É hora de construírmos xuntos —sociedade civil, administracións públicas e iniciativa empresarial privada— un espazo seguro para a lingua e a cultura galegas en Internet, o escaparate onde as sociedades da globalización se espoñen
É hora de construírmos xuntos —sociedade civil, administracións públicas e iniciativa empresarial privada— un espazo seguro para a lingua e a cultura galegas en Internet, o escaparate onde as sociedades da globalización se espoñen.
Non é posíbel un futuro para a nosa sociedade sen este espazo que visibilice o que somos e o que ofrecemos ao mundo. Por iso apelamos desde a nosa asociación a todos os actores sociais a tomar as rédeas e erguer así un edificio onde todas as sensibilidades estean presentes e onde as persoas usuarias poidan exercer o seu dereito a unha vida plena na nosa lingua.
Nun momento no que se consolida e amplía o uso da Intelixencia Artificial / LLM como instrumento imprescindíbel da economía, a extensión do espazo que ocupa o galego permite que a súa eficacia aumente exponencialmente.
Só é posíbel exercer este dereito formando parte dunha comunidade lingüística e cultural
Animar as persoas usuarias e consumidoras a empregar o galego é garantía dunha maior precisión na nosa lingua en todos os ámbitos do saber humano: ciencia, técnica, literatura e arte, economía, etc. E só é posíbel exercer este dereito formando parte dunha comunidade lingüística e cultural.
As conmemoracións polo ano Castelao remataron, pero temos sempre presentes as súas ensinanzas. Lembramos a viñeta da súa autoría que dicía: "Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos."