Un relato sobre o PSG: memorias dun “militante de aluvión” (III)

Propaganda do congreso do Partido Socialista Galego de 1977 © CCG / Fondo Miguel Gutiérrez

3. O PSG e as clases traballadoras galegas.

Ás alturas dos anos setenta, no seo do PSG non había total unanimidade á hora de interpretar a realidade económica e social da Galicia deses anos. Había dúas lecturas claramente diferenciadas: unha, maioritaria, que defendía a tese do atraso económico, que implicaba que Galicia estaba sometida a unha sorte de colonialismo interior, e outra, minoritaria, que pensaba(mos) que o pais xa estaba plenamente integrado no sistema capitalista

Ás alturas dos anos setenta, no seo do PSG non había total unanimidade á hora de interpretar a realidade económica e social da Galicia deses anos. Había dúas lecturas claramente diferenciadas: unha, maioritaria, que defendía a tese do atraso económico, que implicaba que Galicia estaba sometida a unha sorte de colonialismo interior, e outra, minoritaria, que pensaba(mos) que o pais xa estaba plenamente integrado no sistema capitalista e, por tanto, sometido ás leis do mercado e ao intercambio desigual -aínda que non éramos comunistas tiñamos como un texto de referencia “O desenrolo do capitalismo en Rusia” de V.I. Lenin-. Lecturas que explicarían a distinta visión, tanto sobre o papel protagonista que na estratexia do PSG debían de desempeñar as clases traballadoras -os obreiros, os labregos e os mariñeiros- como, incluso, sobre as alianzas políticas. Unha visión diferente que, a pesar diso, non parecía causa de ruptura pois unha idea común -a necesidade dun Partido Socialista Galego- estaba por riba das diferencias -nas estratexias e nas alianzas- e actuaba como pegamento.

En relación co primeiro asunto -o papel na estratexia das clases traballadoras- os estatutos e documentos de análise do PSG -que nesta materia se mostraban fieis ao ideario socialdemócrata- deixaban claro que os traballadores asalariados, os labregos e os mariñeiros terían que seren o motor do cambio social en Galicia e, xa que logo, debían ser o suxeito histórico para o PSG. Este, na súa Declaración de Principios, establecera coma un deles ao anticapitalismo: “cómpre combater o sistema capitalista, que exerce a explotación e a alienación do pobo traballador de Galicia, tanto dentro das formas de traballo asalariado como mediante o seu dominio sobre as camadas sociais labregas, mariñeiras, artesáns e demais non encadrados directamente en empresas capitalistas de seu”. 

Pobo traballador no que destacaban, como dicía antes, os traballadores asalariados, os labregos e os mariñeiros e para os que o PSG tiña o seu punto de vista que, repito, era claramente socialdemócrata -de clase- e galeguista. Así declararía que “a loita reivindicativa dos traballadores encerra unha dinámica avencelladora porque plantexa no plano do concreto reivindicacións de interese de crase que son, por definición, comúns a tódolos seus membros....o propio proxecto de construción do socialismo obriga ao PSG a contemplar tamén a loita sindical nesa perspectiva” -a de que o subdesenrolo galego suscitaba problemas particulares- “sen prexuízo da unidade de acción na acción reivindicativa. Como diferente é a non interferencia entre partido e sindicato, que o PSG decididamente postula”. En relación aos labregos e mariñeiros dicíase que “é peculiar a maneira en que resultan explotados os mal chamados traballadores autónomos, que son na súa maioría labregos e mariñeiros e constitúen ao propio tempo a maior parte do pobo traballador de Galicia...eles son a maior parte dos marxinados de Galicia. Precisan dunha estratexia especialmente concibida para os seus problemas e reclaman a participación fundamental que lles corresponde, solidariamente co resto do pobo traballador galego, na construción dunha nova sociedade”.

Velaí como enfocaba o PSG a situación do pobo traballador galego. A esas alturas -principios da década dos setenta- pensábase que tíñamos os principios ideolóxicos moi claros, pero como nos demostra continuamente a historia (debíamos ter lido a Antonio Gramsci: “Cartas dende a cadea”) unha cousa son os principios ideolóxicos e outra a práctica política -a táctica e a estratexia- algo que, como tratarei de explicar a continuación, fallou bastante no PSG e sería, na opinión de quen isto escribe, unha das causas principais do seu triste final. 

Os anos setenta porían a proba o papel a desempeñar polo PSG entre estas clases traballadoras galegas. Cun réxime fascista que empezaba a dar os primeiros sinais de debilidade e unhas clases traballadoras cada vez mais batalladoras a pesar da sumarísima represión, España e con ela Galicia coñeceron nesa década fortes loitas reivindicativas (folgas, manifestacións, tractoradas, peches....) que segundo algúns dos dirixentes sindicais máis destacados “fixeron que cambiaran moitas cousas en Galicia”. Anos nos que os conflitos laborais aínda comezando e tendo como centro as grandes factorías (Citroën, Bazán, Astano..), se estenderon por toda Galicia quen, segundo un vello líder sindical, “estivo á vangarda da loita obreira e antifranquista en España. As condicións dos obreiros eran precarias, os convenios colectivos rompíanse e as negociacións poucas veces se pechaban, pero, evidentemente, os conflitos laborais non eran soamente laborais nunha ditadura” eran tamén políticos. Conflitos que neses anos se estenderon ao sector rural cando os gandeiros se uniron en protesta (“as tractoradas”) polo prezo do leite (“folgas do leite”). 

