Teño que recoñecer que levo días pensando en como enfocar este artigo, por varias razóns. A primeira, para non ferir sensibilidades, porque, neste pais noso, outra cousa non teremos, pero de sensibilidades imos mais que sobrados. Se sucedese o mesmo en canto a efectividade, sería para poñernos nun pedestal.
A segunda, porque o punto do que ía a partir quedou relegado, algúns dirán que moi oportunamente, polo crecente horror con que a violencia machista golpeou nestes últimos días, malia que aquí o horror dura pouco. Como moito ata despois dos minutos de silencio de rigor.
E, a terceira, porque ese horror ao que aludo non me deixa pensar con claridade, ou, mellor dito, si penso con claridade, pero non sei como transmitila, como dicir coa contundencia que creo é imprescindible que xa está ben de ollar a outro lado, de non chamarlle as cousas polo seu nome, e axudar así a que a nós, as mulleres, e, cada vez en mais ocasións, a moitas nenas e nenos, nos sigan matando. Malia todas estas razóns, vou tentar explicarme do mellor xeito posible.
O detonante para decidirme a escribir estas liñas foi a polémica xurdida a raíz dunha viñeta feminista que formaba parte dunha exposición de Diana Raznovich, na Estación Intermodal de Palma, organizada polo Institut Balear de la Dona, con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia Machista, polo que nela aparecían os logos de varios organismos públicos, e mesmo do Ministerio de Igualdade, na que se amosa a un xuíz que non cre a unha muller que denuncia maltrato por non presentar golpes nin lesións visibles.
A “treboada” non se fixo agardar, e esas sensibilidades das que falo ao comezo enseguida se deron por aludidas. Por unha banda, representantes de diferentes sectores do eido xudicial, que non vou citar agora, e mesmo Pilar Llop, a ministra de Xustiza, alegando o bo facer dos xuíces, o inxusto e falso desta acusación, o disuasorio que esta pode chegar a ser para as vítimas que estean pensando en denunciar, etc. Pola outra, ademais, naturalmente, da propia autora, e principalmente desde eidos feministas, que sostiñan que a mensaxe que lanzaba a viñeta en cuestión está perfectamente xustificada, que ten unha base moi real, que a violencia institucional no que atinxe a violencia de xénero existe, incidindo, ademais, na “intocabilidade” dos xuíces. E, como non, a lea entre ambos bandos e a que semella ser a principal preocupación, que esta campaña estivera pagada con fondos públicos e nela apareceran logos oficiais.
As vítimas, coma sempre, foron as eternas secundarias, as que non opinaron nin se lles escoitou... Que saberán elas?
O resultado deste debate foi a retirada da viñeta, co beneplácito dun bando e a indignación doutro, que sinala a existencia de censura. E, mentres todo isto acontecía, e, en tan so dous días, a sangría da violencia machista e da violencia vicaria manifestáronse con toda a virulencia, deixando ao seu paso pegadas tan terribles como, entre outras, o asasinato dun neno a mans do seu pai, malia existir unha denuncia por violencia de xénero, unha orde de afastamento da nai, así como unha inicial suspensión das visitas ao menor, posteriormente restablecidas por, din, unha descoordinación entre dous xulgados e porque o test de valoración de risco empregado pola policía, o infalible VioGén, valorara este como baixo... Demencial, non hai condena abondo! Ou o dunha muller asasinada en Nohales (Cuenca), que tamén contaba cunha orde de afastamento.
Pois ben, desde Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, e que, vivimos, desde hai 8 anos o seu día a día, e coñecemos as súas circunstancias de primeira man, por mais que moitos e moitas se resistan a admitilo, tamén temos algo que dicir, algo que, malia estar mais que constatado, malia repetilo ata a saciedade, unha e outra vez, durante anos e mais anos, ninguén semella escoitar, nin, porén, moito menos aínda, entender.
