O comezo do ano 1882 tróuxolle unha excepcional nova a Vítor López Seoane: nos primeiros días dese ano recibiu unha carta de Charles Darwin, redactada o 27 de decembro
O comezo do ano 1882 tróuxolle unha excepcional nova a Vítor López Seoane: nos primeiros días dese ano recibiu unha carta de Charles Darwin, redactada o 27 de decembro. Na residencia do naturalista estaban afeitos a acoller abundante correspondencia, procedente de numerosos científicos de todo o mundo, sobre todo especialistas en Zooloxía cos que Seoane intercambiaba animais, publicacións e informacións. Algúns deses científicos eran moi salientables, porén Darwin estaba noutra dimensión. A súa figura destacaba entre a comunidade científica pola revolucionaria proposta sobre a evolución das especies e o mecanismo (Selección Natural) que a explicaba. Ademais, o naturalista inglés acadara un grande impacto social, pois a súa teoría –en especial a orixe evolutiva do ser humano– tivera unha enorme e polémica repercusión en moi diferentes ámbitos.
A satisfacción de Seoane ao recibir ese escrito sería maior se coñecera dúas circunstancias que dotaban a este dunha especial singularidade e valor. En primeiro lugar, a carta é a única dirixida polo naturalista inglés a un colega do Estado español e con contido técnico, tratando de cuestións científicas. As outras dúas coñecidas foran enviadas por Darwin a Enrique Godínez, tradutor da primeira edición completa da Orixe das Especies ao castelán (publicada en 1877), e relacionadas con esa cuestión. A segunda circunstancia extraordinaria ten que ver con que o inglés estaba no período final da súa vida, morrería o 19 abril dese ano, polo que posibilidade de recibir unha carta del estaba a ser ben reducida; de feito o seu estado de saúde xa o limitaba moito e, como veremos, precisou de axuda para a confección do escrito.
Hoxe a carta remitida por Charles Darwin conservase entre os fondos do naturalista Seoane no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. É un dos elementos patrimoniais máis valiosos, ou o máis valioso, da institución e, pola súa singularidade, forma parte destacada da historia da propia cidade herculina e do paso da ciencia por Galicia.
A man, non sempre inocente, de Francis Darwin
Darwin tivo constantes problemas de saúde desde que volvera en 1836 da viaxe no barco Beagle arredor do mundo, o que o condicionaba moito para poder levar a cabo o seu labor científico. Esa situación empeorou nos derradeiros anos da súa vida, reducindo a actividade, de feito, deixara de traballar no despacho da casa e facíao, cando podía, nun cuarto especialmente preparado.
Cando morreu Charles, o seu fillo Francis editaría a súa Autobiografía en base ao manuscrito que este elaborara. Coa nai, Emma Wedgwood, eliminaron –censuraron–significativos fragmentos do texto orixinal, sobre todo os relacionados co agnosticismo do naturalista
Un dos fillos, Francis, tamén era científico, especializado Botánica. En 1876 morrera a súa primeira esposa, Amy Ruck, e adoitaba aloxarse na residencia familiar, Down/e House (a uns vinte quilómetros de Londres), onde se consolaba pola perda sufrida e axudaba ao seu pai. Así, por exemplo, traballou con el no invernadoiro da casa en experimentos relacionados cos movementos das plantas, tema sobre o que publicarían un libro o 6 de novembro de 1880: The Power of Movement in Plants. Francis pasaba, no momento en que se redactou a carta dirixida a Seoane, o derradeiro Nadal en compañía do pai e foi –segundo Stephen V. Pocock (do Darwin Archive da Universidade de Cambridge)– quen escribiu o texto, ao ditado de Charles.
Cando morreu Charles, Francis editaría a súa Autobiografía en base ao manuscrito que este elaborara. Coa nai, Emma Wedgwood, eliminaron –censuraron–significativos fragmentos do texto orixinal, sobre todo os relacionados co agnosticismo do naturalista. Non foi a única vez que iso acontecera na familia Darwin, así, por exemplo, en vida de Charles a filla Henrietta fixera o mesmo cun texto do pai –que aceptou as eliminacións– sobre o seu avó Erasmus Darwin (1877). Non me sorprenden eses excesos de control por parte das familias de figuras destacadas; a súa intervención na obra e legado dun parente, condicionándoos, é un tema que se repite con frecuencia. En xeral pretenden ofrecer unha imaxe haxiográfica, exemplar, polo tanto deformada, do familiar e confunden a propiedade material dun legado co seu control intelectual. Hai exemplos dabondo, un dos máis extremos –canto a manipulación– foi o da irmá de Friedrich Nietzsche, Elisabeth Förster Nietzsche.
