Sáhara Occidental

Sáhara, Coromina © Moncho Iglesias Míguez

Nun inmenso curruncho do vasto deserto do Sáhara, a monotonía de area doutros lares é aquí unha calma melódica. Na beira oeste da África areenta, no límite entre a terra dos brancos e a dos negros, está Turab il-Bidán, un territorio rico en fosfatos e peixes. Mais a riqueza das súas terras, das súas augas e mesmos dos seus gases está rodeada dun muro de case 2700 km. que aprisiona eses 270.000 km. (unhas dez veces Galicia) de terra ocupada.

Turab il-Bidán, terra dos brancos, é unha zona delimitada por imposicións métricas e convenios políticos. Antes deses trazados de mapas, a única fronteira era o cansazo da viaxe de xentes nómades que se asentaban no territorio que máis conviña en cada momento. Daquela, a súa xente, os saharauís, eran libres para innovar rutas e descansar onde quixesen, mais o descubrimento mineiro da África aínda sen explotar provocou un cambio enorme nas vidas dos seus habitantes. E así, xurdiron nomes novos e mais divisións que buscaban xuntar e unións que só separaron.

Sáhara Occidental © Moncho Iglesias Míguez

Nese recanto de África repleto de area, fosfatos e pesca está o Sáhara Occidental. Segundo a ONU é un territorio non autónomo, limítrofe con Marrocos, Alxeria, Mauritania e España. Sen papeis que plasmen nin identidade nin xentilicio ningún, é o fogar de milleiros de persoas. Mais ese lar é inaccesible para moitas delas. Coa retirada de España, en 1976, Marrocos e Mauritania repartiron o territorio, que Mauritania abandonou en 1979. Dende aquela, o Polisario representa o pobo saharauí, que pide un referendo de autoderminación, un dereito sempre negado.

Zoco no Sáhara Occidental © Moncho Iglesias Míguez

O pasado colonial español está presente na lingua dalgunhas das súas xentes e tamén nalgúns dos edificios que aínda se conservan dese período. A igrexa de San Francisco de Asís, os bloques de vivendas Corominas e o colexio La Paz son pegadas desa España. Amais da historia que desprende a arquitectura, as formas que debuxa a area son unha paisaxe constante que se mestura no zoco e nas rúas que crecen á vez que se afastan do pasado e da memoria do pobo. Os edificios crecen en vertical e ofuscan así a horizontalidade do extenso nomadismo. O mesmo sucede coas praias, ás veces bañadas de surfistas, a maior parte das veces zarrapicadas de barcos pesqueiros e nalgunhas ocasións visitadas para observar o horizonte ou a desembocadura das tubaxes que transportan fosfato.

O fértil deserto do Sáhara Occidental alimenta cos seus fosfatos os fertilizantes usados para cultivos en todo o mundo. O mar do Sáhara Occidental baña cardumes que nutren peixarías de alén das súas augas. Con todo, o territorio do Sáhara Occidental segue sumido na impotencia da falta de liberdades, ancorado nun presente tatuado de colonialismo.

Igrexa no Sáhara © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.