Estes conflitos colleron ao PSG mal situado no escenario socio-político e nos que tivo unha presenza moi dispar por razóns políticas e orgánicas. Mentres nas protestas dos gandeiros tivo unha presencia relevante non sucedería o mesmo nos conflitos laborais

Uns conflitos que colleron ao PSG mal situado no escenario socio-político e nos que tivo unha presenza moi dispar por razóns políticas e orgánicas. Mentres nas protestas dos gandeiros tivo unha presencia relevante non sucedería o mesmo nos conflitos laborais. Entre os gandeiros, o PSG estaba, por eses anos, facendo un traballo sindical moi destacado pois, grazas á intelixente actividade duns cadros magníficos, estivo entre os fundadores das Comisións Labregas. Traballo que se viu damnificado polo sectarismo dunha parte que levaría a que aquelas se acabasen dividindo entre Comisións Labregas Terra e Comisións Labregas Fouce, que finalmente rematarían no Sindicato Agrario Galego (SAGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG): unha loita cainiña que castigaría politicamente tanto ao PSG como á UPG e debilitaría ao sindicalismo agrário.

En relación aos mariñeiros, o traballo político do PSG centrouse basicamente en estudos do sector mentres que os intentos de animar á creación dun sindicato -”Irmandade mariñeira”- non foron quen de callar. Creáronse grupos de traballo -”trasmallo”- que entre outras utilidades tivo a de redactar o programa para as eleccións de 1.977. Aínda que este tipo de traballos lle permitiu ao PSG ter unha certa influencia nalgunhas confrarías foi nun número moi cativo. Unha influencia que estivo condicionada por a visión incorrecta da situación laboral dun importante sector de mariñeiros que realmente eran traballadores contratados -enrolados nun barco- polo patrón ou armador e non podían considerarse como traballadores autónomos. 

Pero, na opinión de quen isto escribe, onde estivo o maior déficit político foi na acción político-sindical entre os traballadores asalariados. En medio deses anos o PSG apareceu embarrado nun debate que, dende a perspectiva actual, resulta dificilmente comprensible. Mentres, como xa sinalei nun artigo anterior, un sector minoritario da militancia apostaba por unha acción sindical clásica que se traduciría polo apoio claro a un sindicato de clase -que naquel intre pensábase que debía de ser a USO por ser quen máis se aproximaba ás concepcións laborais socialdemócratas do PSG-, un sector maioritario apostaba por impulsar frontes de traballadores galegos. Se a opción primeira non precisa explicación cómpre destacar que esta outra, e segundo a fronte obreira do PSG, consistía na “creación de frontes de traballadores galegos que estean por unha única Central Sindical Galega” definida como “un sindicato único e de clase”. Non parece necesario sinalar que esta opción estratéxica remataría nun absoluto fracaso, que afondaría aínda mais na xa moi débil implantación do PSG entre os traballadores asalariados. Un fracaso no que influíu o feito de que realmente nunca soubemos moi ben que se quería decir con eso dun “sindicato único de clase”.

Velaí expostas, a xeito de relato periodístico e non de análise político profundo, algunhas das razóns que poden axudar a entender por que o PSG nunca chegaría a ser o que na linguaxe política se coñece como un partido de masas

Velaí expostas, a xeito de relato periodístico e non de análise político profundo, algunhas das razóns que poden axudar a entender por que o PSG nunca chegaría a ser o que na linguaxe política se coñece como un partido de masas (“para encetáramos o camiño cara unha Galicia socialista o PSG pretende ampliar ao máximo a dimensión do socialismo como corrente de masas abranguendo na causa do pobo traballador de Galicia tódalas categorías sociais aliadas das clases traballadoras”). Razóns entre as que atopamos a realidade de que nunca, na súa curta historia, acadaría entre as clases traballadoras galegas ese protagonismo que reivindicaba nos seus principios e que intentou coa súa praxes política. Aínda que no último capítulo deste relato sobre o PSG entrarei en mais detalle resulta evidente que a estratexia sindical para os traballadores asalariados foi un rotundo fracaso: non era o momento de enredarse na “creación de frontes de traballadores galegos que estean por unha única central Sindical Galega” e si o de apoiar e sumarse as loitas que os traballadores galegos estaban levando a cabo neses anos. Tamén compre destacar tanto que a división das Comisións Labregas foi un golpe duro sindical e político canto que o traballo cos mariñeiros foi mais teórico -pero que indiscutiblemente tivo o seu valor- que sindical e político. Pero para ser obxectivos na análise, e tamén xustos cos homes e mulleres “pexegos”, hai que ter en consideración o contexto histórico no que o PSG e tódalas organizacións democráticas, políticas e sindicais, tiveron que desenrolar a sua actividade neses anos pois non se pode esquecer que vivíamos baixo a bota dunha terrible e moi cruel ditadura, que buscaba laminar toda oposición o que facía enormemente difícil calquera traballo político e sindical. Que nese marco os homes e mulleres do PSG tentaron (tentamos) introducir no debate ideolóxico, político e sindical a importancia de analizar sempre a loita de clases partindo da realidade social na que estas clases viven, que no noso caso é Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.