A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha das institucións galegas que máis prestixio dá ao país. Situada en todos os parámetros entre as principais do Estado, contribúe desde hai séculos á prosperidade de todos nós. Isto grazas ante todo a que o capital humano nas distintas escalas e o nivel científico do seu persoal docente e investigador (PDI) son de primeirísimo nivel, medido e comparado este co propio de calquera universidade do mundo por prestixiosa que sexa.
Talvez por iso mesmo hai agora un grupo moi amplo do profesorado titular que obtivo a nada fácil condición de acreditados para concorrer ás oposicións a catedrático alí onde estas se convoquen. O número rolda o centenar e medio a día de hoxe.
O pasado venres 11 de marzo ese colectivo foi convocado polo equipo reitoral da USC encabezado polo reitor Juan Viaño coa aparente finalidade de explorar posíbeis vías para superarmos entre todos o bloqueo dunha situación que se complica mes a mes. De onde xurde esa complicación? Moi sinxelo: xurde do feito de a USC non facer o que está facendo a práctica totalidade das universidades públicas do Estado. En concreto, sacar cátedras e tratar de que esas prazas as cubran, tras a correspondente oposición, os mellores candidatos. A USC leva demasiados anos sen facelo. Desde 2010 nin unha.
Esa reunión, cuxa data e hora foran fixadas polo equipo reitoral, comezou mal. O reitor esgrimiu de entrada estatísticas algo rañosas, obscenas de vez para a intelixencia e o raciocinio de calquera adulto minimamente formado, máis aínda por iren dirixidas a quen ían. A isto sumouse o extravagante feito de que o encargado máximo de velar pola boa ordenación académica e pola correcta observación dos dereitos e deberes do PDI, o vicerreitor Lima, se presentase hora e media tarde á reunión aducindo, só tras ser interpelado, que viña de impartir unha clase. O colectivo de 150 acreditados non é máis importante que o alumnado do vicerreitor, claro que non. Non se trata diso: é apenas boa educación e sentido común, saber e querer estar á altura do cargo. Desaires desta dimensión deberan conducir ao cese inmediato, pero esta non é agora a batalla do colectivo de acreditados a cátedra.
A batalla é, de inicio, contribuírmos a dilucidar por que motivo a USC teima en non convocar cátedras cando nas universidades públicas do estado se ofertaron máis de 300 ao longo do ano 2015.
Regresemos ao venres 11 de marzo. Que mensaxe quixeron dar o reitor e o seu vicerreitor de PDI con tan provocativos e asoberbiados xestos? Probabelmente a do desprezo por unha causa que, queiran ou non, é xusta e coa que eles mesmos se comprometeran no programa co que gañaron —por décimas— as eleccións de 2014. Esa causa é a do dereito á promoción dun número nada desprezábel do profesorado da USC unha vez superadas perante a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA, Madrid) unha serie de requisitos nada doados de superar.
Que mensaxe queren dar outros membros do mesmo equipo reitoral coa súa política informativa, abstrusamente nesgada a prol da ocultación da verdade e da propia mobilización do colectivo de acreditados a cátedra? Con certeza a de contribuíren, algo cotrosamente e moi pro domo sua, a que nada se aclare e a que nada mude.
Algo fundamental que a sociedade ten que saber é que o problema non é o que se trata de comunicar a través dos medios e do discurso oficial do reitor Viaño e o seu equipo. O problema, sábeo o xerente da universidade, sábeo calquera persoa que indague no asunto con criterio non contaminado polas medias verdades, sabémolo xa case todos na USC, é dunha índole diferente á económica. Non son os cartos, non. Ou polo menos non son só os cartos. É outra cousa.
O reitor Viaño é persoa de conviccións firmes. Éo tamén de prexuízos rexos. Algúns destes últimos trasládense de modo francamente inconveniente para o bo goberno da institución universitaria ao terreo das conviccións. Quen seguimos á súa práctica de goberno percibímolo ben, notámolo nalgunhas decisións.
De fondo entón, abstraéndonos agora dos severos condicionantes derivados da política universitaria do goberno de Núñez Feijóo, que é o que acontece aquí? Direino con claridade e sen lle dar voltas. Malia o que o reitor Viaño teña en mente, o nivel medio dos méritos do colectivo actual de acreditalos a cátedra na USC resistiría ben calquera comparación empírica, en calquera nivel, co nivel medio dos méritos do actual corpo de catedráticos en exercicio na mesma institución. Mídase con sexenios de investigación, con proxectos en marcha, con publicacións, co que sexa…
Demóstresenos que non é así e moitos calaremos a boca para sempre en relación con este asunto. Bote contas tamén neste terreo, reitor. Descenda á realidade das cifras, libérese de tanta obcecación e, de paso, tamén de certas presións de signo estritamente corporativo.
O claro é que ese erro, ese non ser quen de valorar o potencial humano e científico que o reitor Viaño conduce e goberna, acabará traendo graves consecuencias para todos. Por suposto, para o colectivo afectado e para el mesmo, que verá fracasar a súa xestión en termos globais se non é quen de dar solución a este maiúsculo enredo. Pero sobre todo traerá nefastos efectos para a universidade, que asiste xa agora, e seguirá asistindo se non se remedia, á descapitalización dunha serie de parámetros que non será doado revitalizar pasado o curto prazo, unha vez xubilada por simples motivos biolóxicos unha parte considerábel do PDI con máis méritos desta universidade.
Faga as cousas ben, reitor Viaño. Aplique as conviccións e desamárrese do prexuízo. Rectifique, que está a tempo. Fágao xa, non adíe a decisión, non tense máis a corda. Antes de abril son varias as oportunidades que ten para facelo. Deixe así de someter a presión a un colectivo que até agora mantivo a calma, sabedor de que as circunstancias económicas e institucionais da USC distaban de ser as óptimas. Un colectivo fiel coa institución universitaria que, como sabe, ademais da razón acumula tamén bastante irritación e que está decididamente comprometido coa dignidade e a verdade.
É só un consello desde a humildade de quen asina, un membro dese colectivo defraudado coa súa política. Pois disto é do que se fala. Da súa política de PDI, de política universitaria. Do futuro da Universidade de Santiago de Compostela.