Unha lenda india conta a historia dun raxá que malvivía sumido na tristeza porque perdera ao seu fillo en batalla. O raxá volveu recuperar as ganas de vivir cando un brahmán, de nome Lahur Sessa, lle ensinou a xogar ao xadrez. Agradecido, o monarca ofreceulle a Sessa que lle pedise o que quixera para poder corresponderlle. O brahmán só quixo o trigo que lle dese un taboleiro de xadrez do seguinte xeito: na primeira casa, un gran; na segunda, dous; na terceira, catro; na seguinte, oito.
Así, sucesivamente, dobrando o número de grans, de casa en casa, até completar as sesenta e catro. O raxá, que non debía estar moi posto en matemáticas, dixo no intre que si, pensando cara aos seus adentros que ben pouco lle pedira. Mais cando os seus sabios fixeron o cálculo, deulles como resultado un número de vinte díxitos (algo máis de 18 trillóns), equivalente ás colleitas de trigo que daría toda a superficie terrestre dedicada hoxe á agricultura durante unha década.
Falando en prata: permítese o acceso das empresas privadas ás terras agrarias do Bantegal para producir o que lles pete, non necesariamente alimentos
Vén a conto isto porque as argucias da Consellaría de Medio Rural para permitir facer plantacións forestais en terras agrícolas, práctica hoxe tan prohibida como estendida na Galiza, teñen un algo de brincadeira de Lahur Sessa. As modificacións xa feitas na Lei de Mobilidade de Terras permiten que “calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada” acceda ás fincas do Banco de Terras (artigo 4) e define como “predio de vocación agraria” aquel que “sexa susceptible de ter un aproveitamento agrícola, forestal, gandeiro ou mixto” (artigo 3.1.). Falando en prata: permítese o acceso das empresas privadas ás terras agrarias do Bantegal para producir o que lles pete, non necesariamente alimentos.
O que sabemos da Lei de Montes, que aínda está en fase de proxecto, pecha o círculo ao permitir que “terreos rústicos de uso agrícola en estado de manifesto abandono e que estiveran adscritos a un banco de terras agrarias” se poidan forestar se cumpren, entre outros supostos, “que linden con terreos forestais” (artigo 61).
As novas argalladas de Medio Rural transformarían o Banco de Terras nun outlet inmobiliario para fornecer ás industrias enerxéticas e da celulosa con fincas de saldo
Se nos atemos a estes textos, as novas argalladas de Medio Rural transformarían o Banco de Terras nun outlet inmobiliario para fornecer ás industrias enerxéticas e da celulosa con fincas de saldo. O que nun principio foi pensado como ferramenta para solucionar a falla de base territorial das explotacións agrogandeiras, ponse ao servizo da especulación empresarial. Pura traxicomedia se pensamos que unha das principais causas desa falla de base terrritorial son, precisamente, as forestacións ilegais de terras agrarias fomentadas polo negocio deses mesmos sectores industriais que pretenden, agora, acaparar as agras en desuso en detrimento da produción alimentaria.
Para velo de xeito gráfico e xustificar a presenza de Lahur Sessa neste artigo, podemos botar man dun taboleiro de xadrez. Cada unha das 64 casas do taboleiro identifícase cunha coordenada obtida de poñerlle unha letra -da A á H- ás columnas, e un número -do 1 ao 8- ás filas, coma no xogo da guerra de barcos. Imaxinemos que a casa E5, que é unha das catro centrais, é unha finca forestada, legal ou ilegalmente, no medio doutras 63 leiras e prados inscritas no Banco de Terras, que serían o resto do taboleiro.
Coa xeometría dos grans de trigo, ao estar forestadas esas nove casas do centro do taboleiro, poderíanse forestar, automaticamente, as dezaseis que arrodean ás novas plantacións
Tal como vai redactada no proxecto, a nova Lei de Montes permitiría forestar as oito casas que arrodean a ese plantío forestal, xa que todas lindan con E5; e xa que todas están en “estado de manifesto abandono” pois, do contrario, non formarían parte da oferta do Banco de Terras. Coa xeometría dos grans de trigo, ao estar forestadas esas nove casas do centro do taboleiro, poderíanse forestar, automaticamente, as dezaseis que arrodean ás novas plantacións.
E así, sucesivamente, iriamos construíndo esa Galiza soñada polas fábricas de celulosa e as industrias enerxéticas, que tentan convencernos de que o rendible e moderno para o noso agro non é cultivar alimentos para vivir, senón materia combustible para queimar. Coma se de lume andásemos necesitados e a mantenza viñese do aire, vaia. Coma se, algún día, as follas de eucalipto e o arume dos piñeiros puidesen substituír aos grans de trigo.