Hai poucos días, unha nova de prensa titulaba 'Uno de cada cinco gallegos será extranjero'. Coido que, aínda entendendo o que pretende informar, é un titular nefasto, por varias razóns
Hai poucos días, unha nova de prensa titulaba 'Uno de cada cinco gallegos será extranjero'. Coido que, aínda entendendo o que pretende informar, é un titular nefasto, por varias razóns. A primeira, pola mera contradición na construción da frase: se es estranxeiro (é dicir, doutro país), non podes ser galego, e viceversa. Pero poñamos que se colle o de galego nun sentido amplo, e que iso fai que a construción non sexa contraditoria. Sería pasable. Coido máis perigoso o establecer no titular unha distinción entre galegos e galegos. Se os 'estranxeiros galegos' son galegos, deberían tomarse como tales, sen diferencias. O contrario leva consigo problemas.
Si, tamén leva problemas o facer que os estranxeiros galegos sexan galegos a secas, pero son problemas antes de, problemas para lograr a equiparación, problemas para establecer criterios, bases para tomar decisións... É dicir, non son problemas a posteriori, enraizados xa nunha sociedade con cidadáns de primeira e de segunda, e coa única saída de longos enfrontamentos e frustracións, cunha creba social. Esas dificultades, os problemas, son algo que xa existe e se ve e se sofre a diario, pero que máis ou menos pode dicirse que é algo que non está legalizado, co que aínda que con desvantaxe, pódese loitar contra el no sistema actual. O facer cidadáns (a secas, ou sexa, 'de primeira') e cidadáns con adxectivo (ou 'de segunda') levaría a ter que facer cambios no sistema para poder amañar algo. Ou sexa, ben máis difícil nun sistema que fai augas tamén por moitos outros sitios, pero que polo momento, é o que temos.
Mais titulares como o que cito están a facer esa incrustación de problemas para o futuro pouco a pouco. Seguen a o camiño equivalente non tanto a sinalar a orixe dos galegos e galegas, senón que o que sinalan e fan fincapé é na diferencia desa orixe, e na súa galeguidade.
Ademais da xustiza social ou a moral, os números amosan que as cousas irán mellor se, no futuro, adoptamos mellor un título parello a ‘Un de cada cinco galegos será tamén galego’, sen máis
A sociedade galega, como calquera outro corpo social, ten moitos problemas, dende a demografía, que se entende como tal co vello esquema inaplicable hoxe do medre continuo, á integración da xente que vén de fóra, que dalgún xeito se pretende que exista como asimilación pero que non se pon en marcha, non se practica, de ningún xeito. E así, ó tempo faise fincapé na necesidade de ‘atraer man de obra’ e no desexo de ‘Galicia para os galegos’ (cabería engadir ‘de pata negra’, ou, máis aínda, para algúns galegos con posibles).
Fálase da necesidade do seu traballo, para pagar as pensións ou a sanidade, o sistema social, ó tempo que asoma como asombro que as persoas que están a facer ese traballo se estean a beneficiar do sistema que contribúen a manter. E no medio, corren bulos de todo tipo, e seguirán a correr. Pero, a máis da xustiza social ou a moral, os números amosan que as cousas irán mellor se, no futuro, adoptamos mellor un título parello a ‘Un de cada cinco galegos será tamén galego’, sen máis.