuquen, a que fala non é vítima dunha conspiranoia aguda. Só se trata de alguén que coida que ata nas situacións máis complexas, ou precisamente nelas, é de todo punto pertinente preservar o pensamento crítico para poder ofrecer achegas construtivas. Sei de primeira man que o coronavirus existe, que é terrible, que pode matar e mata. Pódenmo crer. Porén, tamén teño comprobado que, no referido ás liberdades e ás conquistas sociais, os pasos cara a adiante son traballosos e febles, mentres que os retrocesos son rápidos e dificilmente reversibles. Digo isto porque, segundo o discurso instalado en pouco máis de medio ano, semella que o único xeito de controlar a expansión da pandemia fose o control da cidadanía en termos de liberdade e produtividade. Resúltame moi preocupante, xa que as medidas provisionais, cando de restrinxir se trata, tornan estruturais cunha facilidade que abraia.
O Estado de Alarma dota de lexitimidade xurídica o Toque de Queda. Os espazos de lecer poden ser fechados e restrinxidos ata a mínima expresión, xa que se presume un mal uso dos mesmos. Porén, as aulas e os centros de traballo, os desprazamentos colectivos en metros e autobuses, as compras en grandes superficies, quedan abertos para maior gloria da produtividade capitalista. Só se pode mover (e está na obriga de facelo), quen vaia producir ou consumir para o sistema. A liberdade de reunión restrínxese a pequenos grupos humanos para garantir a trazabilidade dos contaxios por parte de equipos de profesionais insuficientes e pouco preparados.
Tejero debe estar a gusto, aos seus 88 anos, no seu salón, que imaxino de mesa camilla, braseiro eléctrico e televisor de tubos, non me pregunten por que. Agora, si, acatamos aquilo de “¡Quieto todo el mundo!” sen maiores resistencias.