A carta era a resposta a unha previa de Seoane
A carta de Darwin respondía a unha anterior que lle enviara o naturalista galego, redactada na Coruña o 19 de decembro de 1881. Polo que a contestación do científico inglés foi inmediata, a volta de correo, e –como veremos– non se limitou a un breve texto de cortesía. O manuscrito orixinal de Seoane, conservado no Archive Darwin da Biblioteca da Universidade de Cambrigde, está escrito en francés, o idioma estranxeiro que dominaba o ferrolán. Presenta algunhas anotacións do propio científico inglés, relacionadas coas respostas que despois ofreceu.
A carta de Darwin respondía a unha anterior que lle enviara o naturalista galego, redactada na Coruña o 19 de decembro de 1881. O galego identificouse coas teses darwinistas: “J'acepte votres savants theories” e, sobre todo, pedía axuda a Darwin sobre cuestións que tiñan que ver co seu labor científico, coas tarefas que afrontaba acotío
Na carta remitida por Seoane salientaban unha afirmación e un par de consultas. O galego identificouse coas teses darwinistas: “J'acepte votres savants theories” e, sobre todo, pedía axuda a Darwin sobre cuestións que tiñan que ver co seu labor científico, coas tarefas que afrontaba acotío: o estudo de animais para describir novas especies. Mais para entender como se atopaba naquel momento ese traballo do noso naturalista precisamos facer un pouco de historia.
Seoane abandonara a actividade científica nos anos sesenta do século XIX e pasara a traballar como médico interino no Hospital de Mariña da súa cidade natal, Ferrol. Esa situación mudou radicalmente a raíz de casar, en outubro de 1869, con Francisca Riobóo Álvarez, rica propietaria. Poucos anos despois volveu á actividade naturalista con novos folgos e, sobre todo, con importantes recursos. Residindo na Coruña, decidiu compatibilizar a administración das propiedades co traballo científico.
Na nova xeira o científico ferrolán centrou os seus esforzos no estudo dos vertebrados, sobre todo os anfibios, réptiles e aves. Entre eles seleccionaba os grupos onde consideraba máis factible describir novos taxons (especies ou variedades). Aplicou o estilo de traballo taxonómico no que se formara, que partía dunha consideración “fixista” das especies, consideradas entidades naturais inmutables de orixe independente. As novas especies eran descritas polos taxónomos a partir de poucos exemplares, que –coidaban– representaban a “esencia” de cada especie; as diferencias entre os individuos eran infravaloradas, asimilándoas ao “tipo”, polo que as especies figuraban como entidades ben diferenciadas.
Seoane non tiña un especial interese polas cuestións teóricas da Bioloxía pero si por avanzar no seu labor taxonómico, crear novas formas. Pouco a pouco, por convicción ou por necesidade, foise adaptando ás novidades. Nese camiño, o darwinismo era unha realidade e unha oportunidade
O naturalista galego, na súa reincorporación, seguiu a aplicar ese modelo pero axiña comprobou que a ollada dos naturalistas cambiara. Diferentes animais que el coñecía eran identificados como novas formas por colegas postos ao día, o que lle xerou confusión e irritación, pois entendía que el podería obter ese recoñecemento. O estudo dos grupos de animais para establecer novas especies incorporara, por exemplo, o coñecemento das diversas fases desenvolvemento embriolóxico ou a consideración da distribución xeográfica e, ademais, o darwinismo estaba a favorecer a atención dos especialistas ás “formas intermedias” entre as especies, cunha atención crecente á comparación de formas próximas. A variabilidade, esas diferencias entre os exemplares, acadara un gran protagonismo.
Seoane non tiña un especial interese polas cuestións teóricas da Bioloxía pero si por avanzar no seu labor taxonómico, crear novas formas. Pouco a pouco, por convicción ou por necesidade, foise adaptando ás novidades. Nese camiño, o darwinismo era unha realidade e unha oportunidade.
As respostas de Darwin
A primeira das consultas que o naturalista galego realizou ao inglés foi sobre o desenvolvemento embriolóxico, o período que vai desde a fecundación ata a formación do feto
A primeira das consultas que o naturalista galego realizou ao inglés foi sobre o desenvolvemento embriolóxico, o período que vai desde a fecundación ata a formación do feto. Explicoulle a Darwin que estaba estudando a embrioloxía duns anfibios, os tritóns. Unhas experiencias que –efectivamente– levou a cabo no verán de 1881 para a axudar a establecer diferencias taxonómicas, distinguir as especies presentes en Galicia (ver fotografía dos apuntes). O elevado polimorfismo deses animais (cambios que lles acontecen segundo a idade, época do ano e sexo), fai bastante complexa a súa diferenciación, polo que especialistas partidarios das innovacións dirixiron –para distinguilos– a súa atención á Embrioloxía, porén as dificultades técnicas eran grandes. Nesa cuestión Seoane pediulle a Darwin que lle indicara bibliografía actualizada sobre o tema: “de vous prier ces indications des travailles les plus recents et interessantes sur ce suget”. O naturalista inglés respondería a esta demanda indicando que non tiña moita información sobre a embrioloxía dos vertebrados e recomendándolle unha obra de Francis Maitland Balfour, recentemente publicada en dous volumes, 1880-1881 (A Treatise on Comparative Embryology). Un texto moi importante no terreo da Embrioloxía pero que resultaba de escasa axuda para o tema tan específico que demandaba o naturalista galego.
