Un ensaio anticipado dos comicios xerais

Urnas nunhas eleccións xerais Dominio Público Praza Pública

A pretensión dos promotores deste intenso circuíto electoral autonómico é dupla: acadar unha erosión acumulativa do goberno de Pedro Sánchez e reducir o espazo de Vox

Nun período aproximado de 6 meses van ter lugar 4 citas electorais noutras tantas Comunidades Autónomas. En dous casos -Andalucía e Castela e León- por ter rematado o prazo temporal da lexislatura; nos dous restantes -Extremadura e Aragón- como consecuencia dunha disolución anticipada das Cámaras lexislativas decidida polos mandatarios territoriais do PP coa total aprobación da dirección estatal que encabeza Alberto Núñez Feijoo.

A pretensión dos promotores deste intenso circuíto electoral autonómico é dupla: acadar unha erosión acumulativa do goberno de Pedro Sánchez e reducir o espazo de Vox. O primeiro experimento celebrado en Extremadura o pasado 21 de decembro certificou o serio desgaste que padece o PSOE e confirmou a notábel vitalidade nas urnas que posúe actualmente o partido de Abascal.

Esta estratexia dos dirixentes do PP provoca unha evidente depreciación das singularidades políticas asociadas a cada unha das CC. AA. involucradas. Non se quere que o corpo electoral reflexione e actúe en función das dinámicas rexistradas nos últimos anos en tal ou cal territorio. Tratase de crear un ensaio anticipado dos comicios xerais que propicie unha situación insostíbel e que faga inevitábel o adianto desa cita que se considera decisiva para desaloxar ao "goberno ilexítimo" xurdido no verán de 2023.

Pendentes do que podan indicar, de xeito mais pormenorizado, as análises postelectorais, os datos rexistrados en Extremadura suxiren que o derrube padecido polo PSOE non obedece a unha transferencia importante de votos cara ao PP senón á reacción abstencionista dunha parte relevante do seu electorado. Ademais do feito -inédito- da non coincidencia destes comicios cos municipais e das evidentes vulnerabilidades que presentaba o seu candidato, é probábel que a notábel desmobilización derive das dúbidas que experimentaron algúns dos votantes que viñan apoiando dende hai décadas ao partido que hoxe encabeza Sánchez. Semellante demostración de fatiga ten a suficiente envergadura para que os responsábeis acometan un exame sistemático do sucedido e do seu hipotético impacto nas consultas electorais que están programadas para as vindeiras semanas.

O que resulta pouco discutíbel é que o PP non foi quen de acadar o obxectivo que motivou o adianto electoral: non dispón da maioría absoluta pretendida e ten que aturar a presenza reforzada de Vox no escenario parlamentar de Extremadura. E, xa que logo, tampouco conseguiu ratificar a mensaxe que pregoa dende hai tempo para o conxunto da política estatal: a necesidade de que haxa unha concentración do voto conservador nas súas siglas para asegurar unha eventual futura gobernabilidade cómoda de Feijoo dende a Moncloa.

A suba experimentada por Vox -congruente cos prognósticos demoscópicos que se veñen publicando- confirma a vixencia de diversos factores que están operando en sectores do corpo social e que alimentan semellante apoio electoral: a reacción ante o medre da presenza de colectivos inmigrantes; o rexeitamento dunha parte da poboación masculina -singularmente nos segmentos de menor idade- ante o avance no exercicio dos dereitos das mulleres; a reivindicación compulsiva dun Estado español uniforme fronte á dinámica vivida nos últimos anos por mor dalgúns acordos inspirados no respecto a lóxica plurinacional; a negación do cambio climático e a oposición ás políticas que tratan de reducir o seu impacto nas condicións de vida das maiorías sociais... Quen desexe minimizar o papel de Vox na vida política deberá asumir o reto de confrontar esas ideas no ámbito do tecido social e postular programas de actuación gobernamental nas antípodas do que hoxe se formula dende a formación que dirixe Abascal. Xa non hai dúbida de que o PP de Feijoo renuncia a unha folla de ruta desta natureza e aceita a perspectiva de gobernar coa hipoteca de pactos que supoñan unha grave involución nos dereitos conseguidos nas últimas décadas.

Obviamente, o PSOE e os demais grupos políticos que posibilitaron a actual maioría no Parlamento estatal tamén están interpelados nesta relevante encrucillada. Quen, no seo dese amplo universo, deseñe as súas prioridades coa premisa de que xa é inevitábel a conformación dun futuro goberno PP-Vox estará cometendo unha grave responsabilidade no desenlace desta transcendental confrontación que preside a vida pública española.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.