Para comezar, nin todo é branco, nin todo é negro. Tamén hai grises, e mesmo con matices.Teño que sinalar que a nosa experiencia co eido xudicial, na nosa cidade, é, de entrada, mais que positiva, e creo que podemos dicir que contamos cuns xuíces fantásticos en canto a humanidade e a sensibilidade coas vítimas, o cal non quere dicir, nin que sexa así en todas as partes, nin que esa violencia institucional non exista, como tampouco que sempre concordemos coas resolucións xudiciais.
De feito, moitas veces non é así e é moi certo que, en non poucas ocasións, na maioría, por desgraza, se a vítima non presenta sinais evidentes de ter sido maltratada fisicamente, ou non pode achegar, polo menos, probas coma mensaxes ameazantes ou testemuñas, é moi difícil que os seus casos teñan percorrido, principalmente cando falamos de violencia psicolóxica, practicamente imposible de demostrar, xa que case sempre é exercida de portas adentro, e o agresor adoita asegurarse de non deixar evidencias da mesma.
Pero non esquezamos algo fundamental, e que é reiteradamente ignorado e silenciado. Os xuíces, para tomar determinadas medidas, deben basearse en feitos contrastados, tanxibles, porque as propias leis, a xustiza, unhas leis e unha xustiza decimonónicas, claramente machistas, e que para nada evolucionaron nin se axustan a actual e real problemática, así llelo impoñen, moitas veces en contra das súas propias conviccións e facendo que eles mesmos se sintan frustrados.
E isto, en gran parte, sucede porque, desde o momento no que a muller se decide a denunciar, en non poucas ocasións, algo falla estrepitosa e reiteradamente, tan reiteradamente como é ignorado e silenciado. Desde o momento no que unha muller vítima de violencia machista cruza a porta dunha comisaría, e, en contra do que sucede con outros delitos, nos que a vítima para nada é cuestionada, ten que demostrar a veracidade do que está a denunciar e presentar probas irrefutables, xa que, do contrario, o percorrido da súa denuncia vai ser algo mais que curto.
Se a isto lle engadimos a valoración do sapientísimo test VioGen, que a golpe de computadora, e cunhas preguntas tipo, case sempre, ou mais ben debería dicir sempre, feitas cando a muller está esgotada despois de horas nas dependencias policiais, nun estado emocional mais que precario, cando non tamén físico, vai medir o risco que corre a súa vida, sen discusión posible, por mais que elas insistan, en non poucas ocasións, no incorrecto desa valoración, en que o perigo ao que están expostas, que a agresividade do seu maltratador, son moito maiores do que o test arroxa, e que senten pánico, o caldo de cultivo para a traxedia xa comezou a xestarse.
O que lle vai chegar ao xuíz é un atestado policial no que se fai constar que non se presentaron probas que amosen un perigo real para a muller, así como os resultados dun test de risco que avalan tal afirmación, que van ser decisivos a hora de que este dite ou non algunha medida para protexer a vítima. Que sucede cando, malia existir unha orde de afastamento, a vítima é agredida ou mesmo asasinada?.
Obviamente, nin estaba a ser debidamente protexida, nin ao seu agresor se lle estaba a facer o seguimento que sería imprescindible nestes casos, agresor, por certo, que, despois de ser denunciado e véndose libre, vólvese moito mais agresivo. O tema daría para encher folios e folios, pero, como non é posible, vou tentar resumir.
Ambas partes teñen a súa parte de razón, e, obviamente, existen xuíces machistas, ou que, como mínimo, deberían, mais a miúdo, molestarse en “rascar” un pouco mais, en tentar atopar mais argumentos, mais probas, que os que constan no atestado, e mesmo dos que a vítima conta, xa que os nervios, o medo e a vergoña, as leva as veces a esquecer ou a agochar feitos que serían decisivos para obter a protección que precisan, pero non é menos certo que, nunha elevada porcentaxe dos casos, o fracaso no proceso nace moito antes, no primeiro chanzo, e dicir, coa denuncia. Dito doutro xeito, falla a base, e isto non é novo nin descoñecido, por mais que se cale, e, sobre isto, si que non hai viñetas, nin desgraciadamente, debate.