Darwin díxolle estaba de acordo con evitar abusar da creación de taxons. Porén a descrición, como unha variedade, de calquera diferencia constante entre dúas formas, por pequena que fose, parecíalle moi aconsellable
A segunda cuestión consultada garda unha estreita relación coa anterior. Seoane expuxo o problema central para os naturalistas, que –como vimos– estaba nun momento de cambio: “la maniere de faire les espèces”, onde está o límite para establecer novas especies. Ao fácelo, explicou, a modo de ilustración, o xeito en que entendía o proceso evolutivo no caso das víboras, tema de grande actualidade nese momento en Europa e que o naturalista galego coñecía ben. “Vipera ammodytes, par exemple, n'est pas que V.Latastei, avec un peu plus de developpement du tubercule nasale. Vipera berus, n'est plus que V.Seoanei, d'une autres coleurs, sous l'influence du climat, de l'alimentation, a la maniere que las races humaines varien extrordinariament por les chanchements de climat, habitudes, alimentation, etc.”. A breve interpretación que Seoane realizou nese texto do mecanismo evolutivo non permite analizar ata que punto o comprendía, se ben a exposición resulta bastante elemental. Algo común, por outra banda, entre moitos naturalistas do seu tempo.
Darwin díxolle estaba de acordo con evitar abusar da creación de taxons. Porén a descrición, como unha variedade, de calquera diferencia constante entre dúas formas, por pequena que fose, parecíalle moi aconsellable (“hightly advisable”). Mais non lle podía trasladar unha regra canto a dar un nome novo a unha forma, agás que as diferencias fosen dunha natureza importante (“As far as I can judge there is no rule about giving a new name to a form, excepting that of its differences being of an important nature”). E engadiu: “cando dúas formas están conectadas por variedades intermedias, semella que o mellor é dar a toda a serie un único nome, por diferentes que sexan os extremos” (“When ever two forms are connected by intermediate varieties, it seems best to give to the whole series a single name, however different the extremes may be”).
A resistencia ao darwinismo
O darwinismo asociábase á idea de progreso, de cambio: a natureza e a sociedade mudan; en segundo lugar, era interpretado como unha obxección ao texto bíblico, considerado –naqueles tempos– valido na súa expresión literal, polo que cuestionaba o relato relixioso. Seoane procedía do liberalismo, non estaba atrapado neses prexuízos, se ben, como integrante do sistema non pretendía incomodar á súa contorna social con ideas heterodoxas
Científicos e todo tipo de intelectuais se sentiron animados a pronunciarse sobre o darwinismo na parte final do século XIX, situándose a prol ou en contra segundo –en xeral– as súas preferencias ideolóxicas persoais. As propostas do científico inglés atoparon unha feroz resistencia entre os sectores conservadores e reaccionarios. Alén doutras razóns, eran rexeitadas desde esas posicións porque incorporaban dúas impugnacións radicais ao seu edificio ideolóxico. A primeira, o darwinismo asociábase á idea de progreso, de cambio: a natureza e a sociedade mudan; en segundo lugar, era interpretado como unha obxección ao texto bíblico, considerado –naqueles tempos– valido na súa expresión literal, polo que cuestionaba o relato relixioso. Seoane procedía do liberalismo, non estaba atrapado neses prexuízos, se ben, como integrante do sistema non pretendía incomodar á súa contorna social con ideas heterodoxas e probablemente iso condicionou a forma en que se expresou sobre o tema nalgunha ocasión.
A carta remitida por Seoane a Darwin e a resposta deste constitúen o único contacto que ambos científicos estableceron. Malia esa escasa relación, o noso naturalista promoveu a imaxe dunha suposta estreita conexión co científico inglés. Fíxoo na correspondencia particular con amigos e colegas e nalgunha publicación. Así, pasou coa escritora Emilia Pardo Bazán, quen o 12 de abril de 1881 escribiu unha carta a Seoane comentándolle o proxecto dunha edición ampliada dos artigos que publicara sobre o tema (“Reflexiones científicas contra el darwinismo”) e indicando: “Cuando se haga esta edición, me valdré de su mediación de usted para que haga llegar a manos del célebre Darwin un ejemplar“. Nunca lle faltou autoestima a Pardo Bazán, pensar en enviar a Darwin o que era un resumo de textos antidarwinistas franceses resultaba bastante atrevido. Outro exemplo foi o borrador que o naturalista ferrolán redactou dun artigo sobre dúas novas variedades de ras, que apareceu en The Zoologist (1885), no que escribiu “an célebre Prof. Darwin, je suis egalement deviteur de préciencies indications sur le concept de l´espece”, texto que – probablemente por razóns de economía de espazo e de estilo da revista– non apareceu publicado.
