Conmemoramos o 84 Aniversario da II República Española. Un 14 de abril de 1931, logo dunhas eleccións municipais como as que teremos en maio, mudou o réxime político. Mais o cambio non foi só de Monarquía a República. Afectou, sobre todo, aos valores cos que as candidaturas populares se presentaban e cos que triunfaron. Non era simplemente botar o rei e implantar a República. Tratábase de recuperar plenamente para a vida política e social os novos valores da civilidade, do republicanismo cívico, a res-pública, os principios e os fins da cousa pública, o Ben Común, aqueles grandes obxectivos que figuraban xa nos ideais da revolución francesa "Liberdade, igualdade, fraternidade", xunto coa reivindicación da cidadanía como suxeito político, o papel protagonista da sociedade civil e das súas organizacións, a defensa inequívoca do público, fronte á invasión e o saqueo privatizador.
O cambio non foi só de Monarquía a República. Afectou, sobre todo, aos valores cos que as candidaturas populares se presentaban e cos que triunfaron
Cando as Administracións Públicas, o Estado, os gobernos, en calquera dos seus ámbitos, deixan de protexer e garantir os dereitos das persoas, dos máis febles, da xente do común, ordinary people, para converterse en axentes dos máis poderosos, das elites non electas, das castas de diversos formatos, cando os dereitos humanos fanse papel mollado e as constitucións liturxia retórica, mesmo a xustiza e a separación de poderes, compre lembrar o magnífico Preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 cando di:
"...Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión..."
Unha rebelión cívica, cidadá, que probablemente empezou co 15M e que continua cos partidos emerxentes e as mareas democráticas que ameazan seriamente o modelo político turnista implantado en 1978
Unha rebelión cívica, cidadá, que probablemente empezou co 15M e que continua cos partidos emerxentes e as mareas democráticas que ameazan seriamente o modelo político turnista implantado en 1978. Un réxime que como aquel do alborexar os anos trinta estaba esgotado, cando menos para moitos sectores da poboación, especialmente, os mais novos.
Outro aspecto que merece un comentario foi o entusiasmo, a ilusión que xerou o republicanismo entre a poboación xa que significaba rexeneración democrática fronte a unha corrupción sistémica coma a actual: Al juego, hagan el juego, el estraperlo es dinero, de la derecha española, cantaba o meu avó, Jose María. Foi un período de encantamento, como o é o actual, coa caída en desgraza dos partidos dinásticos, hoxe bipartidistas. A II República chegou sen esperala, da noite para a mañá, aínda que fose un desexo soñado por tantas persoas de ben.
O republicanismo cívico, daquela como hoxe, significa moito mais que un cambio de réxime político, trátase do triunfo social dos valores democráticos, os grandes e os mais miúdos, aqueles sen os cales os anteriores carecen de sentido, refírome a decencia, a honestidade, a honradez, a transparencia, a vocación de servizo público, solidariedade, cooperación, tolerancia, laicidade ou a racionalidade.
Contan da existencia duns Mandamentos Republicanos, tan simples como relevantes, que compre coñecer e cumprir, especialmente polos candidatos e candidatas que aspiran, aspiramos, a entrar non novos concellos logo do 24 de maio
Contan da existencia duns Mandamentos Republicanos, tan simples como relevantes, que compre coñecer e cumprir, especialmente polos candidatos e candidatas que aspiran, aspiramos, a entrar non novos concellos logo do 24 de maio. Din así:
"O primeiro, amar a Xustiza por riba de todas as cousas. O segundo, render culto a Dignidade. O terceiro, vivir con Honestidade. O cuarto, intervir con rectitude na vida pública. O quinto, cultivar a intelixencia. O sexto, promover a educación. O sétimo, traballar. O oitavo aforrar. O noveno, protexer o mais feble. E o décimo, non procurar o beneficio propio a costas do prexuízo alleo"
Estes fermosos mandamentos foron editados na imprenta Gutenberg de Guadalajara, un 31 de maio de 1931, feitos públicos por Felix Población, xornalista vinculado ó centro documental da memoria histórica nun máis que oportuno artigo que viu a luz en Público recentemente.
As mareas municipalistas, cidadás e democráticas, deberían, deberiamos, asumilos como propios, eu fágoo publicamente, porque son o mellor exemplo de compromiso persoal coas virtudes e deberes cívicos republicanos, en definitiva, coa ética cívica.