20 candidaturas loitarán polos 75 escanos do Pazo do Hórreo

O 25-S os electores poderán elixir entre 11 e 18 papeletas, segundo a provincia na que voten © eldiario.es

O vindeiro 25 de setembro un total de 20 partidos ou coalicións distintas competirán por algún dos 75 escanos do Parlamento de Galicia, seis menos que os 26 que se presentaron ás últimas autonómicas de 2012. Os partidos que non repiten deixan agora máis de 60.000 votos orfos, o 5% dos que votaron hai catro anos

Desaparecen UPyD e Mario Conde, mentres que En Marea e Ciudadanos son as principais novidades

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores todas as listas e candidatos que concorrerán ás autonómicas. Dos 20 en total que o farán por algunha das catro circunscricións galegas, 18 aspiran a algún escano na Coruña, 11 en Lugo, 13 en Ourense e 15 en Pontevedra. Entre as formacións que repiten con respecto ás autonómicas de hai catro anos están PP (acadou 41 escanos con 661.000 votos, o 45% do total), PSdeG (18 escanos con 297.000 votos, o 20%), BNG (7 escanos con 146.000 votos, o 10%) e Compromiso por Galicia (que quedou sen escanos con 14.500 votos, o 1%). Entre as novidades desta convocatoria destacan En Marea, que recolle en parte a herdanza de AGE (9 escanos con 200.000 votos, o 13%), e Ciudadanos, ao que as enquisas lle dan posibilidades de acadar algún escano.

O listado das candidaturas complétase coas formacións Escanos en Branco, Partido Animalista, Democracia Ourensana, Comunistas da Galiza, Converxencia Vinteún, Recortes Cero-Grupo Verde, Ganemos Galicia, Unidos por el Futuro, Cidadáns-Centrum, Vía Nova Galicia, Acción Democrática Ciudadanos de Galicia, Partido Libertario, Alternativa Independiente de Galicia e Partido Anticorrupción y Justicia.

Máis de 60.000 votos de 2012, o 5% dos votantes daquela, non teñen onde recuncar

Entre as ausencias con respecto ás autonómicas de 2012 destacan as de UPyD, que entón acadou máis de 21.300 votos, o 1,5% do total, e Sociedad Civil y Democracia (SCD), o partido co que concorreu o ex-banqueiro Mario Conde, recentemente saído do cárcere en liberdade condicional, co que acadou uns 16.000 votos, o 1,1%. Ademais, Escanos en Branco, que daquel sumara 17.000 votos (o 1,2% do total) nas catro provincias, agora só se presenta por Pontevedra, onde hai catro anos acadara uns 4.900. Entre esas e outras formacións máis pequenas que agora tampouco concorren ás autonómicas sumaron en 2012 máis de 60.000 votantes, o 5% do total, que agora non terán onde recuncar se quixeran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.