Seoane esaxeraba sobre o tipo da relación que sostivera con Darwin. Mais, alén dese comportamento narcisista tan típico del, o certo é que tiña un mérito especial que o noso naturalista se identificara, malia as súas limitacións e contradicións, coa revolucionaria teoría do científico inglés. Unha compañía tan mal vista no contexto galego e español naqueles tempos
Seoane esaxeraba sobre o tipo da relación que sostivera con Darwin. Mais, alén dese comportamento narcisista tan típico del, o certo é que tiña un mérito especial que o noso naturalista se identificara, malia as súas limitacións e contradicións, coa revolucionaria teoría do científico inglés. Unha compañía tan mal vista no contexto galego e español naqueles tempos. Lembremos, por poñer un exemplo, a postura dominante na única universidade galega dese período, a de Santiago: antidarwinista ata o remate do século XIX. Mesmo persoas dun perfil republicano como o rexionalista Andrés Martínez Salazar, criticaría ao darwinismo no xornal coruñés, Diario de Galicia (17 de novembro de 1893). Eloxiando un libro antidarwinista –intelectualmente deplorable– de Antolín López Peláez (El darwinismo y la ciencia) explicou: “A las conocidas teorías e hipótesis del célebre naturalista inglés y de sus precursores y secuaces acerca del origen del hombre, opone nuestro autor argumentos más lógicos e hipótesis más realistas”. No libro, Peláez facíase eco da estrafalaria idea de que os restos do que hoxe chamamos o ser humano de Neanderthal eran os dun cosaco do exército ruso morto en 1814 nas guerras napoleónicas. Quizás a amizade de Salazar con López Peláez, asistente ás reunións da cova céltica, condicionou a súa opinión.
A derradeira fotografía de Charles Darwin
De Down House chegaría un segundo envio á residencia coruñesa de Seoane, remitido por Francis Darwin á morte do seu pai. Era unha fotografía de Charles, que na parte posterior, levaba un saúdo e sinatura de Francis
De Down House chegaría un segundo envio á residencia coruñesa de Seoane, remitido por Francis Darwin á morte do seu pai. Era unha fotografía de Charles, que na parte posterior, levaba un saúdo e sinatura de Francis. Nela figuran os autores: “Elliott & Fry photographers”, Joseph John Elliott e Clarence Edmund Fry, quen tiñan un estudo en Baker Street (Londres), a mesma rúa onde o escritor Arthur Conan Doyle situou a residencia de Sherlock Holmes.
Pescudando algo, comprobamos que a fotografía foi realizada o 29 de novembro de 1881, o que explicaría a vestimenta de inverno de Darwin. Tendo en conta esa data, a imaxe situaría con bastante fidelidade o aspecto de Charles cando recibiu e respondeu a carta de Seoane. Coidamos que o dun anciá que mira á morte. Canto o lugar, observo que é o soportal de Down House, que podemos comparar co seu estado no mes de outubro de 2022 nunha ilustración que acompaña este artigo. Polo tanto, o/s fotógrafo/s se trasladou/ron especificamente á vivenda dos Darwin, o que resulta lóxico se atendemos ao estado de saúde de Charles neses momentos. Hai outros retratos de Darwin –en diferentes posturas–realizados ese mesmo día e polo mesmo fotógrafo, no soportal ou xa no interior da vivenda, nese caso con Charles sen abrigo.
Coido que non existen retratos posteriores de Charles Darwin con vida, o que é comprensible se temos en conta o seu estado de saúde e a inmediatez da morte. Quizás, consciente desa situación, ¿encargaría Francis a realización das fotografías como derradeira imaxe do seu pai, mesmo pensando no posterior reparto da mesma entre os seus corresponsais?
Un deles sería o noso Seoane, quen seguiu traballando, publicando e explicando ás súas amizades a estreita relación que mantivera co científico inglés. Así, díxolle a Ernesto Caballero o 1 de xaneiro de 1893: “Los grandes hombres, con los cuales estoy muy acostumbrado a tratar, se conocen por la grandeza de sus actos. Darwin, De Candolle, Saussure, Leydig, (...), y otros muchos, con los cuales hace muchos años mantengo activa correspondencia”. O inglés, soterrado na abadía de Westminter, non o podía desmentir pero seguro que estaba satisfeito de ver que o naturalista galego actuaba como valedor das súas ideas nunha contorna tan pouco favorable.