Parece que estamos condenados –irremisiblemente- a vivir reformas (ou contrarreformas) educativas cada vez que se produce un cambio de goberno. Nisto somos únicos. Con acordo ou sen el, poñemos todo patas arriba: contidos, organización, obxectivos, materias, denominacións, estrutura... Cada dous anos e medio! Unha cifra de marca. Resulta difícil atopar algo similar no mundo. Parece delirante. Unha maquinación para tolear ó alumnado, pais e nais, profesorado, en definitiva, a toda a comunidade educativa.
José Ignacio Wert, o novo ministro de Educación, non quere pasar por menos. Aínda que non presenta unha lei nova de reforma educativa, na practica, estamos diante de cambios substanciais que afectarán de maneira profunda a todo o sistema.
Non quero agora analizar as reformas anunciadas polo ministro na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados. Tempo haberá. Limitareime a facer algunhas reflexións sobre a decisión de substituír a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos por unha Educación Cívica e Constitucional. Si fose só o nome, pouco problema habería...
Sabíamos das intencións do PP. Foi un cabalo de batalla, antes, durante e despois de aprobarse a súa implantación en 2006. Nas anteriores eleccións e nas últimas, Mariano Rajoy anunciou reiteradamente que a suprimiría. Iso era o que demandaban os sectores máis integristas, a súa desaparición pura e dura. Sen alternativa. Paulatinamente empezaron a escoitarse voces, bastante tímidas, de substituíla por unha materia menos “problemática”, máis “neutral”, menos “controvertida”.
Pola súa procedencia, a socioloxía, polos seus estudios de opinión e os comentarios manifestados en diversos medios e tertulias, Wert non parecía un integrista, nen tampouco un mentiroso. E tirou pola vía da substitución. Si escoitamos ós que aplauden coas orellas veremos cales son os intereses que se acochan detrás da decisión. Algúns, os máis extremos, a xerarquía eclesiástica, as asociacións católicas, os sindicatos dereitistas, estaban pola supresión, sen máis miramento. Eran partidarios de dedicar eses tempos de relativismo moral e “doutrina socialista” ás matemáticas ou ás linguas, que falta fan...
Nin uns nin outros pensan, por exemplo, no horario da relixión adoutrinadora cando suspiran por un mellor aproveitamento lectivo...
A idea dunha materia como a anunciada, Educación Cívica e Constitucional, neutra, aséptica, despoxada de controversias, non é nova. Trátase, en definitiva, de retirar o que os centros concertados relixiosos xa adaptaran ó seu ideario, é dicir, os modelos familiares, a pluralidade social, diversidade, dereitos das mulleres, igualdade, minorías, dereitos humanos, maneiras de vivir, e todo aquilo relacionado coas relacións interpersoais, sexualidade, anticonceptivos e demais asuntos da entreperna, que tanto preocupan a algúns. Pero non era necesario mentir ou sacar un libro, que non é de texto, para xustificarse. Soa a manipulación interesada.
Á espera de coñecer con exactitude os temas concretos, polo avanzado, os novos contidos serían asuntos xa abordados nas materias de sociedade, sobre todo, historia europea e valores constitucionais. Como anunciou o propio ministro, lonxe de calquera tentación de adoutrinamento ideolóxico.
A Conferencia Episcopal, a principal opositora á Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, xunto cos sectores máis ultracentristas, apresuráronse a aplaudir a decisión. Os mesmos que adoutrinan a diario, dentro e fora da escola, concertada ou non, os que añoran a imposición dos seus propios valores morais privados a todos, nacionalcatolicismo, os que promoveron unha auténtica cruzada mediática e mobilizadora contra Cidadanía, os obxectores, aqueles que predicaron mesmo a desobediencia civil, están hoxe de parabéns. As súas teses e o seu apoio vese agora ben recompensado. Todos os pés das sotanas de Rouco...
Tal e como teño comentado e escrito[1], nesta cuestión, como noutras, somos unha auténtica anomalía histórica. A intolerancia está tan alentada desde institucións relixiosas e políticas que mesmo ignoramos as recomendacións internacionais que asinamos, do Consello de Europa, da UE, da UNESCO, da ONU, en relación coa cidadanía democrática e os dereitos humanos desde hai xa moitos anos.
Federico Mayor Zaragoza afirma que “a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz”. Si excluímos os asuntos “controvertidos”, “problemáticos” da escola, estaremos anulando a capacidade crítica do alumnado. Ou acaso a democracia, a paz, a dignidade, a desigualdade, a inxustiza, a non discriminación, a liberdade... non son temas controvertidos?. E si nos referimos ás actitudes, ós valores, ou ás normas?
Se por adoutrinamento entendemos o conxunto de medidas e de prácticas educativas, e de propaganda, usadas polas elites sociais dominantes como medio de control social, as reformas, mellor dito, as contrarreformas, anunciadas por José Ignacio Wert, e particularmente, a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos para substituíla por unha Educación Cívica e Constitucional “neutra” ten, tamén, unha clara intencionalidade ideolóxica xa que, baixo unha aparencia de neutralidade educativa, acóchase sempre un código ético, explícito ou non. Do que se trata é de saber si ese código que sustenta ese modelo educativo é o mínimo común denominador para convivir en democracia, as virtudes cívicas, ou se trata, polo contrario, dun código moral privado de crenzas, costumes e tradicións a impoñer ó conxunto da sociedade. Tempos escuros.