O ataque das forzas estadounidenses en Venezuela, que resultou na captura de Nicolás Maduro e a a súa dona, Cilia Flores, constitúe unha flagrante violación do Dereito Internacional e un nidio “crime de agresión”, coas resultas do secuestro dun Xefe de Estado e da súa cónxuxe e a morte dunhas 40 persoas
O ataque das forzas estadounidenses en Venezuela o sábado 3-X , que resultou na captura de Nicolás Maduro e a a súa dona, Cilia Flores, constitúe unha flagrante violación do Dereito Internacional e un nidio “crime de agresión”, coas resultas do secuestro dun Xefe de Estado e da súa cónxuxe e a morte dunhas 40 persoas, militares e civís venezolanas, nunha acción militar non autorizada polo Congreso dos EUA e, xa que logo, inconstitucional tamén en termos do Dereito interno norteamericano.
Este crime internacional vulnera os principios de
i) Soberanía e integridade territorial, pois que a Carta das Nacións Unidas, no seu artigo 2.4 prohibe o uso da forza contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado.
ii) Inmunidade de Xurisdición, xa que, segundo o Dereito consuetudinario internacional, a xurisprudencia de case todos os Estados da Comunidade Internacional e case a totalidade da doutrina científica. os Xefes de Estado en funcións( e mesmo despois de cesar por actos desenvolvidos in office) desfrutan de inmunidade absoluta fronte á xurisdición penal doutros Estados. Velaí a xurisprudencia do Tribunal Supremo do Reino Unido a respecto das acusacións penal contra Pinochet e civil contra Juan Carlos de Borbón mesmo despois do cesamento en cadansúas funcións de Xefe de Estado.
Esta acción criminal require dunha axeitada resposta por parte das potencias que poden dala
A falla de recoñecemento por parte dos EUA (que deu gañador ao candidato Edmundo González Urrutia), a Unión Europea (UE), o Estado español, Brasil, Colombia, Chile ou México (que non recoñeceron gañador a ninguén) dos resultados electorais das eleccións presidenciais de xullo de 2024 non prexudica esta conclusión xurídica. Nicolás Maduro era o 3-X Xefe de Estado recoñecido pola ONU, que dirixía as misións internacionais e controlaba de xeito efectivo a totalidade do territorio. Xa que logo, malia poder ser discutíbel a súa lexitimidade era evidente a súa inmunidade.
iii) Ausencia dun mandato da ONU nin de declaración de guerra polo Congreso EUA, pois que para que unha intervención militar sexa legal baixo o dereito internacional, debe ser en lexítima defensa (logo dun ataque previo) ou estar autorizada polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Ningunha destas condicións se cumpriu neste caso. Tampouco se cumpriu a autorización do Congreso para desenvolver unha acción militar contra outro Estado soberano, a chamada “war powers resolution”
iv) Violación do Dereito Internacional de Extradición. O prendemento legal de Maduro e Flores constitúe un secuestro de Estado. Neste senso, o pretexto do xeneral Dan Caine, xefe do Comando Conxunto das Forzas Armadas EUA-deitada no decurso da rolda de prensa deste 3-X- de que a acción militar constituía a execución dun mandato do Departamento federal de Xustiza para que as persoas prendidas compareceran perante un Tribunal federal de New York coa fin de atender acusacións de tráfico de drogas non atura a máis lixeira análise. Abondou constatar como, antes e despois da súa intervención, o seu comandante en xefe, Donald Trump referiuse á verdadeira razón deste crime de Estado: controlar e explotar, no propio beneficio, as reservas inxentes de petróleo venezolano.
Quen agride como inimigo ha de se considerar inimigo
Sen entrar en consideracións éticas nin de prognose política que sobordan os marcos deste artigo, esta acción criminal require dunha axeitada resposta por parte das potencias que poden dala. Nomeadamente da Unión Europea, que condenou implícitamente a agresión tanto a medio da súa actual e pasado responsábel de Exteriores como da presidenta da Comisión Europea e do presidente do Consello Europeo.
Porén, a agresión é tan letal e definitiva para a legalidade internacional que, ha ser axeitada e expresamente respostada pola Unión Europea e os seus socios europeos e americanos que partillan valores xurídicos comúns (é dicir Australia, UK, Canadá, Nova Celandia, Noruega, Brasil, México, Colombia e Uruguai, entre outros) a medio de toda caste de medidas, económicas e políticas. E dende logo as primeiras haberían ser para frear con todas as ferramentas do Estado de Dereito a inxerencia da Administración Trump a prol das dereitas extremas e as extremas dereitas nas vindeiras eleccións autonómicas e estatais a decorrer na Europa.
Porque quen agride como inimigo ha de se considerar inimigo.