Do pasado discurso de investidura do señor Rueda voume quedar con un tema relevante aínda que recorrente: as promesas fiscais. Resulta moi significativo que as dereitas galegas, como as españolas, manteñan ao día de hoxe unha serie de dogmas como, por caso, os fiscais que xa moi poucos defenden incluso en organismos e institucións internacionais (FMI, BM, OCDE, ...) nos que domina o pensamento neoliberal. Estoume a referir a política tributaria sobre a que xa escriben nun artigo anterior neste mesmo medio
Nesa investidura, e tamén antes, o Presidente da Xunta de Galicia, señor Alfonso Rueda, volveu a situar a Galicia coma un referente na baixada de impostos. Unhas declaracións que ademais de seren enormemente demagóxicas, por usar un cualificativo suave, son mentiras.
Nesa investidura, e tamén antes, o Presidente da Xunta de Galicia, señor Alfonso Rueda, volveu a situar a Galicia coma un referente na baixada de impostos. Unhas declaracións que ademais de seren enormemente demagóxicas, por usar un cualificativo suave, son mentiras
Empecemos por situar o argumento da baixada de impostos no lugar que lle corresponde: o da demagoxia. Cando se presume dunha baixada de impostos se supón que é por que se pensa que os impostos son malos de por si. A pregunta entón é moi sinxela: por que son malos os impostos?, impiden a creación de emprego?, frean a produtividade e o crecemento?, que nos din as evidencias?. Para contrastar estas teses vexamos que ocorre, por caso, en Europa: de acordo aos últimos datos facilitados por EUROSTAT os estados con maior presión fiscal en relación ao PIB, claramente superior a media española, son por esta orde Francia, Dinamarca, Bélxica, Suecia e Austria. Si agora vemos o seu nivel de riqueza (PIB per cápita), de novo en base a datos da mesma fonte, os estados anteriormente citados están entre os que teñen un PIB per cápita mais alto, moi superior a media. En definitiva os altos impostos non frean o crecemento económico senón mais ben parecera o contrario. Que pasa co emprego?. Pois exactamente o mesmo por que os estados citados están entre os que teñen un nivel de desemprego mais baixo na Unión Europea. En definitiva que non hai argumentos macroeconómicos que demostren que os impostos son malos per se mentres as evidencias empíricas demostran o contrario: a maior presión fiscal, maior riqueza e menor desemprego. Mais aínda, resulta que os estados con maior presión fiscal están tamén entre os de menor desigualdade o que nos leva a pensar que os impostos ademais de non frear o crecemento económico nin impedir a creación de emprego poden contribuír a unha distribución da riqueza mais equitativa.
Adoita utilizarse como argumento para xustificar a baixada de impostos a mentira de que a maior presión fiscal maior nivel de fraude. Pois ben as evidencias empíricas tamén desmenten este argumento: os estados europeos con maior nivel de fraude fiscal que, segundo informes do Parlamento Europeo, son Bulgaria, Romanía, República Checa, Croacia e Letonia teñen unha presión fiscal moi por baixo da media na Unión Europea.
O que si nos confirman as evidencias empíricas e que aqueles estados que teñen maior presión fiscal son tamén os que teñen un estado de benestar mais desenrolado, mais potente. E o contrario, algo do que temos plena constancia en Galicia onde o deterioro de servizos públicos básicos (sanidade, ensino, atención a maiores, desemprego, infancia e familia, discapacidade....) está sendo brutal. Por que os impostos son imprescindibles para financialos servizos públicos que o mercado non lle garanta a toda a poboación. O señor Rueda debería preguntarlle a poboación galega que prefire uns bos servizos públicos que lle garantan a atención a toda a poboación ou que sexa o mercado e, xa que logo, o poder adquisitivo de cada quen o que provea eses servizos.
Baixar os impostos é un opción ideolóxica, apoiada en argumentos demagóxicos e mentiráns, orientada a reducila participación do público e facilitalas ganancias do capital privado
Hai tamén outro dato que os defensores da baixada de impostos ocultan: a súa relación inversa coas débedas públicas. En Europa tivemos unha evidencia desta relación cando se implantou a austeridade na eurozona que se viu acompañada dunha rebaixa dos impostos, especialmente ás rendas altas. Que pasou?: as débedas públicas disparáronse. En España tivemos o caso paradigmático dos gobernos de Mariano Rajoy (2011-2018) cando a débeda pública pasou do 69,90% do PIB ao 100,40% en non pouca parte grazas as “rebaixas” no IRPF que, segundo a Axencia Tributaria, beneficiaron especialmente ás rendas mais altas (pagaron un 14% menos). Sin saírnos de Galicia cando Núñez Feijoo ascendeu a Presidencia da Xunta a débeda pública galega equivalía ao 6,8% do PIB e agora está no 16,01%: mais do dobre durante os mandatos dos avalíes (Feijoo e Rueda) das rebaixas tributarias e dos recortes nos servizos públicos.
Os impostos tamén poden desempeñar outras funcións positivas como, por caso, incentivar ou desincentivar determinadas actividades produtivas: no primeiro caso estarían as actividades creadoras de moito emprego no segundo as contaminantes. Non menos relevante pode seren o seu papel estabilizador: cando a actividade se deprime (como está pasando agora en Galicia) resulta necesario turrar do gasto público e cando a demanda supera a oferta debe frearse para así impedir que se dispare a inflación.
Todo o relatado serve para demostrar que baixar os impostos é un opción ideolóxica, apoiada en argumentos demagóxicos e mentiráns, orientada a reducila participación do público e facilitalas ganancias do capital privado. As evidencias empíricas citadas nos levan a afirmar que situar a Galicia como un referente pola súa baixada de impostos e apostar por un menor crecemento económico, unha menor riqueza e creación de emprego e unha maior desigualdade.