Vóteme, burro

Se vostede segue a política galega con máis ou menos interese e é unha das 670.000 persoas que, en números redondos, optou o pasado domingo por algunha das forzas políticas ás que xenericamente situamos no espectro do centro-esquerda é perfectamente comprensible que apañase un bo cabreo. O PP de Alberto Núñez Feijóo pasou polas urnas ao xeito dun xinete arrasador e revalidou a maioría absoluta apenas un ano despois de que, nas eleccións municipais, o seu partido descendense ata cotas ineditamente baixas de apoio cidadán que o deixaban con pé e medio fóra de San Caetano. É lóxico o cabuxo. Mesmo que botase algún exabrupto contra o candidato triunfante e quen o apoian. E non vai ser?

Este bosquexo do votante enfadado, decepcionado ou triste polo triunfo do contrario e o fracaso dos propios -con todos os matices que en cada casa haxa- non é estraño e, sobre todo, non é nada novo. No entanto, a diferenza doutras épocas, agora parte destas reaccións iradas ou agres déitanse en espazos moito máis públicos que o salón da casa ou a mesa da taberna de cabeceira. Espazos de comentarios en xornais como o que está a ler e, sobre todo, as redes sociais, convértense en escenario de sentenzas que van do laio ao insulto simplón cara ao electorado contrario mentres, tamén, algúns fans de quen gañou glosan a xesta con verbas ás que só lles falta o acompañamento musical da charanga de Baltar sénior.

Dende a -cabe supoñer- sensación de que só son lidas polos (moi) partidarios, cargos orgánicos e electos acompañan escrutinios electorais con cualificativos que, aparentemente dirixidos aos adversarios, acaban impactando nas cacholas do pobo ao que representan ou aspiran a representar

Nada disto sería especialmente rechamante se a estes xeitos de xestionar emocións -é un falar- na vitoria e na derrota non se fosen engadindo, nos últimos tempos, persoas directamente implicadas nas contendas electorais. Dende a -cabe supoñer- sensación de que redes abertas ao mundo só son lidas polos (moi) partidarios dun mesmo, cargos orgánicos e electos acompañan escrutinios electorais e labores institucionais cotiáns con cualificativos que, aparentemente dirixidos aos adversarios políticos, acaban impactando nas cacholas do pobo ao que representan ou aspiran a representar. Como aderezo do disparo verbal a discreción non é estraño que figuren rechíos procedentes do inframundo da internet para apoiar as teses propias en presuntas novas con, habitualmente, tanta elegancia como rigor.

O último en incorrer nesta dinámica absurda foi un deputado de En Marea no Congreso que, horas e balbordo despois, deu en rectificar e desculparse. No entanto, as rifas ou insultos máis ou menos xenéricos ou disimulados contra quen se considera que vota a quen non debe, que vota mal, non son patrimonio da esquerda, aínda que no panorama político galego sexa esta parte do espectro ideolóxico a máis acostumada a saborear a contrariedade. Se buscan, sen ir máis lonxe, entre as persoas electas para formar parte do grupo parlamentario que sustentará absolutamente o terceiro goberno consecutivo do PP han atopar con facilidade a quen, por acción e omisión, adoitan alimentar conscientemente a destra guerrilla troll que opera e medra con especial vigor dende hai algo máis dun ano. Case sobra engadir que o segundo non fai máis xustificable o primeiro, nin viceversa.

Nada logran, máis que autorretratos pouco favorecedores, quen tratan de parvos e burros a quen seguen considerando que o PP é o mellor destino do seu voto

Nada logran, máis que autorretratos pouco favorecedores, quen tratan de parvos e burros a quen por motivos que non collen nestas liñas seguen considerando que o PP é o mellor destino do seu voto e, ao tempo, aspiran a que algún día muden de opinión. Conseguen exactamente o mesmo que quen rachan farisaicamente as vestiduras diante destas saídas de ton -ou dos risibles paternalismos que, dende alén Padornelo, dan clases de progresismo aos pobres gallegos- pero, simultaneamente, espallan bulos, descualificacións ou medias verdades sobre presuntos réximes bolivariano-separatistas que disque impoñen e oprimen en vilas e cidades con En Marea, PSdeG e BNG como horrendos viláns totalitarios, xuntos ou por separado. 

Argumenten, propoñan, critiquen e eloxien. E fágano, en dixital e en analóxico, sen esquecer que, para ben e para mal, non son uns e unhas calqueras. Para iso os temos e para iso os queremos. A outra alternativa é calar e seguir estando, ou non estar e ter campo aberto para guindar sen filtro a primeira simpleza que chegue ao miolo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.